A Consellería de Educación potenciará a formación a distancia do profesorado a través dos cursos online

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa presentou aos sindicatos na mesa sectorial o borrador de novo decreto para regular a estrutura da formación permanente dos docentes
Mér, 30/06/2010 - 14:05
Borrador de novo decreto para regular a estrutura  da formación permanente
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa presentou aos sindicatos na mesa sectorial o borrador de novo decreto para regular a estrutura da formación permanente dos docentes

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai potenciar a formación a distancia do profesorado a través de cursos online, co fin de ofrecer unha oferta formativa máis ampla aos docentes galegos, adaptándose ademais ás necesidades dun sistema educativo en constante evolución. Así llelo explicou hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, aos sindicatos na mesa sectorial docente de ensino non universitario, na que lles presentou o proxecto de decreto polo que se vai regular a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros educativos sostidos con fondos públicos.

O novo decreto ten como obxectivo mellorar a formación do profesorado, adecuándoa ás liñas prioritarias de traballo do sistema educativo actual. Desta forma, tal e como explicou o director xeral de Educación, a Consellería potenciará a formación naqueles eidos nos que está a centrar as súas actuacións, tales como a mellora da competencia lingüística do profesorado, cando menos, nunha lingua estranxeira; a preparación para o uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); o incremento da formación a distancia. O que se busca, engadiu José Luis Mira, é “dar apoio ao profesorado”, a través da mellora continua da calidade na súa formación permanente.

Planificación e estrutura

Para iso, o decreto establece unha nova planificación da formación, en torno a un Plan Estratéxico e aos plans anuais. Así, no Plan Estratéxico definiranse os obxectivos que hai que conseguir ao remate dun período de catro anos, así como a súa concreción en obxectivos. Nos plans anuais desenvolveranse os obxectivos ano a ano, a través de medidas e accións concretas. Para a elaboración de ambos os dous teranse en conta as necesidades de formación dos docentes e as propostas realizadas por estes.

Outra das novidades contempladas no novo texto é a creación dun Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), cuxas funcións serán a coordinación e deseño das accións formativas –presenciais ou a distancia- que integran os plans anuais, promover as actividades de intercambio e debate entre o profesorado, desenvolver e avaliar proxectos de investigación e innovación educativa, e detectar e recoller as necesidade e demandas de formación nos centros educativos, propoñendo iniciativas e accións formativas que as satisfagan. Ademais deseñará e desenvolverá os plans de formación a distancia, coas que achegalos a todos os docentes, e facilitarlle así o acceso á formación.

Pola súa banda, os Centros de Formación e Recursos detectarán e recollerán as necesidades do seu ámbito de actuación, no que tamén promoverán accións de formación do profesorado nos centros. Ademais, proporcionarán aos docentes do seu ámbito territorial un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.

Doutra banda, e co fin de manter e garantir unha distribución territorial que faga posible o acceso do profesorado á formación permanente, o CAFI e os Centros de Formación de Recursos contarán co apoio de centros colaboradores. Estes, segundo establece o texto presentado hoxe, facilitarán os espazos e medios necesarios para a realización de actividades formativas, necesarias para satisfacer a demanda existente.

Respecto dos asesores de formación, serán seleccionados mediante concurso público de méritos entre o funcionariado de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias e con destino en centros dependentes da Consellería de Educación. Estas persoas serán nomeadas por un período de un ano, renovable cada 12 meses ata un máximo de 8 anos. Rematado este período, e para poder optar de novo ao desempeño desta función, as asesoras e asesores deberán incorporarse ao exercicio da docencia durante polo menos 3 cursos.

Avaliación de actividades

Outra das propostas de mellora deste decreto é a de establecer un completo método de avaliación dos plans de formación e da súa repercusión no sistema educativo, co fin de analizar e contrastar os procesos e resultados obtidos no seu desenvolvemento. Para iso contémplase un procedemento de avaliación interna, desenvolvido polo CAFI e os Centros de Formación e Recursos; e unha avaliación externa, promovida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, coa colaboración da Inspección Educativa.

Nesta mesma liña, o novo decreto aposta pola creación dun rexistro xeral de actividades de formación permanente das profesoras e profesores, e de rexistros auxiliares en cada un dos Centros de Formación e Recursos, nos que se rexistrarán as actividades certificadas por cada centro.

Mellora da práctica educativa

Tal e como explicou hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, o fin último do novo decreto é o de promover o desenvolvemento profesional do profesorado para a mellora da práctica educativa.

Neste novo plantexamento, a Consellería de Educación segue a apoiar de forma decidida aos docentes, peza clave do sistema educativo, dotándoos da preparación idónea para o desenvolvemento da súa función, adaptándoa ademais aos cambios da sociedade.