Cultura e Educación celebra o Día Internacional das Bibliotecas cunha programación especial en toda Galicia

As bibliotecas nodais das catro provincias e a Biblioteca de Galicia ofrecen durante toda a semana múltiples e diversas actividades para conmemorar esta data
Monicreques, contacontos, exposicións, sesións de bookcrossing, sorteos de libros, clubs de lectura, obradoiros literarios, visitas guiadas e actividades audiovisuais conforman as principais propostas para os próximos días
Lun, 21/10/2013 - 14:05
‘Da tabula á tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo’
‘Da tabula á tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra durante toda esta semana o Día Internacional das Bibliotecas, que se conmemora anualmente o 24 de outubro, cunha programación especial en toda Galicia, a través das bibliotecas nodais da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, e da Biblioteca de Galicia, que ten a súa sede na Cidade da Cultura. Espectáculos de monicreques, obradoiros de lectura, exposicións, visitas guiadas e xornadas de portas abertas, sesións de bookcrossing, sorteos de libros, contacontos e actividades audiovisuais son as principais propostas que a Secretaría Xeral de Cultura ofrece nos próximos días.

Con motivo desta celebración, a Biblioteca de Galicia pon en marcha ‘Da tabula á tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo’, un ciclo dirixido a nenas e nenos de 8 a 12 anos que ofrece un percorrido polo mundo da transmisión do coñecemento desde as súas orixes. Serán en total cinco sesións –A escritura na historia, CMYK, A ilusión do movemento, Qontos en movemento e Nós ante a cámara– programadas en seis sábados, ás 12.00 horas: o 26 de outubro; o 16, 23 e 30 de novembro; e o 21 de decembro. Para participar na actividade, de carácter gratuíto, cómpre inscribirse na páxina web www.cidadedacultura.org.

Os monicreques son outra das propostas desta programación especial, a través do espectáculo de Caramuxo para nenos e nenas a partir de 3 anos, ‘Historia dunha semente’, que terá lugar o 24 de outubro, ás 18:00 horas, na biblioteca nodal de Lugo; e de Títeres Cachirulo, que ese mesmo día, ás 18:30 horas, ofrecerán na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela a función ‘Alicia no país das marabillas’, no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura.

Obradoiros de lectura e contacontos

Mañá, ás 18:30 horas, tamén na biblioteca Ánxel Casal, Luz Martínez será a encargada de achegarlles aos nenos e nenas de 6 a 8 anos os clásicos literarios dun xeito ameno e divertido. Ao día seguinte, Migallas Teatro ofrece na biblioteca nodal de Ourense, ás 17:30 horas, ‘Entre arrolos e contiños’, unha actividade que fará desfrutar os nenos e nenas desde 1 a 4 anos dun momento lúdico cos seus acompañantes.

Para o público adulto, o xoves 24, Día Internacional das Bibliotecas, no marco do programa Voluntariado Cultural, a profesora xubilada da USC, impartirá o obradoiro interxeracional ‘Poesía en español na era dixital: lectura ante un mundo en crise’, o xoves 24 de outubro de 19 a 20:30 horas, para as persoas inscritas na iniciativa. Este mesmo día, a biblioteca nodal de Vigo organiza a sesión de contacontos ‘Hoxe todos somos escritores, ilustradores e editores, ás 18.00 horas, a cargo de Cucarandainas, dirixido ao público familiar.

O día 25, Trinketrinke Teatro realizará na biblioteca nodal de Pontevedra a actividade ‘Os contos favoritos de Lonxedetodo’, que vén acompañada dunha exposición bibliográfica na sala infantil. Ese mesmo día, o autor e contador de historias José Campanari ofrecerá un pequeno museo itinerante de obxectos e fragmentos de contos de OQO editora, o venres 25 ás 18:00 horas en Lugo. A biblioteca nodal de Vigo acollerá na sala infantil a sesión de contacontos ‘Soñei que era unha árbore’, ás 18.00 horas.

Xa para pechar a semana, o sábado 26, a biblioteca González Garcés da Coruña ofrecerá a sesión ‘Contos para a igualdade, ás 12:00 horas, dirixida a nenos e nenas a partir dos 3 anos. O mesmo día e á mesma hora, a Asociación de Persoas Xordas de Galicia interpretará contos na lingua de signos  e mais en voz alta para os nenos e nenas de 6 a 12 anos que se acheguen á biblioteca Ánxel Casal. Mentres, Migallas Teatro animará a cantar e a bailar a toda a familia na biblioteca de Pontevedra co seu libro-disco ‘Pan de millo’, e a biblioteca de Vigo ofrecerá un obradoiro de banda deseñada ás 12.30 horas.

