Cultura e Educación propón unha viaxe pola historia de Galicia a través do patrimonio documental cunha serie de curtametraxes do Arquivo Histórico Provincial de Ourense

O primeiro vídeo de ‘As viaxes do capitán Gardador’ proxéctase mañá ás 20:00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense
Un personaxe dun documento notarial de 1774, Xan de Baldriz, será o encargado de difundir a través destes vídeos a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do pasado
Lun, 16/12/2013 - 11:10
 Cultura e Educación propón unha viaxe pola historia de Galicia a través do patr
Cultura e Educación propón unha viaxe pola historia de Galicia a través do patrimonio documental cunha serie de curtametraxes do Arquivo Histórico Provincial de Ourense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Arquivo Histórico Provincial de Ourense da Secretaría Xeral de Cultura, convida a cidadanía a unha viaxe polo patrimonio documental a través da curtametraxe ‘As viaxes do capitán Gardador’, a primeira achega dunha serie de vídeos de curta duración pensados para darlle a coñecer ao gran público, dun xeito ameno, a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do noso pasado.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense acollerá mañá martes, ás 20:00 horas, a presentación desta primeira entrega, que contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Da man dunha personaxe debuxada nun documento notarial do ano 1774, o ‘capitán Gardador’ Xan de Baldriz, o espectador percorrerá diferentes momentos da Historia de Galicia.

A pantasma deste capitán, como unha sombra que percorre o labirinto da memoria, vaga polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense gardando con agarimo os seus pergamiños e papeis centenarios. Silente e invisible durante séculos, Xan de Baldriz decide saír da penumbra na que habita para convidar a cidadanía a viaxar a través do tempo sucando un mar de documentos. A partir da información que repousa nos fondos documentais do arquivo, o capitán Baldriz converte o público en espectadores da vida cotiá das sociedades do pasado, xa sexa do mundo rural de monxes, fidalgos e campesiños ou das rúas do Ourense de finais do século XIX.

Unha viaxe ao pasado a través dos arquivos

Esta curtametraxe pon de manifesto como a consulta dos documentos conservados nos arquivos pode abrir unha fiestra ao pasado para viaxar nunha "máquina do tempo" pilotada polo aventureiro que teña a audacia de internarse no labirinto da memoria.

Do mesmo xeito, da man do ‘capitán Gardador’ o espectador poderá valorar as posibilidades que ofrece o patrimonio documental, non só como unha fonte para a investigación histórica, senón como como aventura ao alcance de todos, como unha viaxe ao pasado a través de documentos de distintas épocas.