O programa Voz Natura abre o prazo de inscrición para o próximo curso dedicado aos hortos ecolóxicos
Ven, 07/02/2014 - 12:39
Voz Natura

Ata o próximo 15 de marzo está aberto o prazo de presentación de proxectos medioambientais para a próxima edición de Voz Natura, curso 2014-2015. Os centros educativos de Galicia de todos os niveis —excepto o universitario—, as escolas obradoiro e as asociacións poden presentar as súas propostas a través dun formulario en liña aloxado na web do programa onde tamén estarán dispoñibles as bases da que será xa a 18ª edición. Unha vez recibidas as propostas, un Comité Científico analizará e valorará os proxectos e no mes de xuño farase pública a listaxe de centros admitidos e que contarán con financiamento do programa. Os proxectos aprobados polo Comité Científico comezarán a executarse co inicio do próximo curso escolar, no mes de setembro.

Os equipos que aspiren a participar en Voz Natura poden presentar proxectos que inclúan todo tipo de actuacións e, especialmente, accións directas na súa contorna. Así, é recomendable que os equipos propoñan actividades como limpezas e recuperacións de zonas naturais degradadas, plantacións e reforestacións... Xunto a estas, teñen cabida outras relativas á reciclaxe e a concienciación ambiental.

Para o próximo curso a proposta céntrase en actividades orientadas á creación e mantemento de hortos ecolóxicos co obxectivo de fomentar o coidado e conservación do medio natural, mellorar a calidade de vida e promover hábitos saudables entre o alumnado e as súas familias.