En cinco cursos Cultura e Educación impulsou a FP cun incremento de matrícula do 48,4%, grazas á multiplicación de prazas en centros públicos con especial reforzo dos CIFP

O TSXG vén de desestimar o recurso presentado pola CIG contra a conversión de IES en CIFP

Desta forma confírmase o acaído dunha medida que conseguir incrementar –só nestes centros- nun 61,8% as prazas e multiplicar por máis que 3 o número de matriculados na rede de CIFP

Ven, 20/12/2013 - 12:20
O conselleiro de Cultura na rolda de prensa desta mañá
O conselleiro de Cultura na rolda de prensa desta mañá

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá en rolda de prensa os últimos datos referidos á Formación Profesional galega, que revelan o éxito da estratexia de impulso destas ensinanzas posta en marcha polo seu departamento, un acto informativo no que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e pola subdirectora de FP, María Eugenia Pérez. Así, nos últimos 5 cursos a matrícula nos centros de Galicia que imparten FP tense incrementado – xa cos datos definitivos- nun 48,4%, grazas á multiplicación de prazas en centros públicos, un 49,5% máis ca no curso 2008/2009; e do reforzo da rede de Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP).

De feito, o conselleiro anunciou na rolda de prensa a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de desestimar o recurso contencioso-administrativo interposto pola CIG contra o decreto 118/2011 polo que se regula a transformación de IES en CIFP. Tal e como explicou Vázquez Abad, o tribunal dá a razón á Consellería ao considerar que a conversión de IES en Centros Integrados de FP é unha decisión administrativa ou de organización, é dicir, que a Consellería exerceu unha facultade de autodisposición sobre si mesma para cumprir mellor os fins do seu interese xeral. “Diso, do feito de que sexa unha manifestación da potestade de autoorganización da Administración e non ‘ad extra’, despréndese que non era preciso que o decreto pasara polo Consello Escolar de Galicia, nin tampouco polo Consello da Xunta”, sinalou o conselleiro. Explicou ademais que o fallo do TSXG refírese ao decreto como unha medida ditada “para reorganizar os centros docentes públicos, ao resultar imperiosa a necesidade de ampliar a rede de centros integrados que permita unha potenciación da formación profesional específica”.

Tanto esta decisión do TSXG como os datos presentados na rolda de prensa demostran o acaído da decisión da Consellería de ampliar a rede de CIFP, que conta hoxe con 9 centros máis ca no 2008/2009, un total de 19 dependentes do departamento de Cultura e Educación. Non en balde no ano 2012 os 17 centros que conformaban a Rede de CIFP de Galicia nese momento, certificáronse en calidade segundo a Norma UNE-EN-ISO 9001:2008; “e temos previsto que os dous centros que se acaban de incorporar á Rede acaden a certificación de calidade durante o presente curso”, explicou Vázquez Abad.

Matriculación en alza

Unha vez recollidos os datos definitivos de matrícula, incluídos os dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), no curso 2013/2014 hai na FP galega un total de 51.564 matriculados, fronte aos 34.746 do 08/09, “un 48,40% máis ca no curso 2008/2009, é dicir, 16.818 estudantes máis”, explicou Xesús Vázquez, quen resaltou ademais o éxito da FP nos centros públicos, nos que o incremento do alumnado no último lustro ascende ao 54,8%, “o que significa que 15.860 - do total de 16.818- deses estudantes máis que hoxe ten a FP cursan estas ensinanzas en centros públicos”.

Por réximes cómpre salientar que o maior incremento se produciu no réxime modular para adultos, no que o número de matriculados se multiplicou por 3,7 nos últimos 5 anos, da man ademais das novas modalidades postas en marcha pola Consellería dirixida por Vázquez Abad: a FP a distancia e a FP dual. Así mesmo tense producido un forte incremento, do 71,7%,  no número de persoas que cursan PCPI , “grazas á posta en valor destas ensinanzas e tamén en parte ás facilidades que desde ela se ofrecen para obter o título de graduado en ESO”, e ao traballo da Consellería para incrementar nun 54,8% o número de prazas ofertadas nestes programas respecto das do 2008/2009.

No que atinxe á matrícula nos CIFP o incremento é claro: pasouse dos 4.963 matriculados do curso 2008/2009 nestes centros aos 15.166 do curso 2013/2014.

Por familias profesionais as que maior interese suscitaron neste últimos 5 anos foron a de Téxtil, confección e pel (313,2%), Industrias alimentarias, "no que inflúe por exemplo o ciclo de Aceite e Viños posto en marcha por esta Consellería"(206%), Servizos socioculturais e á comunidade (127,5%)e as novas familias postas en marcha no último lustro: Seguridade e medio ambiente e Enerxía e auga, cun incremento de matrícula do 100% en ambos os casos.

