Orientación educativa

Sáb, 24/09/2011 - 17:46
baner orientacion educativa

A Orientación Educativa ten por obxecto acompañar a traxectoria escolar e vocacional, a valoración persoal para a toma de decisións responsables e o apoio a todos os membros da comunidade escolar, desde o alumnado ata as familias, xunto co profesorado e as colaboracións exteriores. A acción titorial está intrinsecamente vencellada á función docente e orientadora, sendo un proceso continuo e dirixido ao desenvolvemento integral de todo o alumnado e a todos os niveis.

Dada a elevada relevancia deste cometido da Orientación Educativa, a formación dos membros dos Departamentos de Orientación, dinámica e da man das demandas actuais, enfócase a promover a optimización dos procesos de aprendizaxe, as respostas educativas, a acción titorial, a toma de decisións persoais, a convivencia positiva, etc.

Desde o CAFI, deseñamos a formación inicial para orientadores que acceden por vez primeira aos Departamentos de Orientación, e formación permanente para orientadores en exercicio, tanto na modalidade presencial como en rede.