A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 334 centros educativos, un 15,6 % máis que o curso pasado

O obxectivo desta iniciativa é conseguir que preto de 44.000 alumnas e alumnos de toda Galicia se beneficien grazas á implicación de 4.200 docentes e ao esforzo da consellería, que nesta ocasión inviste máis 4,1 millóns de euros.

Nesta terceira convocatoria, os contratos-programa consolídanse como unha iniciativa eficiente a prol da mellora da calidade, da convivencia e excelencia do sistema educativo galego e contra o abandono escolar.

Xov, 26/12/2013 - 13:52
A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 33
A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos- programa cun total de 334 centros educativos, un 15,6 % máis que o curso pasado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa de que este curso 2013/14 está previsto asinar contratos-programa cun total de 334 centros educativos de toda Galicia, o que supón un incremento de 45 centros fronte aos 289 do curso pasado, un 15,6% máis. O obxectivo desta iniciativa é conseguir que preto de 44.000 alumnas e alumnos de toda a Comunidade se beneficien destes contratos-programa, feito que se consegue grazas á implicación de 4.200 docentes e ao esforzo da Consellería, que nesta ocasión inviste arredor de 4,1 millóns de euros, un 28% máis que no curso pasado.

Deste xeito, quedou confirmado o éxito da terceira convocatoria desta iniciativa que se consolida como un programa eficiente contra o abandono escolar e a prol da mellora da calidade, da convivencia e a excelencia do sistema educativo galego, e que este curso introduce unha actuación nova dirixida a favorecer a mellora da calidade na xestión dos centros, na que participan un total de 13 centros. O feito de incrementarse o número de solicitudes nun 12,69 % mostra o interese da comunidade educativa tanto na continuidade dos contratos-programa coma nas novas actuacións educativas a prol do alumnado.

Estas cifras supoñen que máis de 1 de cada 3 centros públicos de ensino obrigatorio de Galicia participan nesta iniciativa. O alumnado beneficiado incrementouse este curso nun 23%, o que supón que 3 de cada 10 alumnos galegos en ensino obrigatorio participan nos contratos-programa. Así mesmo, o alto grado de implicación dos docentes queda reflectido en que un 14% do total do profesorado galego intervén directamente no desenvolvemento dos contratos-programa, 1.250 profesores máis ca no curso pasado.

Liñas de actuación

Os centros participantes no curso 2013/2014 desenvolverán un total de 541 actuacións (un 29,7% máis que no 12/13). Delas, 294 serán para o reforzo, orientación e apoio – no curso anterior foron 256-; 123 de mellora da lectura, escritura e cálculo – fronte ás 91 do 12/13-; 50 para a mellora da convivencia (no ano académico anterior foron 34); 11 dirixidas á redución do abandono escolar – case o dobre ca no 12/13, cando foron 6 as actuacións desta liña-; 50 para favorecer a excelencia educativa –o ano anterior foron 30 -; e 13para mellorar a calidade na xestión dos centros, a nova liña da convocatoria.

O 56% dos centros beneficiarios desta terceira convocatoria de contrato-programa son de primaria e o 44 % son de secundaria.

Investimento

Respecto ao investimento, a Consellería destina un total de 4,1 millóns de euros neste curso 2013/14 fronte aos 3,2 do curso pasado, o que representa un 28% máis. O maior investimento é en recursos humanos, é diríxese ás gratificacións ao profesorado dos centros nos programas de reforzo fora de horario escolar; e a contratación de 107 novos docentes externos de apoio. A partida máis importante en gastos de funcionamento é a derivada dos gastos inherentes ás actividades e ao transporte escolar, demostrando un claro apoio ao rural galego

Obxectivo do programa

No contexto europeo, o Consello de Ministros da UE do 12 de maio de 2009 adoptou o novo Marco para a cooperación europea en educación e formación (ET 2020). Nesta xuntanza comunitaria fixáronse unha serie de obxectivos estratéxicos para 2020, entre os que destacan mellorar da calidade e eficiencia da educación e a formación, que inclúe reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento en competencias básicas e aumentar a competencia en linguas estranxeiras.

En liña con estas directrices, a Consellería de Cultura e Educación decidiu poñer en marcha no curso 11/12 varias iniciativas para mellorar o éxito escolar, e unha destas medidas foi a creación dos contratos-programa cos centros docentes públicos. A introdución desta figura supón un cambio na cultura dos centros, xa que lles permite, unha vez analizadas as súas fortalezas e debilidades, e segundo o seu contexto, deseñar e propoñer un proxecto propio enfocado ás principais actuacións propostas para a súa mellora, todo isto nun marco de maior autonomía pedagóxica, de organización e xestión.

Así mesmo, este programa contribúe a afondar na cultura da avaliación, co establecemento de indicadores de resultado específicos para cada centro. Permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento tanto do centro como da administración educativa para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.