A Consellería de Cultura e Baía Edicións coeditan a obra de Raúl Dans para teatro de monicreques “Un mosquito de nome Henri”, X Premio Barriga Verde

O texto fora galardoado na modalidade infantil da última convocatoria deste premio que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais para a dinamización da escrita teatral específica para bonecos
Trátase dunha historia de superación protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese ás dificultades coas que se topa
Lun, 22/07/2013 - 11:35
A Consellería de Cultura e Baía Edicións coeditan a obra de Raúl Dans para teatr
A Consellería de Cultura e Baía Edicións coeditan a obra de Raúl Dans para teatro de monicreques “Un mosquito de nome Henri”, X Premio Barriga Verde

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Baía Edicións publicaron en réxime de coedición a obra de Raúl Dans Un mosquito de nome Henri, título que fora galardoado na modalidade infantil do X Premio Barriga Verde de Textos de Teatro para Monicreques. A obra fai o número 11 da colección que reúne todas as pezas recoñecidas con este galardón convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Un mosquito de nome Henrié unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese a ser miope e ás múltiples dificultades coas que se topa. Dela valorara o xurado do premio o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual.

O ditame fixera referencia tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos.

No texto, que supón a primeira incursión de Dans na literatura dramática infantil, pódese entrever tamén unha crítica á sociedade de hoxe en día, ao tempo que se aprecia unha valoración positiva da vontade, a perseveranza e a realización persoal como obxectivo principal.

O libro, de máis de 80 páxinas encadernadas con tapa dura e no que destacan as ilustracións realizadas por Jacobo Fernández Serrano, distribuirase no circuíto comercial de librarías por Baía Edicións cun prezo de venda ao público de 9 euros.

Raúl Dans

Dramaturgo, guionista audiovisual e actor de dobraxe, Raúl Dans (A Coruña, 1964) comezou a súa traxectoria teatral como actor na histórica Compañía Luís Seoane. É tamén un dos integrantes do colectivo de intérpretes que iniciou a dobraxe en galego, oficio ao que se dedica sen interrupción desde 1985. Paralelamente, desenvolve unha sólida traxectoria como dialoguista, argumentista e creador de series de ficción para a televisión, así como guionista de cinema.

Este ano recibiu o premio da Asociación de Escritores de Lingua Galega ao mellor texto teatral editado en 2011 por Chegamos despois a unha terra gris, obra pola que en 2010 foi recoñecido por segunda vez co Álvaro Cunqueiro. A primeira fora en 1994 con Lugar, que o CDG levou a escena en 1999. Tamén obtivo o Rafael Dieste para Textos Teatrais por Matalobos (1993) e en 1997 gañou o prestixioso Premi Born con Derrota.

En 2008, Espiral Maior editou todo o teatro breve do autor nun volume titulado Nun mundo hostil, coincidindo coa publicación de Nachtmahr dentro da colección Biblioteca Dramática Galega, que coeditan a Agadic e Edicións Xerais e na que figuran, así mesmo, Derrota e Chegamos despois a unha terra gris.