A Xunta pon en marcha un plan de apoio á investigación universitaria dotado con 104 M€ en 2024 para reforzar o talento científico e as súas infraestruturas

O obxectivo é impulsar a investigación en excelencia e promover que os avances xerados deriven en solucións efectivas ante os retos de futuro

Ao abeiro deste, o Consello da Xunta aproba tres novas convocatorias das oito previstas de axudas a persoal, grupos e centros de investigación que suman 47,9M€

Convócanse 102 bolsas predoutorais para contratos de catro anos, dotados con ata 30.000 euros/ano e ata 6.000 € para os tres meses de estadía no estranxeiro

Refórzanse os contratos posdoutorais, que pasan a ser de seis anos de duración co fin de facilitar a estabilización dos investigadores, e duplícase o orzamento deste programa ata acadar os 15M€

Destínanse 21M€, un 22% máis, a financiar a actividade investigadora dos grupos científicos máis competitivos do sistema galego de I+D+i

Gallego
i

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a posta en marcha do Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, que está dotado con 104 millóns de euros no 2024, “un 16 % máis que o destinado este ano a este tipo de actuacións, e que xa foi un esforzo considerable”, puxo en valor. 

Tras a aprobación deste plan no Consello da Xunta, Rueda explicou que esta partida servirá para o desenvolvemento de accións estruturadas en tres eixes que son o reforzo do talento científico, o funcionamento das estruturas de investigación e a mellora de equipamento e persoal de apoio. 

O obxectivo deste plan, elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, é impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Precisamente, Rueda lembrou que as universidades públicas representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento da comunidade autónoma, con preto de 7.700 investigadores. 

No primeiro eixe do plan, o de talento e promoción da carreira investigadora, inclúense os programas de apoio predoutoral e posdoutoral así como as axudas á contratación de científicos dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva e Grants do Consello Europeo de Investigación (ERC). No eixe de estruturas de investigación inclúense os programas de apoio á consolidación e estruturación dos grupos científicos máis punteiros, a acreditación de excelencia para os centros de investigación e a especialización e acreditación dos campus. O terceiro eixe, de equipamento e persoal de apoio, abrangue o Plan reforza de contratación de tecnólogos e convenios para infraestruturas e accións estratéxicas de I+D+i coas tres universidades públicas galegas.  

60M€ en convocatorias competitivas, un 47% máis

No que atinxe ao ámbito de axudas a persoal, a grupos e centros de investigación, o mandatario galego salientou o feito de que  o Plan iTransfer recolle oito convocatorias competitivas que suman “máis de 60M€, o que supón case un 50 % destinado a este mesmo fin no presente exercicio”. 

Precisamente, Rueda explicou que tamén se deu o visto e prace a tres novas convocatorias das oito previstas. Trátase das axudas predoutorais e posdoutorais e de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, que suman un total de 47,9M€, e engádense á xa aprobada de contratos posdoutorais de continuidade e á acreditación de centros de investigación.  

Polo tanto, coa aprobación hoxe polo Consello da Xunta, son xa cinco as convocatorias en marcha, mentres que no que respecta ás tres restantes (axudas Ramón y Cajal, axudas Juan de la Cierva e programas Grants do Consello Europeo de Investigación), xestionaranse en canto se dispoñan dos datos dos investigadores/as captados nestas programas.  

Apoio á etapa predoutoral

O Goberno galego aproba a convocatoria conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación do programa de axudas predoutorais 2024 cunha dotación de 11.893.200 € para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i. A finalidade deste programa, que se vén desenvolvendo desde o ano 2012, é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.  

Apoio formación posdoutoral

O Consello da Xunta tamén vén de lanzar a convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, dotada con 14.966.500 euros (o dobre da contía actual) para 43 contratos, e cun novo enfoque estrutural enfocado a impulsar unha maior estabilización do persoal investigador.  

Ata o de agora a etapa posdoutoral estaba estruturada en dúas convocatorias (unha de formación inicial de tres anos e outra de continuidade de dous anos) e agora, o persoal investigador que inicie a etapa posdoutoral en 2024 accederá a unha convocatoria única de seis anos de duración divida en dúas fases de tres anos cada unha cunha avaliación intermedia para pasar dunha fase á outra.  

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. 

Durante a segunda fase da estadía (os seguintes tres anos tras superar a avaliación intermedia), os beneficiarios recibirán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.  

A convocatoria inclúe, ademais, un compromiso por parte das entidades do Sistema universitario de Galicia que acollan contratados ao abeiro desta de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados a necesidades docentes ou investigadoras.  

Axudas á consolidación dos grupos de investigación máis competitivos

Rueda tamén deu conta da terceira das convocatorias aprobada hoxe que vai dirixida aos grupos de “excelencia investigadora” do sistema de I+D+i para o ano 2024, por un importe de 21.085.000 euros, un 21,7 % máis con respecto aos 17,3M€ do presente exercicio e que supón, segundo admitiu, un “coidado e atención especial” para este colectivo.

A orde conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación está dirixida ás tres universidades públicas galegas, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións galegas de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia. 

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo, de ser o caso. Trátase, por tanto, dunha acción que permitirá seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.  

Ao igual que nas convocatorias anteriores, a orde inclúe o apoio a grupos de referencia competitiva (modalidade A), a grupos de potencial crecemento (modalidade B) e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente (modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia e o papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i. 

As axudas das tres modalidades poderán destinarse ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos etc. pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e custos de matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.  

