O conselleiro de Educación entrega o premio ‘Protagonistas do mañá’, concedido polo Rotary Club de Ourense

Xesús Vázquez Abad recoñeceu o compromiso social e o traballo académico desenvolvido por unha alumna de 2º de bacharelato do IES Blanco Amor

Xov, 17/06/2010 - 21:00

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe o premio ‘Protagonista do mañá’, concedido polo Rotary Club de Ourense, a unha alumna de 2º de bacharelato do IES Blanco Amor da cidade de As Burgas.

 Durante a entrega do premio, o conselleiro destacou que “hai iniciativas, como esta, que contribúen a facernos un pouco mellores de curso en curso, un pouco máis solidarios e un pouco máis humanos e tolerantes na defensa da formidable diversidade cultural que caracteriza ao mundo no que vivimos. Son iniciativas alentadoras, que poñen de relevo o valor do labor social que entidades coma o Rotary Club realizan en Galicia, e mesmo a escala europea e planetaria. Grazas ás súas actividades é posible superar carencias e atender a moitas das necesidades e desafíos que a sociedade pon perante nós cada día e nos máis diversos ámbitos.”

Un recoñecemento o traballo

A estudante Laura Prada Leal, veu recoñecido hoxe o seu traballo cun premio económico e cunha figuriña asinada polo artista ourensán Xosé Cid. Con este acto o Rotary Club premia o destacado expediente académico no curso 2008-2009 da estudante, ademais do seu compromiso social mediante a participación en distintas accións de voluntariado, e a demostrada capacidade de liderado e iniciativa diante dos seus compañeiros de estudos. Entre as actividades destaca o premio obtido pola súa participación no concurso de contos organizado pola Casa da Xuventude de Ourense.

 Todos estes valores foron recoñecidos polo xurado dos premios ‘Protagonistas do mañá’, conformado por representantes académicos, sociais e de distintas institucións, e presidido polo arquitecto Luis Antonio Chao Gómez. Uns principios e actitudes vitais que o conselleiro destacou ao dicir que “este galardón recoñece o traballo de Laura Prada, que constitúe un exemplo para todos os seus compañeiros e compañeiras. Tamén para todos nós, os maiores. Unha satisfacción, en suma, tanto para o profesorado do IES Blanco Amor coma para todos cantos asumimos o horizonte dun sistema educativo quen de competir con éxito no contexto da sociedade europea e occidental”.

 O Rotary Club de Ourense pertence a un rede internacional centenaria, na que hai máis de un millón douscentos mil socios, repartidos en 30.000 clubes en 168 países. O obxectivo desta entidade é a mellora da calidade de vida nas distintas comunidades nas que se sitúa. En calidade de voluntarios, os seus membros promoven a paz e a boa vontade, proporcionando un servizo humanitario.