Xesús Vázquez Abad comproba no CEIP da Laxe, en Marín, o resultado das obras do pavillón, cun investimento de preto de 185.000 euros

As instalacións deportivas contan cunha zona de vestiarios completamente nova que se une ás obras de mellora realizadas no centro nos últimos anos

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou ademais o desenvolvemento no centro dos dous contratos programa asinados este curso

Lun, 27/01/2014 - 14:15
CEIP da Laxe
CEIP da Laxe

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu hoxe o CEIP da Laxe en Marín para dar conta do seu estado e comprobar de primeira man o resultado das últimas obras de mellora realizadas no pavillón deportivo e que supuxeron un investimento de preto de 185.000 euros.

Ademais, no transcurso da visita na que estivo acompañado polo director do centro e o xefe territorial de educación en Pontevedra, Francisco Suárez e César Pérez Ares, respectivamente, o conselleiro comprobou os resultados obtidos coa implantación de dous contratos programas no presente curso.

Durante a visita, Vázquez Abad comprobou o resultado da última obra realizada no pavillón e relativa ao acondicionamento dos vestiarios. “Con esta obra a Xunta volve a dar conta do seu esforzo por responder ás necesidades educativas dos centros galegos. E, a pesar da complicada situación económica, continúanse a facer obras de mellora necesarias para o óptimo funcionamento dos centros”, sinalou o conselleiro ao tempo que recordou que “esta obra engádese a outras melloras que a Consellería lava realizando neste centro nos últimos anos tanto no aspecto de infraestruturas como en equipamentos educativos.

Así, compre sinalar que no CEIP da Laxe, no que estudan máis de duascentas nenas e nenos, a Consellería leva investidos nos últimos anos preto de 380.000 euros nas melloras relativas ao espazo da biblioteca, que participa no Plan de Mellora de Bibliotecas, e nas infraestruturas con melloras relativas ao illamento e a instalación eléctrica. O centro conta tamén con Plan Abalar.

Contratos programa

Así, e unha vez asinados esta mesma maña ditos contratos programa cos centros de Pontevedra e a súa área de influencia, o conselleiro quixo visitar un dos colexios asinantes. Neste caso, nas modalidades PROA e de mellora da lectura, escritura e cálculo. Cómpre sinalar que este centro participa neste programa de apoio desde o curso 2011/ 2012 e este ano contan, por primeira vez, con dúas liñas de respaldo.