A Consellería presenta proxecto europeo ‘Arbax’ para a loita contra o acoso no ámbito escolar da Unión Europea

O programa, promovido desde a Consellería, contou co apoio de entidades educativas de Irlanda, Finlandia, e Romanía

Durante a presentación deuse a coñecer o videoxogo ideado para combater o acoso escolar que inclúe un xogo de rol elaborado en 3D, interactivo e lúdico

Cultura e Educación volve a demostrar o seu traballo a través das TIC achegando novas metodoloxías ás aulas

Ven, 08/11/2013 - 14:27
Manuel Corredoira presentou proxecto europeo ‘Arbax’ para a loita contra o acoso
Manuel Corredoira presentou proxecto europeo ‘Arbax’ para a loita contra o acoso no ámbito escolar da Unión Europea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou hoxe o proxecto europeo Arbax (Against Racial Bullying and Xenophobia- Contra o acoso escolar e a xenofobia), para previr e loitar o acoso a través dun programa informático, desenvolvido a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e outras entidades europeas. Este proxecto multilateral financiado pola Unión Europea, a través do programa de Aprendizaxe Permanente e baixo a medida Comenius, volve dar conta do traballo realizado desde a Consellería a prol da convivencia na comunidade educativa e do emprego das novas tecnoloxías no desenvolvemento deste.

O proxecto

Empregando as TIC na educación a Consellería liderou o deseño dunha ferramenta informática cun videoxogo en 3D e unha rede social, que teñen como destinatarios os estudantes de secundaria, profesores, persoal escolar e en xeral calquera que teña algún tipo de relación coa comunidade educativa na Unión Europea.

Cómpre sinalar que o videoxogo elaborado en 3D ten como obxectivo que o estudante xogue, a través de distintos roles a ser o acosado ou amigo seu, amigo do acosador, ou simplemente alguén que presencie algún tipo de situación relacionada co bullying xa sexa verbal, físico, por racismo, violencia; mediante a extorsión ou ciberbullying. Deste xeito o participante pode empatizar con calquera das posicións relativas ao acoso e deste xeito reflexionar sobre as actitudes e actuacións relativas a estas situacións.

Para desenvolver o proxecto Arbax, o coordinador e profesor do IES de Porriño, Armando Ordóñez, sinalou durante a presentación que se tiveron en conta diferentes factores como o tipo de poboación, rural ou urbana, as etnias ou idades.

O proxecto está aberto a ser empregado por todos os centros educativos tanto de Galicia como da Unión Europea que así o soliciten. As súas primeiras interaccións serán accesibles nunhas semanas, ao mesmo tempo que se completan todas as posibles situacións e unha guía de emprego do proxecto. Desde mañá mesmo xa se comezarán a impartir cursos de formación para os docentes. Así maña realizarase en Santiago un curso de formación para 120 profesores de centros educativos galegos e para o mes de marzo haberá unha formación para mestres de centros europeos.

Traballo en conxunto

Na presentación desenvolvida hoxe no CAFI de Santiago, estiveron o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o coordinador do proxecto Arbax, o profesor do IES de Porriño, Armando Ordóñez; e representantes de distintos centros educativos europeos representados por Radu Colt do grupo escolar Victor Jinga; Anna-Leena da University os Oulu de Finlandia e Mona O’Moore do Trinity College.

Para a realización do proxecto Arbax, a Consellería traballou, desde o seu comezo en xaneiro de 2012, cun consorcio conformado varios socios europeos; aos que se lles solicitou a súa participación por ser dos mellores especialistas europeos no estudio e prevención do bullying nos últimos anos. O consorcio esta integrado por O Anti bullying Centre (ABC) do Trinity College de Dublin, Irlanda; o Departamento de Estudos de Xénero da Universidade de Oulu, Finlândia; o grupo escolar Victor Jinga de Brasov, Romanía; o SC Concept Consulting, de Romanía; Atínservices de Ponteareas.

Convivencia nas aulas

Coa promoción proxecto Arbax presentado hoxe a Consellería volve dar conta da súa implicación na loita contra o acoso e a prol da convivencia nas aulas. Algo que xa se vén demostrando con diversas actuacións enmarcadas na Lei 4/2011 de convivencia e participada da comunidade educativa, que está en proceso de desenvolvemento co decreto sobre convivencia escolar.

Xunto a ela se desenvolven unha batería de medidas e programas que impulsan a convivencia como as liñas para proxectos de convivencia dentro dos contratos-programa así como dentro dos plans de formación permanente dos centros. Tamén cómpre subliñar o grande avance que supuxo a presentación e implementación en xuño de este ano do protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso escolar en Galicia, documento pioneiro no Estado.