O Secretario Xeral de Educación inaugurou a mostra "100 anos de Exposición Rexional Galega", en Santiago de Compostela

Ata mediados de febreiro poderá verse, no IES Rosalía de Castro, como era Santiago nesas datas, coicidindo co primeiro Xacobeo do Século
Mar, 22/12/2009 - 14:12

O Secretario Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Luis Vázquez, inaugurou na tarde de hoxe a mostra "100 anos de Exposición Universal", no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela. A exposición, que poderá ser visitada ata mediados de febreiro de 2010, é unha recompilación de 44 imaxes da mostra que en 1909 instalouse na cidade compostelán.

Durante o discurso inaugural o Secretario Xeral destacou "a importancia do valor histórico das fotografías, como medio para fortalecer a memoria colectiva. Neste espazo poderán apreciar como era todo hai un século, xa que por aquí pasaron máis de douscentos figurantes entre os que había cabezudos, música, cabaleiros, militares... todos eles recreando usos e costumes da época". Vázquez felicitou aos organizadores do evento "por dedicar esta exposición a un tema tan importante como é o retrato vivo de todo un tempo da nosa historia".

O valor histórico

No 1909 Santiago de Compostela, foi a sede da Exposición Rexional Galega, con motivo do primeiro Xacobeo do século pasado. O recinto, dividiuse en once pavillóns, e deu cabida a máis de 600 instalacións onde se expuxeron 10.000 pezas de arqueoloxía, obra de arte e historia. Máis de 53.000 visitantes recorreron as instalacións do apartado de Contemporánea no suroeste da Alameda, e da sección de Arqueoloxía, no Colexio San Clemente, actual IES Rosalía de Castro.

Ata o vindeiro mes de febreiro o recinto escolar acollerá a mostra que recorda o acontecemento que se viviu en Santiago a través de 44 imaxes obtidas de diversos fondos artísticos e hemerográficos tanto de institucións públicas como privadas, así como de revistas e xornais da época. Ademais das imaxes, tódolos días -de10 a 13 horas, e de19 a 23- proxectarase sobre a fachada do IES Rosalía de Castro unha recreación virtual dos edificios máis importantes de hai cen anos.