Xesús Vázquez Abad visita as instalacións do CRA Amencer de Ribadavia, que participa no proxecto “RuralSchoolCloud”

O programa no que participan outros tres centros galegos e escolas de diversos países europeos experimenta con metodoloxías e ferramentas TIC na nube
Lun, 13/01/2014 - 13:25
Xesús Vázquez Abad visita as instalacións do CRA Amencer de Ribadavia
Xesús Vázquez Abad visita as instalacións do CRA Amencer de Ribadavia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu hoxe pola maña as instalacións de San Paio, integrada no Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer, de Ribadavia.

Así Vázquez Abad, acompañado pola directora Isabel García Díaz, e polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, aproveitou a visita ao centro para comprobar as súas dependencias e o desenvolvemento que fan do proxecto “RuralSchoolCloud. Could Computing for School Networking& Learning (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), a través dunha conexión na nube coas escolas infantís de Francelos e San Cristovo, centros que xunto ao de Ventosela compoñen o CRA Amencer, no que estudan 45 alumnas e alumnos, e que tamén pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas desde hai dous anos.

Cómpre recordar que a través do “RuralSchoolCloud. Could Computing for School Networking& Learning” póñense en práctica metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.

Programa RuralSchoolCloud

Xunto ao CRA Amencer os de Boqueixón, Vilaboa e Ponteceso tamén participan nesta iniciativa do mesmo xeito que outros centros situados en zonas rurais de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido. Cómpre recordar que representantes de todos os centros participantes mantiveron un encontro o pasado mes de decembro con membros da Consellería no que intercambiaron opinións e ideas sobre o desenvolvemento do programa.

O “RuralSchoolClould” é unha iniciativa na que a Xunta participa a través da Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coordinados polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC. Asemade tamén contan co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting&Programming e o da compañía tecnolóxica HP.

Desenvolvemento e obxectivo

RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con sistemas educativos, idades e características diferentes.

As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.