A Xunta recorda que a Biblioteca de Vigo é de titularidade municipal e deplora que o seu alcalde desprece a cultura e faga deixación de funcións

Unha vez máis lémbraselle ao rexedor do concello olívico que calquera decisión futura que se tome sobre este espazo debe ser tomada entre ambas partes

A Xunta rexeita o afán de politización do concello de Vigo sobre un espazo cultural aberto a toda a poboación

Mér, 27/11/2013 - 19:40
Biblioteca de Vigo
Biblioteca de Vigo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recorda unha vez máis que a Biblioteca de Vigo é de titularidade municipal mentres que a Xunta asume a súa xestión, polo que entende como máis xuicioso que tamén deba ser compartida calquera decisión que se tome a respecto do seu futuro. Nese sentido, a Consellería deplora que o seu alcalde queira facer deixación das súas responsabilidades e prefira priorizar o emprego de cartos públicos noutros destinos discutibles en lugar de asumir a parte que lle corresponde en material cultural, o que vén demostrar que ao rexedor vigués e ao seu partido impórtalle ben pouco a cultura e os traballadores nela empregados.

Do mesmo xeito, a Xunta lamenta que o alcalde vigués sempre busque a confrontación e nunca garde as formas, e rexeita o seu permanente afán de politización, neste caso sobre un espazo cultural aberto a toda a poboación. Semella que o rexedor socialista precisa de abrir novas frontes para desviar a atención pública sobre súa, canto menos, polémica xestión co Auditorio Mar de Vigo, un episodio máis que o sinala como un político empeñado en anular a vida cultural da súa cidade.

Situación da biblioteca

Co obxectivo de recordar este punto a Xunta de Galicia envioulle ao concello unha carta o pasado 19 de novembro na que se indica que eles son a institución titular da biblioteca e do edificio que a alberga, e que a Consellería de Cultura e Educación é a responsable da súa xestión, labor que está a desenvolver plenamente. Na dita misiva tamén se facía constar expresamente que calquera decisión que se tome en relación ao futuro da Biblioteca de Vigo debe ser realizada conxuntamente entre concello e Xunta. Ademais, lémbrase que a Consellería está realizando un importante investimento e promovendo numerosas iniciativas nas bibliotecas nodais, como a Juan Compañel de Vigo.

Do mesmo xeito, no escrito volveuse indicar algo que coñece perfectamente o alcalde: que se o concello o desexa é posible asinar un convenio nos mesmos termos que o subscrito polo Estado para o resto de bibliotecas nodais de Galicia. Co dito acordo, a Consellería asumiría a xestión da biblioteca e o concello sería o responsable dos gastos de mantemento e de todo o persoal correspondente, a través dunha transferencia de crédito dos capítulos 1 e 2. Unha alternativa que os equipararía ao resto de bibliotecas nodais, e que tería como único obxectivo darlle un maior servizo cultural e bibliotecario para a poboación de Vigo.