O conselleiro de Cultura e Educación destaca a Asorey como “o escultor da raza” no 125 aniversario do seu nacemento

Vázquez Abad anunciou a colaboración da Consellería na organización de actividades que conmemoran este aniversario

O Panteón de Galegos Ilustres acolleu a homenaxe ao cambadés, na que estivo presente o fillo de Asorey así como os alcaldes de Santiago e Cambados

Mar, 04/03/2014 - 12:55
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na homenaxe que se lle rendeu a Francisco Asorey co gallo do 125 aniversario do seu nacemento

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, afirmou hoxe na homenaxe que se lle rendeu a Francisco Asorey co gallo do 125 aniversario do seu nacemento que “se Ramón Cabanillas foi definido acertadamente como ‘o poeta da raza’, Asorey é sen dúbida o escultor da raza”. No acto, unha ofrenda floral desenvolvida no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, o conselleiro lembrou que “Asorey é unha das figuras máis sobranceiras e relevantes da renovación da arte escultórica do século XX”.

O acto de hoxe encádrase nas actividades programadas para homenaxear a Francisco Asorey no 125 aniversario do seu nacemento coas que, tal e como anunciou Xesús Vázquez, colaborará a Consellería de Cultura e Educación. “Neste día –dixo o conselleiro–, no que celebramos os 125 anos do nacemento de Francisco Asorey, desde o Goberno de Galicia reiteramos o noso compromiso coa transcendental relevancia da súa figura e a colaboración do departamento de Cultura coa programación conmemorativa desta efeméride.”

Entre estas iniciativas están previstas a convocatoria do primeiro certame de escultura ‘Francisco Asorey’ para artistas noveis; así como unha mostra que repasará a traxectoria do escultor, e que se exporá no Pazo de Fonseca (Santiago de Compostela) e mais no Pazo de Torrado (Cambados). Así mesmo, está previsto organizar un curso de verán na USC en Cambados coa participación de distintos profesionais e especialistas na vida e obra do escultor.

Na homenaxe participaron, ademais, o fillo do escultor, José Manuel Asorey; o alcalde de Cambados –localidade natal de Asorey–, Luis Aragunde; o rexedor compostelán, Ángel Currás; e mais o secretario da Asociación Cultural Francisco Asorey, Vicente Pérez, entre outras autoridades.