A Consellería de Cultura e Educación mailo Consello da Cultura colaboran para ofrecer un ciclo de cinema galego recente en Sâo Paulo
O Centro Galego de Artes da Imaxe participa nesta iniciativa, que ten por obxectivo fomentar a difusión do cinema galego fóra de España
A sede do Instituto Cervantes da cidade brasileira acollerá entre o 5 e o 9 de novembro a proxección de ‘Santa Liberdade’, ‘Doentes’, ‘Os Crebinsky’, ‘Engurras’ e ‘Brasil somos nós’
Sáb, 02/11/2013 - 12:39

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega (CCG) colaboran na organización dun ciclo de cinema galego que se desenvolverá do 5 ao 9 de novembro en Sâo Paulo (Brasil), e no que se amosará unha selección de cinco películas de distintos xéneros producidas en Galicia entre os anos 2004 e 2012.

Co obxectivo de fomentar a difusión e visibilidade dos traballos audiovisuais galegos recentes fóra de España, a sede do Instituto Cervantes na cidade brasileira acollerá esta iniciativa do CCG, que conta co apoio da Consellería a través da participación no proxecto do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia.

A mostra está composta por tres filmes de ficción e dous documentais e, a través dela, os espectadores poderán obter unha completa panorámica da variedade dos filmes galegos actuais, dos distintos estilos que se abordan e da calidade interpretativa dos actores e actrices galegos.

Así, o 5 de novembro o ciclo abrirase coa proxección de ‘Santa Liberdade’ (2004), o documental de Margarita Ledo producido por Filmanova e Nós Produtora Cinematográfica Galega, que narra o secuestro en 1961 do transatlántico de luxo Santa María nas Antillas Menores a cargo dun grupo de exiliados antifascistas españois e portugueses.

Vidal Bolaño

O mércores día 6 poderá verse ‘Doentes’ (2011), adaptación da obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño, o autor teatral ao que este ano se lle dedicou o Día las Letras Galegas. Nela, director Gustavo Balza leva á pantalla a secuencia na que, nos anos 50, o vello Hospital Real de Santiago é desaloxado para ser transformado nun hotel de luxo a través dunha trama que protagonizan Xosé Manuel Olveira “Pico” e Antonio Durán “Morris”.

Ao día seguinte, o xoves 7, a fita que se exhibirá será a comedia ‘Crebinsky’ (2010), de Henrique Otero. O amplo reparto que compoñen Miguel De Lira, Sergio Zearreta, Luis Tosar, Celso Bugallo, Yolanda Muíños, Farruco Castromán, Oliver Schultz, Patricia De Lorenzo, Iván Marcos, Jorge Taboada, Antía Baget, Óscar Pombo, Manuel Cortés, Oliver Bigalke, Roberto Sánchez, Pepe Soto e Danny Raatzke interpretan esta fita, que obtivo o premio do Festival de Málaga en 2011 ao mellor guión novel (asinado por Henrique Otero e Miguel de Lira).

A animación galega tamén terá a súa representación neste ciclo a través de ‘Engurras’ (2012), a longametraxe 2D para público adulto de Ignacio Ferreras, gañadora de dous premios Goya, que poderá verse o venres 8. A película, versión cinematográfica do cómic do mesmo título de Paco Roca (Premio Nacional 2008), conta a historia da amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico, coa enfermidade de Alzheimer como pano de fondo.

A última proxección da serie será a do documental con participación de Carlos Núñez ‘Brasil somos nós’ (2011) que, asinado por Robert Bellsola e rodado entre Brasil e Galicia ao longo de tres anos, explora as relacións entre os pobos das dúas beiras do Atlántico. A película mostra tamén o proceso de gravación do disco de Núñez ‘Alborada do Brasil’.