O conselleiro de Cultura e Educación comparte a xornada co alumnado participante en estadías de formación en linguas estranxeiras no CRD da Coruña

A aposta da Consellería pola mellora das competencias do estudantado en idiomas, vén de reforzarse coa ampliación das estadías lingüísticas a todo o ano
Lun, 22/07/2013 - 16:58
O conselleiro de Cultura e Educación comparte a xornada co alumnado participante
O conselleiro de Cultura e Educación comparte a xornada co alumnado participante en estadías de formación en linguas estranxeiras no CRD da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe a xornada cos 240 alumnas e alumnos de 1º e 2º de ESO que están a participar nas actividades formativas en linguas estranxeiras organizadas pola Consellería no Centro Residencial Docente (CRD) da Coruña. Durante o seu percorrido polas instalacións, o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo.

As estadías das que estas rapazas e rapaces están a gozar estes días esnmárcanse na aposta que a Consellería está a facer en prol da mellora das competencias dos estudantes en idiomas, que se vén de reforzar coa ampliación das estadías lingüísticas a todo o ano. En total 705 rapazas e rapaces participarán nos meses de xullo e agosto nestas estadía. Deles, 440 alumnos de ESO están a formarse en vilas inglesas nos CRD da Coruña e Vigo. Ademais, 150 estudantes de Bacharelato viaxarán ao Reino Unido, e outros 90 farano a Canadá, en ambos os casos para mellorar o seu inglés. No caso da lingua francesa, son 25 os rapaces de Bacharelato que se atopan neste momento en París realizando actividades formativas.

No que atinxe ás actividades de outono, os centros poden xa solicitar participar na convocatoria aberta para este outono, na que se ofertan 500 prazas destinadas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de ESO matriculado en centros públicos. Ambas as accións, as de verán e as que se desenvolverán ao longo do curso escolar a partires do outono conformarán un novo e completo modelo que suporá só neste ano 2013 un investimento de preto de 1,6 millóns de euros por parte da Consellería.

Actividades

Durante as dúas semanas que dure esta actividade no CRD da Coruña as alumnas e alumnos gozarán dun amplo programa de actividades que alterna as clases de gramática e conversación co lecer e o deporte. Así, desenvolveranse obradoiros de baile, artesanía e teatro; ademais de sesións dedicadas ao cinema ou ao desenvolvemento de xogos cooperativos.

As estadías son unha oportunidades para que os máis novos reforcen as competencias lingüísticas en inglés que van adquirindo ao longo do curso escolar, poñéndoas en práctica nunha contorna lúdica, na que a lingua estranxeira se converte en vía de comunicación durante todo o día, para coñecer aos compañeiros e para desenvolver todas as actividades propostas.