O conselleiro de Cultura e Educación entrega ao CEIP Xurés de Lobios o premio “Debuxa o teu cole”

No concurso, organizado por Novagalicia Banco e Os Bolechas, participaron 40.000 nenas e nenos de 600 centros educativos de toda a comunidade
Xunto a Xesús Vázquez Abad estiveron presentes representantes da entidade organizadora e do centro educativo
Ven, 07/02/2014 - 12:51

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe o premio “Debuxa o teu cole” aos 61 estudantes do CEIP Xurés de Lobios, nun acto no que estivo acompañado pola directora de Marketing de Novagalicia Banco, Paz Comesaña, pola directora do centro gañador, Rosa María Rodríguez López, e polos cinco personaxes que conforman Os Bolechas. Tamén estiveron presentes o secretario xeral de política lingüística e a xefa territorial de Educación en Ourense, Mercedes Gallego.

O conselleiro de Educación felicitou ao colexio gañador: “Parabéns polo esforzo realizado-dixo-, por contarnos a todos, da man dos Bolechas e a través das imaxes deseñadas polos nenos e nenas, o importante que é a escola para o correcto desenvolvemento da infancia, o encomiable labor que desenvolven os mestres e o valor de que a casa e o colexio camiñen da man na educación dos cativos e cativas. Entre os Bolechas e vós, se seguides traballando e implicándovos en iniciativas coma esta, moitas cousas podedes facer para mellorar o noso contorno, para desenvolver as nosas potencialidades e para corrixir os nosos erros”. Vázquez Abad tamén engadiu os seus parabéns e agradecementos para Novagalicia Banco e Edicións Bolanda  “pola súa aposta polos nenos e nenas da nosa Comunidade, para os que se convocou este concurso”.

Pola súa banda Paz Comesaña, directora de Marketing de Novagalicia sinalou que “este é un exemplo máis do compromiso social de Novagalicia Banco”. “Financiamos ás familias, ás empresas, aos autónomos e ás pemes, pero tamén colaboramos con oenegués, con asociacións e colectivos de todo tipo, e desenvolvemos proxectos como o que hoxe nos trouxo aquí”, asegurou a representante do banco.

O concurso

Os estudantes do CEIP de Xurés recibiron un cheque de 3.000 euros, nun acto incluído nunha xornada de actividades de festa de Os Bolechas que contou cun obradoiro con Pepe Carreiro, autor dos cinco personaxes desta popular serie de literatura infantil. Posteriormente proxectouse un vídeo cunha aventura de Os Bolechas e ademais as nenas e nenos do CEIP do Xurés puideron realizar actividades no como xogos didáctivos, karaoke e biblioteca.

No concurso participaron 600 centros de infantil e primaria de toda Galicia, cun total de 40.000 escolares e 2.250 docentes. Todos eles recibiron un lote de cadernos de actividades de Os Bolechas. Ademais na modalidade individual, Novagalicia Banco repartiu 30 premios de 60 euros, outros 30 de 30 euros e 60 Bibliotecas Básicas de Os Bolechas (12 libros + unha maleta). Cómpre recordar que o concurso está impulsado por Novagalicia Banco e edicións Bolanda, empresa editora de Os Bolechas.