A Consellería de Educación considera que coa reorganización do horario o CEIP Arealonga ten cubertas todas as súas necesidades e non precisa a contratación dun novo mestre

O xefe territorial de Educación, Cesar Pérez, reuniuse hoxe coa concelleira de Educación de Vilagarcía, Rocío Llovo; a inspectora do centro, Mª Ángeles Aramburu; e coa dirección da ANPA para tratar diferentes aspectos sobre a xestión e organización deste colexio pontevedrés
Mar, 24/09/2013 - 16:31

O xefe territorial de Educación, Cesar Pérez Ares, reuniuse hoxe coa concelleira de Educación de Vilagarcía, Rocío Llovo; a inspectora do centro educativo, Mª Ángeles Aramburu; e coa dirección da ANPA do CEIP Arealonga en Vilagarcía para tratar o nomeamento dun profesor máis de Educación Física. Neste encontro, o xefe territorial comunicoulles que o CEIP Arealonga ten todas as súas necesidades cubertas e que un novo profesor non é necesario, posto que cos novos horarios, nos que os mestres pasan de impartir 20 a 25 horas, xa se cobren todas as horas.

Doutra banda, a Xefatura Territorial de Educación considerou nomear un profesor de Audición e Linguaxe para atender as necesidades do centro e a liberación horaria dun membro do equipo directivo. Ao mesmo tempo, tamén decidiuse modificar unha praza de especialista en Francés por un mestre de Educación Primaria, quedando así cubertas todas as titorías.

Na reunión mantida hoxe, tamén se falou da baixa matrícula en Educación Infantil que hai no centro, sendo neste momento 40 alumnos nos tres curso, e concretamente a preocupante situación do curso de 3 anos no que só hai seis rapaces matriculados, e aínda así contarán con 3 profesores de Educación Infantil máis o profesor de apoio. No resto de curso tamén se está a notar unha baixada importante do alumnado.

O xefe territorial de Educación comunicoulle ao equipo directivo que cos recurso humanos cos que conta deberá dar resposta ás necesidades pedagóxicas e organizativas do curso 2013-2014. Asemade, Cesar Pérez recordou que dende o ano 2009 aConsellería de Cultura e Educación investiu 279.000 euros no centro, que se utilizaron para a realización dunha importante reparación eléctrica e a instalación dunha nova caldeira e almacén para a calefacción. Ademais, tamén se realizaron traballos de reposición dos teitos e instalación de novas ventás co fin de lograr un mellor illamento do centro co conseguinte aforro enerxético. En Primaria, lévanse investidos más de 776.000 euros.