Xesús Vázquez Abad recibe aos centros educativos galegos distinguidos cos Premios Nacionais de Educación en ensinanza non universitaria 2013

O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que os galardoados “representan o que se está a facer ben, o froito do esforzo, o traballo e o compromiso de alumnado e docentes. Uns galardóns demostran que o sistema educativo galego atravesa un bo momento”

O IES de Ames, o CEIP Frián-Teis (Vigo), o IES Sánchez Cantón de Pontevedra e o Colexio Internacional SEK-Atlántico de Pontevedra foron catro dos 22 centros premiados en toda España por diferentes proxectos que contribúen a mellorar a calidade da educación

Mar, 17/12/2013 - 18:43
Xesús Vázquez Abad recibiu os centros educativos galegos distinguidos cos Premio
Xesús Vázquez Abad recibiu os centros educativos galegos distinguidos cos Premios Nacionais de Educación en ensinanza non universitaria 2013

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe na Cidade da Cultura as representantes galegos distinguidos cos Premios Nacionais de Educación en ensinanza non universitaria para este ano 2013. Nesta ocasión, catro dos 22 galardóns concedidos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recaeron sobre centros educativos e equipos docentes galegos, un feito que para o conselleiro destacou o seu orgullo por “ver aquí reunidos aos artífices deste éxito e saber que implicación, responsabilidade e traballo duro son os piares que sosteñen estes recoñecementos. Son, en realidade, os piares que sosteñen todo o sistema educativo galego e a única vía para acadar o noso obxectivo común: a excelencia educativa, o futuro de Galicia”.

Respecto dos estudantes que foron recoñecidos con estes premios Vázquez Abad asegurou que “as nosas rapazas e rapaces son quen de integrar o uso das novas tecnoloxías -que lles son tan cotiás- na súa aprendizaxe, e aplicar os coñecementos adquiridos á vida diaria, tendo sempre un ollo posto na nosa historia e tradicións. Contando, por suposto, coa guía e axuda dos seus docentes e o apoio das familias”.

Galardóns á excelencia educativa

Neste ano 2013 catro dos 22 premios concedidos recaeron en centros educativos galegos. Deste xeito,  na categoría de Centros Docentes, o Premio Nacional ao uso das Tecnoloxías Aplicadas a Educación recaeron no IES de Ames, polo proxecto ‘Os petróglifos de Ames’; e o CEIP Frián-Teis en Vigo recibiu o Premio Nacional ao Desenrolo de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais polo proxecto ‘A lingua sabe a pan’.

Doutra banda, a Categoría Equipos Docentes, o Premio Nacional para o Uso das TIC como Apoio á Personalización da Aprendizaxe en Educación Secundaria foi para o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, pola programación de aplicacións Android ‘APP Inventor’. O cuarto premios, tamén na categoría Equipos Docentes, foi para o Colexio Internacional SEK-Atlántico de Pontevedra, que recibiu o Premio Nacional para o Uso das TIC como Apoio ao Desenrolo da Creatividade e o Emprendemento dos Alumnos en Educación Secundaria, polo proxecto ‘Produtores de Cine’

Os Premios Nacionais de Educación recoñecen o labor e a traxectoria educativa así como a dos proxectos educativos que contribúen á mellora da calidade da educación distinguindo as seguintes categorías diferenciadas en función dos destinatarios dos premios: centros docentes, carreira académica de investigación e innovación educativa, entidades para a promoción educativa e equipos docentes.