A Consellería de Cultura e Educación ofrece estas vacacións de Nadal actividades de fomento da lectura para toda a familia na Biblioteca Pública Nodal de Lugo

Desta forma a Consellería favorece ademais a conciliación da vida laboral e familiar, así como a mellora das competencias lectoras

Mér, 18/12/2013 - 12:30
Biblioteca Pública Nodal de Lugo
Biblioteca Pública Nodal de Lugo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece un ano máis en vacacións de Nadal unha ampla oferta de actividades para todos os públicos na Biblioteca Pública Nodal de Lugo, de forma que a lectura e todo o que a rodea se converta nunha opción de lecer para as familias nestas datas. De feito todas as bibliotecas nodais dependentes da Consellería contan cunha ampla programación para estas festas, no marco da estratexia de promoción do libro e a lectura que mantén o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad a través de iniciativas como o Plan Lía ou o programa ‘Ler conta moito’. Desta forma a Consellería favorece ademais a conciliación da vida laboral e familiar.

Desta forma, a biblioteca nodal de Lugo vén ofrecendo desde principios de mes obradoiros para nenas e nenos de diferentes idades, que rematan este venres con ‘Contos para bebés’, de Pavis Pavós, dirixido a pequenos de 0 a 3 anos e enmarcado no programa da Consellería ‘Ler conta moito’.

Así mesmo, o vindeiro venres 27 ás 18 horas a ludoteca acollerá o Contacontos ‘Contos para acabar cos medos’ para nenos de 4 a 12 anos. Nesta actividade Paula Carballeira descubrirá aos asistentes tres contos de diferentes tradicións culturais que axudan a acabar co medo á escuridade, ao perigo e ao descoñecido a través da valentía, a intelixencia e o humor.

Ademais da programación habitual da biblioteca e das devanditas actividades, a Nodal acolle estes días diferentes mostras bibliográficas, arredor do cine de Nadal, a decoración das festas, e sobre boas lecturas para regalar por Reis. Así mesmo, poderase visitar a exposición de Terra copora ‘Vida cotiá dos castreños, ampliacións e novos materiais de Roma Bellum, Corpus Hipocraticum...’.

Certame de poesía

A biblioteca Nodal de Lugo convocou ademais o certame de poesía infantil ‘Nadal 2013’, ao que se poderán presentar traballos ata o vindeiro 23 de decembro. Nel poden participar todas as nenas e nenos socios, con poemas que teñan como temática estas festas.

Cada participante poderá presentar tantos traballos como desexe, escritos en galego e cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, que deberán entregarse con cadansúa solicitude de inscrición na biblioteca.

Biblioteca Quitapenas

Cómpre sinalar que a de Lugo é unha das bibliotecas nodais que decidiron este ano cambiar as sancións do carné– por devolucións atrasadas- pola entrega por parte dos usuarios de produtos e alimentos básicos non perecedoiro que se entregarán a Cáritas e ao Banco de Alimentos de Lugo.