Educación lamenta que a ANPA do CEIP Ramiro Sabell non xustificase correctamente as axudas solicitadas para o comedor escolar

Ven, 18/06/2010 - 17:01

A Consellería de Educación lamentou a través da Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra que a ANPA A Pena do Equilibrio do CEIP Ramiro Sabell de Ponteareas non xustificase correctamente as axudas solicitadas para o comedor escolar.

O xefe territorial, César Pérez Ares, asegurou que a ANPA xa recibiu con data de maio de 2010 o pagamento de 992,24 euros correspondentes as subvencións económicas solicitadas, tal e como consta nos documentos xustificativos no período de setembro a decembro de 2009.

“É de destacar que dita ANPA non xustificou correctamente nin nesta data nin nas anteriores as cantidades polas que se rexe a convocatoria das axudas aos comedores (que se recollen no DOG do 17 de setembro de 2009)”, explicou o xefe territorial de Educación.

Pérez Ares insistiu en que xa no curso 2008-2009 a propia ANPA Pena do Equilibrio presentou uns orzamentos de 35.264 euros en base aos que se lle concedeu as axudas. “Sen embargo, só xustificou 8.016,19 euros despois, eso sí, de ser requirido en varias ocasión pola Consellería de Educación para que presentase os documentos xustificativos de gastos, cousa que non fixeron e razón pola que se lle rebaixou a subvención”.

Esta mesma circunstancia volveu a repetirse na última convocatoria, “e rematado o prazo o 30 de xaneiro de 2010 non se recibira tampouco xustificación algunha”, engadiu o xefe territorial, quen insistiu en que o 12 de febreiro volveu a pedírselle por escrito aos responsables da ANPA que presentaran a documentación, “así como tamén se lles chamou por teléfono”.

“Ante la incapacidade da ANPA para entregar esta documentación, volvéuselle a baixar a subvención, uns cartos (992,24 euros) que, por certo, xa lles foron ingresados”, concluíu Pérez Ares destacando que “non entendemos, visto o anterior, por qué agora os seus responsables están a reclamar cantidades que non lles corresponden, e ademais, tamén é importante recordarlles que eles mesmos son os que deben solicitar as axudas, xa que coñecen cales son os seus dereitos, deberes e responsabilidades”.