Cultura e Educación apoia o libro-CD ‘Doce canciones gallegas’, que recupera unha iniciativa pioneira na promoción da cultura propia na década dos cincuenta
O CGAC acollerá o vindeiro mércores a presentación deste traballo que enxalza e valoriza a poesía galega a través da música de destacados compositores españois
A Consellería colabora coa publicación do proxecto, froito do traballo realizado pola soprano Begoña Salgueiro e o pianista Brais González
Os dous artistas intepretarán unha pequena escolma de pezas do volume para clausurar o acto
Xov, 06/02/2014 - 14:35
 Cultura e Educación apoia o libro-CD ‘Doce canciones gallegas’, que recupera un
Cultura e Educación apoia o libro-CD ‘Doce canciones gallegas’, que recupera unha iniciativa pioneira na promoción da cultura propia na década dos cincuenta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá no Centro Galego de Arte Contemporánea a presentación do disco-libro ‘Doce canciones gallegas’, un traballo da soprano Begoña Salgueiro e do pianista Brais González que achega música contemporánea con textos poéticos clásicos da literatura galega.

A Consellería colabora e participará o vindeiro día 12 de febreiro, ás 20:00 horas, na presentación do proxecto, dado ao prelo por Andavira. Ademais dos representantes de Cultura e Educación, está previsto que tamén interveñan na presentación a propia soprano Begoña Salgueiro, o pianista Brais González, e o resto de persoas que participan nesta publicación: os profesores Luís Costa e Xosé Carlos Bernárdez, e a artista plástica Menca Estévez. O acto pecharase coa interpretación de ‘Aureana do Sil’ e ‘As froliñas dos toxos’, a cargo de Salgueiro e González.

O libro-CD, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, é froito dun traballo de investigación e creatividade multidisciplinar e aporta como principal novidade a gravación conxunta dos doce temas. Isto supón a recuperación e difusión dun importante patrimonio poético-musical, practicamente descoñecido para o público galego.

De maneira concreta, ‘Doce canciones gallegas’ reúne poesías de autores galegos do talle de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela e Xosé Ramón e Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), musicadas por diversos compositores españois da segunda metade do século XX como Frederic Mompou, Xavier Montsalvage, Jesús Guridi, Eduard Toldrà ou Joaquín Rodrigo, entre outros.

A iniciativa de Antonio Fernández-Cid

Doce canciones gallegas’ fíxose orixinariamente realidade grazas ao empeño do crítico musical galego, Antonio Fernández-Cid, quen acadou que a Deputación ourensá encargara doce pezas musicais a algúns dos máis destacados compositores de mediados do século XX. As pezas foron estreadas o 15 de xuño de 1951 pola soprano Carmen Pérez Durías e a pianista Carmen Díaz Martín na cidade de Ourense. As mesmas intérpretes foron tamén protagonistas da estrea madrileña, que tivo lugar unha semana despois, o 22 de xuño, baixo o patrocinio do Centro Galego.