O conselleiro de Educación asistiu ao acto de graduación da primeira promoción do grao de Fisioterapia da Universidade de Vigo

Máis de 40 alumnas e alumnos recibiron hoxe os seus diplomas no salón noble do Liceo Casino de Pontevedra
Ven, 11/06/2010 - 14:43

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de graduación da primeira promoción do grao de Fisioterapia da Universidade de Vigo, que se celebrou no salón noble do Liceo Casino de Pontevedra. Neste acto foron homenaxeados as 39 alumnas e alumnos que remataron os seus estudos tras realizar o cambio desde a anterior diplomatura ao grao agora vixente de acordo co Espazo Europeo de Educación Superior. Así mesmo, recibiron tamén recoñecemento aos 4 estudantes que non optaron polo paso ao grao, e que finalizaron os seus estudos seguindo o plan anterior.

O conselleiro dirixiuse ás alumnas e alumnos para felicitalos polo resultado do seu esforzo diario durante estes últimos anos, “por acadar a meta, que vos propuxerades, de obter un título universitario, logrando o voso soño de convertervos en profesionais da Fisioterapia”. Así mesmo, Xesús Vázquez Abad agradeceu aos hoxe graduados o seu paso pola Universidade, “pois a Universidade non son só os seus profesores ou os seus laboratorios e bibliotecas. Sodes tamén e moi principalmente os seus estudantes”. Así mesmo, o conselleiro dirixiuse ás familias para agradecerlles “confianza que depositaron nesta universidade cando vos enviaron a estudar aquí”.

De cara ao futuro, Vázquez Abad animou aos graduados a continuar esforzándose xa que “a vida laboral é ben distinta á vida universitaria, e aquí demostrase que non é tanto a intelixencia o que importa , senón a vontade, a serenidade, a persistencia, o esforzo sostido, o non baixar a garda, o non renderse nunca”.

O acto de graduación foi inaugurado por quen foi reitor en funcións da Universidade de Vigo, Alberto Gago. Así mesmo acudiron o profesor José Manuel Pazos Rosales, padriño desta primeira promoción, e representantes das xornadas de directores de escolas de fisioterapia de España, que se están a celebrar estes días en Pontevedra.

Ademais do conselleiro, o reitor e o padriño, interviñeron no acto director da Escola Universitaria de Fisioterapia, Manuel Gutiérrrez Nieto; a presidenta da Asociación Española de Fisioterapeutas, Antonia Gómez Conesa; a presidenta da Conferencia Nacional de Directores de Escuelas Universitarias de Fisioterapia, Mª Teresa Labajos Manzanares; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O acto rematou cos asistentes entoando o tradicional 'Gaudeamus Igitur', himno universitario