Cultura e Educación presenta ás asociacións de nenos con TDAH as liñas mestras do protocolo que está a elaborar para a identificación e tratamento psicoeducativo deste alumnado
O conselleiro mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes destas entidades de apoio a nenos con déficit de atención e hiperactividade co obxectivo de que estas presenten as súas achegas ao texto que se está a redactar
Xov, 09/01/2014 - 13:19
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes das asociacións de nenos con déficit de atención e hiperactividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes das asociacións de nenos con déficit de atención e hiperactividade, un encontro no que se lles presentaron as liñas mestras do protocolo que se está a elaborar para a atención a este alumnado. O obxectivo é que estas entidades fagan as súas achegas, co fin de que o protocolo final – que será un protocolo integral conxunto coa Consellería de Sanidade- conte coa participación de todos os axentes implicados.

Na xuntanza o conselleiro salientou o compromiso do seu departamento coa atención a este alumnado. De feito, tal e como lembrou, a presenza da TDAH na Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) foi unha das numerosas achegas desta Consellería durante o proceso de elaboración da normativa. Neste sentido explicoulles ademais que o alumnado con déficit de atención e con hiperactividade vai ter tamén presenza na norma de desenvolvemento do Decreto 229/2011, de atención á diversidade, na que a Consellería está a traballar para reforzar a súa postura diante da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade.

Así mesmo, Xesús Vázquez explicou que a Consellería xa está a formar ao profesorado para a atención específica a estes estudantes, en concreto 620 docentes participaron en cursos de formación do profesorado -254 horas en total- nos que se trata o TDAH.

Protocolo integral

Segundo explicou Vázquez Abad, o protocolo de identificación e tratamento psicoeducativo para o alumnado con TDAH vai orientado á  atención deste alumnado na escola e na familia, desde a súa identificación temperá e o correspondente tratamento psicoeducativo, ata, de ser o caso, a súa derivación, por medio da familia, aos servizos sociosanitarios cando se entenda necesaria a súa intervención.

“Hoxe sabemos que o alumnado con déficit de atención con ou sen hiperactividade non é un maleducado ou un despreocupado, nin busca ser o protagonista ou o líder do grupo coa súa forma de ser, senón que presenta unhas dificultades que teñen máis que ver coa metodoloxía usada na aula ca co seu potencial de aprendizaxe”. Así, sinalou que con este protocolo a Consellería busca garantir para estas alumnas e alumnos unha educación de calidade, na que a atención e tratamento se adecúe ás súas necesidades particulares.

Xesús Vázquez quixo ademais agradecer o labor que docentes e familias realizan en torno a estas nenas e nenos, promovendo actividades e estímulos. “Sabemos hoxe que as emocións xogan un papel fundamental no proceso de ensino e aprendizaxe. Sen o voso esforzo e traballo chegar a unha escola inclusiva non sería posible”.