Cultura e Educación informa favorablemente o plan especial de reforma interior do Barrio do Cura

Desde o departamento competente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acéptanse as modificacións propostas, establecendo que as mesmas sexan incorporadas ao documento definitivo

Mér, 05/02/2014 - 19:46

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informa de xeito favorable ás modificacións propostas polo equipo redactor do documento do Plan Urbanístico do Barrio do Cura, se ben establece que as mesmas deben ser incorporadas ao documento definitivo antes da súa aprobación por parte do Concello de Vigo. O informe favorable remitíuselle no día de hoxe ao consistorio vigués. A Consellería quere salientar a dilixencia, rapidez e rigor empregados na elaboración do informe. Neste sentido, desde a Xunta de Galicia tívose moi en conta a importancia que para o futuro da cidade de Vigo pode ter o Barrio do Cura.

A maiores, cómpre lembrar que co obxectivo de garantir as máis axeitadas medidas para a salvagarda do patrimonio cultural olívico, principalmente na relación da cidade co mar e co singular conxunto histórico do Casco Vello, no desenvolvemento urbanístico deste ámbito, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estableceu unhas cautelas e condicións nos seus informes previos referentes ao Barrio do Cura.

As devanditas cautelas e condicións refírense en concreto aos aspectos de integración da fachada –que xa foran comunicadas ao Concello de Vigo o pasado mes de agosto–, e da que se deu conta de xeito extenso no mes de novembro coa remisión dunha documentación que inclúe un amplo estudo arqueolóxico e unhas infografías nas que se recolle a proposta de ordenación de volumes e integración no ámbito urbano desta área.