A nova edición do programa ‘Ler conta moito’ de cultura e educación pon ao dispor das bibliotecas máis de 160 propostas para dinamizar a lectura

Os centros da Rede de Bibliotecas de Galicia interesados en participar no programa poderán solicitar ata o vindeiro 11 de febreiro as actividades
Obradoiros creativos, actividades de animación á lectura con teatro, música, maxia e danza, contacontos, exposicións e proxeccións audiovisuais son as principais propostas do novo catálogo de ‘Ler conta moito’
En 2013 realizáronse ao abeiro deste programa máis de 600 actividades en 155 bibliotecas públicas de toda Galicia para dinamizar a lectura e o espazo bibliotecario
Mér, 29/01/2014 - 12:50
A nova edición do programa ‘Ler conta moito’ de cultura e educación pon ao dispo
A nova edición do programa ‘Ler conta moito’ de cultura e educación pon ao dispor das bibliotecas máis de 160 propostas para dinamizar a lectura

O programa ‘Ler conta moito’ 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un catálogo con 162 propostas lúdicas para a dinamización da lectura a través da Rede de Bibliotecas de Galicia. As bibliotecas da rede que estean interesadas en programar actividades de ‘Ler conta moito’ poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 11 de febreiro, a través da páxina www.rbgalicia.xunta.es, onde están accesibles os requisitos para participar no programa.

Obradoiros creativos, actividades de narración oral, proxeccións audiovisuais na biblioteca, actividades de dinamización con música, teatro, danza e maxia, exposicións, charlas e itinerarios guiados son as principais actividades do novo catálogo de ‘Ler conta moito’, un programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura para favorecer a promoción da lectura entre a cidadanía, especialmente entre os máis novos.  

Unha ferramenta para dinamizar a lectura

O catálogo de actividades de ‘Ler conta moito’, que están dirixidas a diferentes públicos (bebés, nenos e nenas, mocidade, adultos e colectivos con necesidades especiais), está actualmente ao dispor da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia como recurso para a elaboración da súa programación anual de difusión cultural e fomento da lectura. Cada biblioteca deberá solicitar e programar un mínimo de dúas actividades. A Secretaría Xeral de Cultura aboará o 75% do custo das actividades programadas, mentres que os concellos implicados aboarán o 25% restante.

En 2013, o departamento dirixido por Anxo Lorenzo puxo en marcha este novo programa de dinamización da lectura, ao abeiro do que se realizaron nese ano un total de 606 actividades en 155 bibliotecas públicas de toda Galicia, que foron relatadas polas bibliotecas no blog http://blogs.xunta.es/lercontamoito/.