Cultura e Educación convida a celebrar o Día da Poesía cunha programación especial nas bibliotecas nodais de toda Galicia

Durante a semana, as bibliotecas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela organizan actividades con motivo desta data
Certames, lecturas poéticas, obradoiros e mostras bibliográficas son algunhas das propostas que se organizan arredor do 21 de marzo dirixidas a todos os públicos
Lun, 17/03/2014 - 15:15
 Cultura e Educación convida a celebrar o Día da Poesía cunha programación espec
Cultura e Educación convida a celebrar o Día da Poesía cunha programación especial nas bibliotecas nodais de toda Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta semana unha programación especial de actividades nas bibliotecas nodais de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Poesía, que se celebra o vindeiro 21 de marzo. Co obxectivo de animar a cidadanía a participar neste festexo literario, as bibliotecas nodais de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela organizan diversas actividades, entre as que se inclúen lecturas poéticas, certames, obradoiros e mostras bibliográficas para todos os públicos.

Tamén haberá sorpresas, como no caso da biblioteca nodal de Ourense. Os días 21 e 22 de marzo, os seus usuarios e usuarias poderán participar na iniciativa ‘Cita cun poeta’, que ten como obxectivo animar os lectores a que leven en préstamo un libro sorpresa de poesía. As obras desta actividade estarán empaquetadas, polo que os usuarios e usuarias non saberán de que libro se trata ata que o collan prestado e o abran.

O día 21, tamén neste centro, o poeta ourensán José Antonio Santos Guede ofrecerá un achegamento á linguaxe e recursos poéticos para que os asistentes se animen a crear os seus propios versos. As creacións desta actividade, que terá lugar ás 19:30 horas, difundiranse a través da biblioteca e das redes sociais.

Fomentar a escrita poética

Para favorecer a escrita poética entre a cidadanía, a Biblioteca González Garcés da Coruña promove a primeira edición dun certame de poesía, dirixido a maiores de 16 anos. A resolución e a entrega do premio, dotado cun lote de libros e outros documentos tanto para o primeiro como para o segundo galardoado, será o día 23 de abril.

A través das sesións dos clubs de lectura de poetas en galego e castelán, os días 17, 19, 20 e 22 de marzo, o centro bibliotecario da Coruña organiza recitais, nos que tamén estarán presentes os versos creados polos membros dos clubs de lectura. Para os máis pequerrechos programa a actividade ‘Rimando e xogando’, con Ana Hermida, o sábado 22 de marzo ás 12 horas.

Actividades para os máis pequenos

As bibliotecas Juan Compañel de Vigo e Antonio Odriozola de Pontevedra tamén propoñen arredor desta celebración iniciativas para o público infantil. A primeira organiza ‘Un saquiño cheo de contos’, un actividade con contos e poesías para escoitar e contar dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos, que terá lugar o sábado 22 de marzo ás 12 horas. O propio día 21, ás 18 horas, a biblioteca de Pontevedra organiza ‘Os contos de chupete’, unha sesión de contos para bebés a cargo de Migallas, na que dialogarán a música en directo, a literatura infantil e a tradición oral. Para participar nesta actividade, cómpre inscribirse no enderezo electrónico biblio.publica.pontevedra@xunta.es, no teléfono 986 85 08 38 ou no terceiro andar da biblioteca propia biblioteca, en horario de 9 a 14 horas.

Obradoiro de improvisación oral

Na celebración do Día Internacional da Poesía tampouco faltarán os obradoiros de improvisación oral en verso, como o que organiza a biblioteca nodal de Lugo o día 21 de marzo ás 18 horas, con Regueifeiros de Galicia. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa deberán anotarse previamente no mostrador da biblioteca.

A poesía en diálogo con outros ámbitos artísticos

Finalmente, a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela porá en diálogo a poesía co audiovisual e as artes plásticas. Para iso, creará, por unha banda, un ‘Rincón de poesía de todos e do mundo’, a través dun taboleiro para ver, ler, escribir e mesmo debuxar poesía, que se completará cun videoclip con poemas murais e visuais, no vestíbulo da biblioteca.

Ademais, propón, en colaboración co grupo dos Boscquexeiros, a actividade ‘A poesía da pintura (ou a pintura da poesía)’, para convidar a debuxar poemas e versos con eles. Nas mesas que se dispoñan para a actividade, que será o 21 de marzo ás 19:00 horas, os adultos tamén terán un agasallo.

Ambas as dúas actividades están organizadas polos membros do obradoiro interxeneracional de poesía da biblioteca compostelá, coordinado a través do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Deste xeito, a Secretaría Xeral de Cultura convida a cidadanía a celebrar esta data, que tamén forma parte do Calendario do Libro e da Lectura de Galicia, cunha programación diversa e gratuíta, dirixida a todos os públicos, e que ten como obxectivo a difusión e a posta en valor da poesía.