A Consellería de Educación ten contratado xa 683 interinos máis que o curso pasado

Ademais o departamento educativo da Xunta ten xa, a data 13 de setembro, adxudicadas 621 prazas de mestres substitutos para cubrir as necesidades dos centros educativos

Ven, 13/09/2013 - 19:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten contratado xa 683 docentes interinos máis que o ano pasado nas ensinanzas de educación primaria e secundaria, cubrindo así as necesidades que se presentaron nos centros de ensino desde principio deste curso 2012/2013.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia volve demostrar, un ano máis, o seu compromiso co ensino público. Quedan así ademais desmontadas as falsidades verquidas por algunhas organizacións, falando de recorte de docentes, cun único afán de politizar a educación.

O departamento educativo da Xunta de Galicia comprométese a continuar traballando, tal e como está a demostrar tamén coa rápida cobertura de prazas de substitutos que dá mostra da súa capacidade de resposta diante das necesidades que xorden nos centros educativos galegos, especialmente no inicio de curso, procurando a maior rapidez na atención das necesidades que presentan os colexios. De feito, neste momento xa hai adxudicadas 621 prazas de mestres substitutos para cubrir as necesidades dos centros educativos de primaria.