A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns e incorpora 107 docentes ao sistema para desenvolver actuacións de mellora da calidade educativa, con contratos-programa adaptados ás necesidades de cada centro

O conselleiro asinou hoxe os correspondentes á provincia de Ourense, un total de 40 centros, un 14,3% máis que o curso pasado

Preto de 4.500 alumnas e alumnos da provincia beneficiaranse desta iniciativa grazas á implicación de máis de 420 docentes

Lun, 20/01/2014 - 11:15
 A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns e incorpora 107 docent
A Consellería de Cultura e Educación inviste 4,1 millóns e incorpora 107 docentes ao sistema para desenvolver actuacións de mellora da calidade educativa, con contratos-programa adaptados ás necesidades de cada centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con 40 centros educativos da provincia de Ourense, o que supón un incremento de 5 centros respecto do curso pasado, un 14,3% máis. Para o desenvolvemento destas actuacións en toda Galicia o investimento ascende a 4,1 millóns de euros – un 28% máis que no curso pasado-, e implicará a incorporación ao sistema de 107 docentes contratados a maiores para este fin. Para a provincia de Ourense o orzamento será de 387.000 euros, un 16,2% máis ca no curso anterior.

Nun acto desenvolvido na delegación da Xunta na cidade das Burgas o titular do departamento educativo autonómico agradeceu a implicación dos centros de ensino, os equipos directivos e os docentes nesta iniciativa, que ten como obxectivo a mellora da calidade en base ás particularidades de cada comunidade educativa.

Neste sentido salientou o esforzo realizado por centros como o IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia) ou o CEIP Vistahermosa (Ourense), que desenvolven ata tres liñas de actuación da convocatoria de contratos-programa, no caso do CEIP sumándose á sexta delas, para a mellora da calidade na xestión dos centros, nova liña incorporada neste curso 2013-2014.

Preto de 4.500 alumnas e alumnos da provincia – un 3% máis ca no 2012/2013- beneficiaranse este curso dos contratos-programa, grazas á implicación de máis de 420 docentes, 190 docentes máis implicados na provincia que o curso pasado. Deles, 8 serán docentes externos, contratados especificamente para este fin.

Os centros desenvolverán un total de 69 actuacións enmarcadas nas diferentes liñas da convocatoria, un 56,8% máis ca no ano académico 2012/2013. Delas, 39 delas serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 33-; 22 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 8 do 12/13-; 3 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foi 1); 4 para favorecer a excelencia educativa –o dobre que as 2 do ano anterior-; e 1 para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

A relación de centros implicados coas súas correspondentes liñas a desenvolver pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web /portal/node/11424 .

Ademais dos representantes dos centros asinantes, no acto participaron o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.

Éxito da terceira convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, unha delas os contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Esta terceira convocatoria confirma o éxito do programa, no que participarán este curso  un total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. No conxunto da comunidade autónoma beneficiaranse da iniciativa preto de 44.000 alumnas e alumnos, implicando a 4.200 docentes. Ademais, a Consellería incrementa este ano o orzamento destinado ao programa, que acada arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.