A Consellería de Cultura e Educación ofrece estas vacacións de Nadal actividades de fomento da lectura para toda a familia na Biblioteca Ánxel Casal

A biblioteca nodal de Santiago de Compostela acollerá obradoiros para rapaces de todas as idades, contacontos e mesmo un espectáculo musical nos meses de decembro e xaneiro
Desta forma a Consellería favorece ademais a conciliación da vida laboral e familiar, así como a mellora das competencias lectoras
Xov, 19/12/2013 - 10:10
Biblioteca Ánxel Casal
Biblioteca Ánxel Casal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece un ano máis en vacacións de Nadal unha ampla oferta de actividades para todos os públicos na Biblioteca Pública Ánxel Casal -a nodal de Santiago de Compostela- , de forma que a lectura e todo o que a rodea se converta nunha opción de lecer para as familias nestas datas. De feito todas as bibliotecas nodais dependentes da Consellería contan cunha ampla programación para estas festas, no marco da estratexia de promoción do libro e a lectura que mantén o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad a través de iniciativas como o Plan Lía ou o programa ‘Ler conta moito’. Desta forma a Consellería favorece ademais a conciliación da vida laboral e familiar.

Desta forma, a biblioteca nodal de Santiago vén ofrecendo desde principios de mes obradoiros para nenas e nenos de diferentes idades, que rematan hoxe xoves cun percorrido pola historia do libro para rapaces entre 10 e 14 anos. Así mesmo, a xa habitual programación do ‘Sábados, choiva de contos’, dedicarase o día 21 ás persoas con problemas de audición, para os que persoal da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia interpretarán contos na lingua de signos, permitíndolles gozar da experiencia do ‘contacontos’. Así mesmo, o 28 de decembro Fátima Fernández amosará aos máis pequenos da casa os medos e dúbidas dos animais, nun contacontos enmarcado no programa da Consellería ‘Ler conta moito’.

Música e concursos

No aspecto musical a primeira cita será o 30 de decembro, cando Luís Soto e o seu fillo Lucas ofrezan un concerto didáctico de frauta traveseira co fin de introducir ás nenas e nenos no mundo da música clásica a través dos contos, dándolles aos pequenos a oportunidade de participar no recital con cadanseu instrumento. Ademais o 2 de decembro a Ánxel Casal acollerá o espectáculo musical ‘A nena e o grilo nun barquiño’, ao igual ca na anterior actividade, para nenas e nenos de todas as idades.

Ademais a biblioteca nodal de Santiago de Compostela acolle ata o 7 de decembro na súa sala infantil unha mostra bibliográfico sobre o Nadal, e organizou o II Concurso de fotografía ‘Lendo en Compostela’, que se fallará o vindeiro día 20 de decembro. Neste mesmo sentido, continúa aínda aberto o prazo –ata o 31 de decembro- para participar no II Concurso de Cartas de Reis, organizado polo Concello, e co que colabora a biblioteca.