A Consellería de Cultura e Educación impulsa a formación en biblioteconomía a través da convocatoria de 31 bolsas na rede de bibliotecas de Galicia

A iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas que promove o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para avanzar na calidade do sistema bibliotecario de Galicia
Mér, 26/02/2014 - 12:25
 A Consellería de Cultura e Educación impulsa a formación en biblioteconomía a t
A Consellería de Cultura e Educación impulsa a formación en biblioteconomía a través da convocatoria de 31 bolsas na rede de bibliotecas de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reafirma o seu compromiso coa consolidación dun sistema bibliotecario de calidade en Galicia mediante unha nova convocatoria de bolsas de formación en materia de biblioteconomía, un total de 31,  a través da que os beneficiarios mellorarán as súas competencias cun período de formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios. A iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas que promove o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, dirixidas a reforzar o sistema público de bibliotecas de Galicia.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 27 de marzo e as bases da convocatoria poden consultarse no ‘Diario Oficial de Galicia’ (DOG) de hoxe, 26 de febreiro.

Formación e requirimentos

Ao abeiro da orde publicada hoxe no DOG convócanse un total de 31 bolsas para a aprendizaxe das tarefas técnicas que se realizan nas bibliotecas de Galicia no relativo á organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía. Esta iniciativa súmase ás actuacións que promove a consellería para avanzar na obtención duns servizos bibliotecarios de calidade, adaptados ás actuais necesidades culturais, de información, formación e ocio da cidadanía, así como para garantir o dereito dos galegos e galegas a accederen en condicións de igualdade á cultura, á lectura e ao coñecemento.

De acordo con este compromiso no impulso á formación en biblioteconomía, a Consellería destina 215.760 euros ao financiamento da convocatoria destas bolsas, dirixidas aos titulados na diplomatura en Biblioteconomía e Documentación e licenciados en Biblioteconomía, Documentación, Historia, Filoloxía ou Humanidades que desexen realizar as súas prácticas nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Formación práctica e teórica

Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros por un período de 8 meses aos que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Consellería a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto polo departamento autonómico. Ademais da parte práctica, a formación comprenderá unha parte teórica e outra práctica que será impartida por persoal técnico bibliotecario.

Consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas, a Xunta vén ocupándose mediante a realización de cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, compleméntase coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén o contacto diario e directo das bolseiras e dos bolseiros, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia dabondo, como medio de promoción profesional.