Actividades audiovisuais

O audiovisual tamén está presente na celebración do Día das Bibliotecas, con propostas como a do filme ‘O heroe do río’ –dirixida en 1928 por Charles Reiner–, que se proxectará mañá, ás 19 horas, no marco do ciclo de cinema mudo da Biblioteca Ánxel Casal. Para dar a coñecer os seus servizos e actividades, a biblioteca nodal de Lugo proxecctará o xoves 24 o vídeo ‘Benvido á túa casa’.

Sesións de bookcrossing e sorteos de libros

Para celebrar o Día das Bibliotecas, outra das propostas que ofrecen os centros nodais é a liberación de libros. A través dunha nova sesión de bookcrossing, a biblioteca González Garcés da Coruña realizará o xoves 24 unha liberación masiva de libros, a partir de obras doadas. A biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra tamén se sumará a esta iniciativa ao longo da semana.

Para premios os seus “superlectores” infantís e adultos, a biblioteca Ánxel Casal e a biblioteca González Garcés agasallarán os seus usuarios o 24 de outubro con lotes de libros de regalo. O centro coruñés tamén sorteará unha cesta de libros, para o que lles fará entrega aos seus usuarios, durante todo o día 24, duns números cos que poderán participar no sorteo. A biblioteca nodal de Ourense tamén fará ese día, ás 12:30 horas, un sorteo de cinco lotes de libros entre os seus participantes na iniciativa ‘Os lectores da biblioteca de Ourense recomendan’

Exposicións

A programación especial das bibliotecas para esta semana tamén inclúe diversas exposicións. Organizada pola Asociación Sine Nomine, a biblioteca Ánxel Casal acolle a mostra ‘Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925-1975)’, e mais a exposición  bibliográfica ‘Comer san é divertido’, na sala infantil. A biblioteca González Garcés da Coruña ofrece un percorrido polos 25 anos do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a través de paneis que se acompañan dunha mostra bibliográfica.

Para os máis pequenos, a biblioteca de Pontevedra presenta ‘Historias de biblioteca’, unha selección de obras que ten como protagonistas o libro e as  biblioteca; para os adultos realiza, baixo o título ‘Libros sobre libros’, unha selección de títulos da literatura universal nos que o universo dos libros e das bibliotecas centran a súa trama argumental. A partir do 24 de outubro e ata o 25 de novembro, este centro tamén expón ‘A biblioteca pública e as súas ferramentas de traballo: pasado, presente e futuro’. Do 24 ao 31 de outubro, a biblioteca nodal de Vigo propón dous centros de interese: unha selección de escritores galegos en Vigo, para adultos, e a mostra ‘A biblioteca nos contos’, para os máis novos.

Visitas guiadas e xornadas de portas abertas

Durante este semana, as bibliotecas tamén ofrecen visitas guiadas e xornadas de portas abertas para darlle a coñecer á cidadanía a súas instalacións e os seus servizos. No caso  da biblioteca Ánxel Casal, as visitas serán os martes e xoves pola mañá de 10.00 a 11.00 h e pola tarde de 16.00 a 17.00 horas. As bibliotecas de Lugo e da Coruña acollerán o día 24 unha xornada de portas abertas, con visitas guiadas, no caso do centro coruñés, ás 12.00 e ás 18.00 horas. O mércores 23, a biblioteca nodal de Ourense tamén realizará varias visitas guiadas concertadas e durante toda a semana establecerá un punto de encontro para levar a cabo visitas guiadas para adultos, en horario de 9.00 horas e de 16.00 horas. No caso de Vigo, a xornada de portas abertas será o 24, con visitas guiadas para coñecer a biblioteca ás 12.30 e ás 18 horas.

Para afondar no achegamento á cidadanía, a biblioteca Ánxel Casal tamén chegará o sábado ao Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, en horario de 8.30 a 13.45 horas, para ofrecer información sobre o centro, exhibir unha mostra da súa oferta bibliográfica e facer socio a todas as persoas interesadas.

Novos servizos

No marco do Día das Bibliotecas, a biblioteca de Lugo presenta ‘A biblioteca na túa casa’, un novo servizo dirixido á xente que por problemas de saúde ou de mobilidade non pode achegarse ata o centro. A iniciativa é gratuíta no caso dos domicilios que se atope na zona urbana de Lugo. Se está fóra, o usuario tería que facerse cargo dos gastos de envío do libro. A biblioteca da Coruña tamén iniciará a campaña ‘Biblioteca quitapenas’, para a doazón de alimentos básicos que pasarán a formar parte dun banco de alimentos. Aos usuarios que participen e que teñan algunha sanción por devolución atrasada anularáselle.

Os clubs de lectura, as xornadas de formación para usuarios e as conversas de idiomas serán outras das actividades que teñan continuidade nas bibliotecas nodais de Galicia durante esta semana de celebración do Día Internacional das Bibliotecas.

A información sobre a programación das bibliotecas nodais para os próximos días pode ampliarse na páxina web da Rede de Bibliotecas de Galicia, en http://rbgalicia.xunta.es/