A Consellería de Cultura e Educación impulsa as iniciativas dos centros en prol da mellora da calidade educativa a través da creación dunha nova convocatoria de premios á innovación

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad recoñecerá as boas prácticas desenvolvidas nos centros educativos galegos públicos durante o curso 2012/2013 a través duns novos galardóns
O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 15 de outubro
Mér, 25/09/2013 - 11:35
 A Consellería de Cultura e Educación impulsa as iniciativas dos centros en prol
A Consellería de Cultura e Educación impulsa as iniciativas dos centros en prol

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un paso máis no seu impulso ás iniciativas desenvolvidas polos centros educativos galegos públicos en prol da mellora da calidade educativa. Así, na súa busca da excelencia do ensino público, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad acaba de crear unha nova convocatoria de premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas durante o curso escolar 2012/2013 en centros públicos dependentes da Consellería.

O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 15 de outubro, e poderanse presentar ata en 7 modalidades: mellora da convivencia nos centros educativos, atención á diversidade, uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación que introduzan cambios metodolóxicos, desenvolvemento das competencias básicas, mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega, mellora da aprendizaxe e do uso das linguas estranxeiras, iniciativas de emprendemento ou de innovación metodolóxica na Formación Profesional. En cada modalidade haberá dous premios, un primeiro dotado con 3.000 euros; o segundo, de 2.000 euros; e catro accésits de 1.150 € cada un nas modalidades que decida a comisión.

Requerimentos

Coa solicitude os centros deberán achegar documentación acreditativa  da orixinalidade dos traballos e boas prácticas presentadas, así como de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso dos mesmos, e de que non foron premiados ou se obtivo bolsa por eles con anterioridade. Ademais, deberán xuntar memoria descritiva do traballo e mais os materiais e recursos dixitais asociados.

Para a valoración das boas prácticas teranse en conta as achegas metodolóxicas innovadoras, o emprego innovador das TIC, a posibilidade de implantación da experiencia en outros centros, a calidade dos contidos, así como a súa potencialidade  para favorecer a adquisición das competencias básicas, entre outros criterios.

A creación destes galardóns é unha nova aposta da Consellería pola autonomía dos centros á hora de poñer en marcha iniciativas innovadoras que afonden nas fortalezas e eivas da propia comunidade escolar, na procura dunha mellora da calidade educativa; unha liña na que xa se vén traballando a través do Plan Proxecta e dos Contratos-Programa.