A Consellería de Cultura e Educación e Lonza Biologics Porriño colaboran na formación do alumnado de formación profesional

O conselleiro vén de visitar a empresa, na que 22 alumnas e alumnos do CIFP Manuel Antonio do ciclo de grao superior de Química Industrial recibiron formación na empresa durante un período dunha semana
A compañía comprometeuse ademais a crear un programa de bolsas de formación para estes estudantes, así como a colaborar coa actualización dos coñecementos do profesorado de FP e dos traballadores da empresa
Mér, 26/03/2014 - 10:10
A Consellería de Cultura e Educación e Lonza Biologics Porriño colaboran na form
A Consellería de Cultura e Educación e Lonza Biologics Porriño colaboran na formación do alumnado de Formación Profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de visitar a empresa Lonza Biologics Porriño S.L. coa que o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de subscribir un convenio de colaboración para a formación do alumnado de Formación Profesional, nomeadamente do ciclo de grao superior en Química industrial do CIFP Manuel Antonio (Vigo). Ao conselleiro recibírono o director de Lonza, Luís Sánchez  e a directora de Recursos Humanos, María Santos.

Ao abeiro deste acordo a empresa Lonza Biologics Porriño, S.L. colaborará no proceso formativo do alumnado deste ciclo, naqueles módulos profesionais para os que se precise de laboratorios ou instalacións especiais dos que dispón esta empresa. Así 22 alumnas e alumnos do 2º curso desta titulación recibiron formación na empresa durante un período dunha semana, na segunda quincena do mes de febreiro. Esta formación consistiu nunha serie de prácticas na empresa, deseñadas en consonancia co currículo dos módulos de Regulación e control do proceso químico, de Reactores químicos e de Xeración e recuperación de enerxía. Tendo en conta esta experiencia do alumnado na empresa e para próximos cursos, poderase acordar incrementar a duración das mesmas e incluso amplialas para o alumnado de primeiro curso do ciclo.

Así mesmo alumnado do ciclo realizará o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) nas instalacións da empresa, aproveitando as vantaxes que os laboratorios e instalacións especiais da mesma supoñen para completar a súa formación.

Xesús Vázquez tivo a oportunidade de percorrer as instalacións da empresa e de agradecer o seu compromiso coa cualificación dos futuros profesionais do sector, no marco da estratexia que a Consellería está a seguir para proporcionar ao alumnado da FP unha preparación axustada ás necesidades reais do mundo laboral e, en concreto, do tecido produtivo galego.

Bolsa de formación e de emprego

Neste sentido o conselleiro salientou ademais outro dos puntos contemplados no convenio, como é a creación por parte da empresa dun programa de bolsas de formación para cada curso académico para o alumnado deste ciclo, con bolsas de prácticas cunha duración de entre 2 meses e un ano.

Así mesmo, valorou moi positivamente o feito de que Lonza Biologics S.L. se teña comprometido a incorporar como candidaturas preferentes os currículos dos estudantes que realicen a FCT nesta empresa na súa bolsa de emprego. “Isto –dixo- demostra que a FP galega é cada vez máis un aposta pola formación orientada ao emprego e á saída laboral da mocidade”.

Actualización de empregados e profesorado

O convenio asinado entre a Consellería e a compañía do Porriño contempla ademais a posibilidade de que ambas as partes organicen cursos ou seminarios sobre temas referentes ás novas tecnoloxías, tanto para persoal da propia empresa como para a actualización dos coñecementos do profesorado da FP, a quen tamén se ofrecerá estadías formativas en Lonza Bilogics.

Desta forma a Consellería incorpora unha nova iniciativa ás accións que vén realizando para a formación permanente do profesorado galego, como piar e garante que é da educación de calidade das xeracións futuras.

Durante o seu percorrido pola empresa o conselleiro estivo acompañado, ademais, polo director de Lonza Biologics Porriño, Luis Sánchez Ureña; polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e pola subdirectora xeral de FP; Mª Eugenia Pérez.

A empresa

Lonza Biologics Porriño forma parte da multinacional suíza Lonza, un dos provedores máis recoñecidos nos mercados farmacéutico e biotecnolóxico. No seu segmento, Lonza Biologics Porriño é a planta de produción máis  importante de España, cun cadro de 270 traballadores de alta cualificación, o que supón unha clara oportunidade para o alumnado beneficiado por este convenio.

Os produtos obtidos no Porriño empréganse en distintas terapias humanas, e diríxense ao tratamento de enfermidades inflamatorias, inmunolóxicas, respiratorias, cardiovasculares, do sistema nervioso, dexenerativas e canceríxenas.