Incremento da oferta

O conselleiro sinalou dous aspectos fundamentais para o aumento de matrícula, en concreto a maior oferta posta a disposición da cidadanía e a modernización dos currículos formativos para adaptalos ás necesidades da realidade socioeconómica galega e á Lei das Cualificacións Profesionais.

Respecto do incremento da oferta, o conselleiro explicou que o aumento de prazas en primeiro curso nos ciclos impartidos en centros públicos ascende ao 49,5%, cun total de 24.483 prazas, 8.110 prazas máis respecto do curso 08/09. Tamén neste caso os CIFP centran boa parte do avance, con casos como o dos centros integrados de FP A Carballeira- Marcos Valcárcel (Ourense) - cun incremento da oferta do 51,8%- As Mercedes (Lugo) - + 43,2%-, o Coroso (Ribeira) -100% máis- ou a Xunqueira (Pontevedra) -91,8% de incremento-.

Respecto da modernización dos currículos o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que xa se teñen adaptado ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia un total de 75 currículos de Formación profesional -30 de grao medio e 45 de grao superior-, e outros 15 están xa rematados e próximos a súa publicación no DOG, “nos que xa estamos traballando para que poidan entrar en vigor no vindeiro curso 2014/2015”.

Esta modernización de currículos permitiu, así mesmo, incrementar o número de ciclos autorizados ata os 917 ciclos en centros públicos 113 máis dos que había hai 5 anos. De novo, os CIFP destacan neste eido, cun 47,6% máis de ciclos autorizados ca no curso 2008/2009.

Ciclos novos e FP dual

Xesús Vázquez fixo fincapé tamén no esforzo do seu departamento por detectar as necesidades de formación da sociedade e poñer en marcha ou propoñer ao Ministerio novos ciclos. De feito, explicou que xa se está a traballar na creación dun ciclo de grao superior en Promoción e igualdade de xénero e novos ciclos nas familias de Artes gráficas e Comercio e márketing.

Neste sentido lembrou ademais a posta en marcha en Galicia nos últimos anos de ciclos da familia profesional de Enerxía e Auga e do ciclo de Aceite e Viños; “así como o Animacións 3D, xogos e contornos interactivos e o de Vídeo-disc-jockey na familia de Imaxe e Son ou o de Programación da produción en moldeamento de metais e polímeros”. Na mesma liña a Consellería presentou ao Ministerio do ramo unha proposta para a creación de ensinanzas específicas de FP no campo do hidrotermalismo e a balneoterapia, co fin de dar resposta ás demandas de persoal cualificado que require o sector.

Ademais, o conselleiro salientou a implantación da FP Dual en Galicia, modalidade na que xa se están a desenvolver 5 proxectos en 5 ciclos diferentes, cun total de 75 prazas “e con empresas tan importantes como Coremain, UNVI, Repsol e FEPROHOS”. A este respecto Vázquez Abad anunciou tamén que o seu departamento ten previsto asinar proximamente un convenio con Finsa, para a implantación dun proxecto de FP dual no ciclo superior de mecatrónica industrial co CIFP Politécnico de Santiago. “Ademais mantemos tamén a comunicación para a posible posta en marcha doutro proxecto de FP Dual con Bosch Security Systems”.

Viveiros de empresa e FCT

Por outra banda Vázquez Abad salientou a ampliación da rede de viveiros de empresa en centros educativos como outro dos importantes avances destes últimos anos en materia de FP. Así, a Consellería ten xa proxectada unha rede conformada por 16 viveiros:  9 xa existentes no CIFP Ánxel Casal (A Coruña), CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), CIFP Politécnico de Lugo , CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP Portovello (Ourense), CIFP A Granxa (Ponteareas), CIFP Manuel Antonio (Vigo), e IES Luís Seoane (Pontevedra);  os 5 que están comezando a funcionar nos CIFP A Farixa (Ourense), A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense), A Xunqueira (Pontevedra), Ferrolterra (Ferrol)e As Mercedes (Lugo) e os 2 en proxecto nos IES de Fene e Ricardo Mella (Vigo).

Trátase dunha aposta da Consellería paralela ao traballo que desenvolve para chegar a acordos con empresas que lles permitan aos estudantes realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) en empresas. Sobre o particular o conselleiro salientou que respecto do 2008/2009 tense incrementado nun 22,5% o número de alumnas e alumnos que realizan o módulo de FCT, nun 23,3% o número de horas de FCT realizadas, nun 18% o número de empresas implicadas e nun 20,6% o número de convenios asinados con empresas, que acadan xa os 12.636 neste curso.  

Ademais incidiu na oportunidade que a Consellería vén dando para que as persoas traballadoras melloren a súa certificación a través do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais obtidas da experiencia laboral ou de formación non formal. “Nos últimos anos téñense convocado un total de 22.115 prazas neste proceso, e contamos con convocar máis de 8.000 no 2014”.