Cultura e Educación emitiu durante a pasada lexislatura máis de 119.000 certificados de formación ao profesorado que participou nas preto de 7.000 actividades organizadas

O conselleiro fixo hoxe balance da aplicación do Plan de Formación Permanente dos docentes, “unha peza clave na mellora da calidade educativa”
Neste período impartíronse un total de 254.607 horas de formación, emitíronse 119.430 certificados a docentes e concedéronse 4.084 licenzas por formación
A Consellería investiu preto de 60 millóns de euros nos últimos catro anos nestas actuacións, que son gratuítas para os docentes
A valoración xeral das actividades organizadas pola Consellería tense incrementado ata os 4,11 puntos sobre 5, fronte aos 3,94 do curso 2008/2009
Lun, 08/07/2013 - 11:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na Xornada de Avaliación do Plan Permanente de Formación do Profesorado,

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na Xornada de Avaliación do Plan Permanente de Formación do Profesorado, un encontro no que fixo balance das actuacións desenvolvidas neste eido polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Neste encontro, estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e contou coa participación de asesores de formación e dos directores do Centro Autonómico de Formación e Innovación e do Centros de Formación e Recursos da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Xesús Vázquez explicou que, ao abeiro dos plans de formación da Consellería, na pasada lexislatura realizáronse preto de 7.000 actividades organizadas, con carácter totalmente gratuíto para os docentes. Delas, 6.639 foron actividades presenciais, con 187.732 prazas ofertadas, e 340 foron actividades en rede, con 18.154 prazas a disposición dos docentes. Desta forma, a día de hoxe, é a Consellería a que oferta o  90% do total de actividades formativas para os docentes en Galicia, moi por diante das que ofrecen universidades, sindicatos e outras entidades. “En termos de prazas – explicou o conselleiro- estamos a cubrir con creces a demanda: hai máis dunha praza en actividades para cada profesor, en concreto, 1’32 prazas en actividades por profesor , fronte ás 1,26 do curso 08/09”. De feito en cada día lectivo do curso que acaba de rematar estiveron en marcha 10 actividades.

Investimento e calidade

En total, nos últimos catro cursos impartíronse ao abeiro dos plans de formación da Consellería un total de 254.607 horas de formación para o profesorado, e emitíronse  119.430 certificados a docentes. Ademais nos últimos catro anos Cultura e Educación concedeu un total de 4.084 licenzas por formación a docentes.

Segundo explicou Xesús Vázquez estes datos poñen de manifesto que, malia ao complicado da situación económica, o noso compromiso coa formación dos docentes é indiscutible. Non obstante, o investimento continúa a ser moi forte, e ascendeu na lexislatura pasada a preto de 60 millóns de euros.

Ademais, tal e como explicou Vázquez Abad, a oferta ten incrementado claramente a súa calidade. De feito, a valoración xeral das actividades organizadas pola Consellería (en canto a contidos, idoneidade, etc) é hoxe de 4,11 puntos sobre 5, fronte aos 3,94 do curso 2008/2009.

TIC e linguas estranxeiras

Respectos dos contidos das actividades, o conselleiro salientou a aposta pola formación en rede para cubrir a forte demanda de cursos online, que supera 4 veces á das actividades presenciais. Neste sentido explicou que nos últimos catro cursos "case triplicamos o número de actividades ofertadas en rede, e incrementamos nun 86% o número de prazas nas mesmas". No total da lexislatura ofertáronse 340 actividades en rede, cun total de 18.154 prazas a disposición dos docentes.

Así mesmo, sinalou como prioridade do seu departamento a formación do profesorado para dar resposta ao reto que supuxo a introdución das TIC e o plurilingüismo no sistema educativo, a través do Proxecto Abalar e mais do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Para iso a Consellería organizou un total de 578 actividades específicas no relativo ás TIC, ofertando nelas preto de 16.000 prazas nos últimos catro anos. No que atinxe ás linguas estranxeiras, o número total de actividades específicas neste período ascendeu a 747, con preto de 30.500 prazas ofertadas. “Só no curso que acaba de rematar ofrecéronse 162 actividades e 5.247 prazas, o que supón duplicar tanto o número de actividades como de prazas do curso 2008/2009”, salientou Xesús Vázquez.

Plans de formación en centros

Por outra banda, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo facer fincapé na importancia da posta en marcha no curso 2012/2013 do proxecto piloto dos plans de formación en centros, “unha iniciativa moi demandada polos docentes”. No seu primeiro ano de funcionamento participaron xa 68 centros, e tal e como explicou, "o éxito da iniciativa vén claramente avalado polas inscricións de cara ao vindeiro curso: un total de 310 centros que solicitaron participar”.

Esta iniciativa supón unha aposta máis da Consellería pola autonomía dos centros educativos á hora de analizar as súas fortalezas e eivas e plantexar estratexias de reforzo, un eido que tamén se está a traballar desde os contratos-programa. Non en balde a propia OCDE recoñece que a formación permanente feita a medida do profesorado no marco dos centros educativos está chamada a ser unha das ferramentas máis útiles para a mellora da calidade do ensino.

Unha rede de formación para o futuro

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu á Rede de Formación do Profesorado, co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) á cabeza, “o seu traballo e o esforzo para enlazar ao profesorado e á administración educativa, achegando aos centros educativos o asesoramento preciso para proporcionar a formación demandada e necesaria para os docentes“. Non en balde, este labor valeulle á rede hai un ano puidemos celebrar a consecución da certificación de calidade UNE-EN ISO 9001:2008.

“Ao inicio da lexislatura pasada - recordou o conselleiro- impulsamos unha reestruturación da rede para fortalecela, creando o CAFI, ao abeiro da publicación dun novo decreto para regular a formación do profesorado. Agora acabamos de publicar a nova orde que regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado, que pecha o desenvolvemento normativo neste eido, normativa que ten por finalidade fixar as condicións e o marco estable que dea resposta ás necesidades formativas, de xeito que se alineen baixo uns mesmo parámetros estratéxicos e de calidade todos os axentes que traballan na formación dirixida aos profesionais do ensino“. Neste sentido, Xesús Vázquez  comprometeuse a seguir traballando na mesma liña, e sobre todo apostando por fortalecer a formación en rede e os plans de formación en centros.

“Podo afirmar, sen temor a equivocarme, que temos creado unha estrutura para o futuro, quen de responder aos novos retos que a sociedade globalizada e competitiva na que nos tocou vivir nos demanda. Sei que o camiño non foi fácil. Pero tamén sei que merece a pena, porque os seus froitos recíbense nos centros educativos aos que vai destinado este esforzo”, rematou.