Que son?

O contrato-programa é unha iniciativa de innovación educativa desenvolvida desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para proporcionarlles aos centros docentes públicos unha estratexia de mellora da calidade do ensino.

Os destinatarios son EEI, CRA, CEP, CEIP, CEE, CPI, CIFP, EPAPU e IES públicos de Galicia.

Cada centro pode contribuír á mellora da calidade do ensino a través da solicitude dalgunha das 9 actuacións de que consta o contrato-programa.

 

ACLARACIÓN IMPORTANTE:

Con motivo das dúbidas xurdidas no profesorado en relación coa realización dun Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) específico relacionado con cada actuación na que se participe (apartado 8.1c da Resolución), infórmase que esta medida específica implica a realización dun PFPP único vinculado ao plan de mellora do centro, que inclúa todas as modalidades de contratos-programa solicitadas.

 

1. Mellora das competencias clave.

Esta actuación incorporará aquelas medidas que incidan na mellora das seguintes competencias clave: Competencia Matemática e Competencias Básicas en Ciencia e Tecnoloxía (CMCT) e Comunicación Lingüística (CCL) das linguas curriculares impartidas no centro.

2. Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.

Desenvolveranse medidas específicas nos centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán e absentismo co fin de reducilas.

3. IGUÁLA-T

Desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual, prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes.

4. CON-VIVE

Desenvolveranse medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa, actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, actuacións de acollida nos centros educativos, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos, e outras accións similares.

5. INCLÚE-T

Desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas: á atención á diversidade, á inclusión educativa e social de todo o alumnado, á colaboración con asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo, á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes vencelladas á diversidade que pon de manifesto a pluralidade do alumnado.

6. EDUEMOCIONA

Desenvolveranse accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa que redunde no benestar emocional persoal-social e na súa calidade de vida, así como para o desenvolvemento de estratexias que favorezan o aumento da autoestima e a empatía, a mellora das habilidades comunicativas, o incremento do autocontrol emocional, a superación, a identificación das emocións dos demais e o coñecemento das propias.

7. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Esta actuación supón unha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado. Estas medidas traduciranse na planificación de diferentes obradoiros nos que ao longo do curso se traballará de forma cooperativa nun proxecto co fin de obter un produto final. Pódense canalizar a través desta vía as semanas culturais ou científicas, a participación en programas educativos externos ao centro e, en xeral, o traballo por proxectos.

8. Mellora da calidade na xestión dos centros.

Conxunto de medidas ou actividades para mellorar a xestión dos centros docentes baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

9. Promoción da Actividade Física en horario lectivo

Conxunto de medidas organizativas, metodolóxicas ou de actividades deseñadas para o incremento da actividade física efectiva do alumnado durante o horario lectivo.