Xesús Vázquez Abad prende a nova iluminación do adarve da Muralla Romana de Lugo
A Consellería de Cultura e Educación investiu máis de 165.000 euros na instalación de 397 luminarias
Lun, 30/12/2013 - 19:40
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, xunto ao titular de Economía e Industria, Francisco Conde, prendeu hoxe a nova iluminación do adarve da Muralla Romana de Lugo,

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, prendeu hoxe a nova iluminación do adarve da Muralla Romana de Lugo, na que se investiron máis de 165.000 euros. Coa instalación destas 397 novas luminarias a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso con este monumento, no que ten investido máis de 2,1 millóns de euros desde 2009, fronte aos 1,6 destinados polo anterior Goberno Bipartito á Muralla.

En total son 397 luminarias dotadas de lámpadas LED, que substitúen ás 396 dotadas de lámpadas de haloxenuros metálicos anteriores: 336 de 35 W e ás 60 de 11 W. Os novos puntos de luz basean os seus criterios de deseño nos principios básicos de compatibilidade cos valores culturais do monumento e as súas características formais e construtivas, aproveitamento máximo dos elementos e instalacións previas, redución do custe de implantación, funcionamento e mantemento, lonxevidade, dispoñibilidade no mercado de materiais e repostos, e sinxeleza construtiva e formal.

As novas luminarias manterá ademais os criterios de iluminación principais das instaladas anteriormente, no que refire á intensidade luminosa e posición, xa que neste senso, estímase o máis compatible co monumento e as súas condicións de uso.

Dende a incorporación do primeiro sistema de iluminación no ano 2000, as luminarias foron obxecto de múltiples fenómenos de vandalismo e roubo, o que obrigou á retirada dos elementos restantes para evitar o risco para as persoas e conservar o propio material, así como a previsión dunha nova instalación de iluminación, da que se ocupa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Eficiencia

Cos parámetros actuais de traballo, estímase que o consumo global da instalación pode ser ata 10 veces menor que o anterior, e a lonxevidade das lámpadas ata 10 veces superior. Ademais ideouse un deseño das luminarias máis sinxelo, que permita tamén un menor custe de reposición daquelas que poidan deteriorarse.

O conselleiro salientou a importancia deste novo alumeado para que este monumento declarado pola UNESCO Patrimonio Mundial, luza en todo o seu esplendor.

Durante a visita, Vázquez Abad estivo acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; a delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Previsión para 2014

Durante a visita ao monumento Patrimonio da Humanidade o conselleiro de Cultura e Educación sinalou que “no 2014 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería xa ten previsto un investimento de máis de 400.000 euros para o desenvolvemento do plan de plan de mantemento da muralla así como para a redacción do proxecto básico e de execución e a construción dun ascensor que de acceso ao adarve da muralla”.

Nunha nova aposta da Consellería para a posta en valor e a rehabilitación desta construción Vázquez Abad destacou que tamén se están a realizar actuacións dirixidas a restauración e conservación de zonas concretas, así asegurou que “se esta a traballar tanto do cubo VI como na redacción do proxecto básico e de execución da restauración da Porta Miña con actuacións de carácter técnico e de traballo”.