Tamén serán conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultoría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

A Xunta investirá máis de 5,5M€ na ampliación do Instituto Ies Aquis Celenis de Caldas de Reis, que incluirá importantes melloras enerxéticas

A obra, que ten un orzamento máis de 2M€ superior ao previsto e dá resposta ás necesidades de escolarización da comarca, licitarase antes de que remate 2023

Entre as novidades, o proxecto inclúe a renovación completa de fiestras, luminarias e o illamento de todo o edificio mediante sistema SATE

Renovarase o sistema de calefacción, que será combinada entre xeotermia e pellets

Tamén se instalarán paneis fotovoltaicos e instalaranse prazas de aparcamento con recarga de vehículos eléctricos

O instituto ampliarase verticalmente, gañando unha altura, coa conseguinte renovación da cuberta, e tamén se redistribuirá o edificio existente

A maiores, ampliarase o centro polo lateral para crear un novo ximnasio e un soportal cuberto

Gallego
c

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación, por anticipado de gasto neste mesmo 2023, da obra de ampliación do Instituto IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). A obra conta cun orzamento de 5.524.064,91€, dividido en dúas anualidades, máis de 2M€ máis do inicialmente previsto. O obxectivo desta actuación é mellorar o día a día de profesorado e alumnado deste centro, dando resposta ás necesidades de escolarización deste concello pontevedrés.

O edificio actual do instituto ten unha antigüidade duns 35 anos, con carencias de espazo, dado o incremento da matrícula de Bacharelato, pois este centro sirve ao alumnado de Barro, Cuntis, Moraña, Portas, así como da propia Caldas de Reis. Ademais, parte das instalacións do centro deben ser modernizadas. Deste xeito, o proxecto de intervención inclúe melloras tanto no relativo á ampliación dos espazos como de acondicionamento e mellora do edificio.

No referido á ampliación, realizarase en vertical, engadindo unha nova altura ao edificio, con 2.400m² e o conseguinte cambio de cuberta, que será de panel sándwich. O obxectivo é crear novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos. A maiores, ampliarase o centro polo lateral para crear un novo ximnasio e un soportal cuberto.

Listo para o curso 2025/26

A obra licitarase antes de que remate o ano. A previsión inicial é rematar a licitación no mes de abril e comezar os traballos en xuño, co fin de que poidan estar listas para o curso 2025/26.

No edificio actual acometerase unha redistribución parcial das plantas existentes para adaptalo ao dito plan. Entre as principais novidades do proxecto está a mellora enerxética deste edificio, co seu illamento completo mediante sistema SATE, a renovación total de fiestras (270 unidades e 636m²) por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica, así como o cambio da totalidade das luminarias, instalándoas de tipo LED (787 unidades).

Ademais, entre outras intervencións, melloraranse as instalacións de electricidade, protección contra incendios, de ventilación e o sistema de calefacción. No novo andar instalarase un sistema de xeotermia, mediante unha bomba de calor e pozos xeotérmicos, mentres que para o resto se cambiará a caldeira de gasóleo por unha de pellets.

Xa no exterior, instalaranse paneis fotovoltaicos na cuberta do bloque norte e ampliarase o aparcamento, incluíndo tanto prazas accesibles para persoas con problemas de mobilidade como outras con recarga de vehículos eléctricos.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar. Trátase dun esforzo sen precedentes en materia de obras educativas, cun investimento de máis de 300M€ ata 2024.

A Xunta advirte de que o Goberno central está a poñer en risco as prácticas e a titulación de milleiros de estudantes galegos de FP e Universidades

Moncloa pretende poñer en marcha o 1 de xaneiro a cotización das prácticas do alumnado sen ter establecidos os mecanismos necesarios que o fagan posible

A Xunta está a favor de que os estudantes galegos poidan cotizar polas súas prácticas formativas, pero desde o consenso entre administracións e co sector empresarial

A Consellería de Educación leva meses advertindo, sen éxito, a tres ministerios diferentes que esta decisión improvisada pon en perigo a viabilidade da FP

Demanda un sistema informático áxil e sinxelo para xestionar a cotización e o adiamento da mesma ao inicio do curso 2024/25 para facilitar a medida

A Consellería reunirase cos centros a vindeira semana para garantirlles que a Xunta non os deixará indefensos, nin a eles nin aos alumnos, neste escenario

Gallego
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, advertiu hoxe na Conferencia Sectorial de Educación de que o Goberno central “está a poñer en perigo as prácticas formativas de milleiros de estudantes galegos de FP e universidades e mesmo a súa titulación”. Esta situación é froito da decisión de que dito alumnado deba cotizar á Seguridade Social, unha medida que Moncloa quere poñer en marcha o 1 de xaneiro sen establecer os mecanismos necesarios para levalo a cabo a pesar das advertencias da Xunta desde hai meses.

Neste sentido, Román Rodríguez reiterou que a Xunta está a favor da inclusión do alumnado de prácticas como cotizantes, pero advertiu que é preciso “acadar un profundo consenso” entre o Goberno central e as comunidades autónomas e o tecido empresarial. Lonxe disto, o Ministerio “actúa de xeito unilateral, xerando caos e dúbidas”.

O titular do departamento educativo da Xunta participou esta tarde na reunión de Ministerio de Educación e comunidades, que se celebrou de xeito presencial grazas á presión da Xunta. “Despois de meses sen convocar a Conferencia Sectorial, a ministra pretendía abordar un tema tan importante coma este, a 15 días da súa posta en marcha, sen sentarse a dialogar fronte a fronte coas comunidades”, declarou o conselleiro.

Román Rodríguez explicou que a inminente posta en marcha da cotización das prácticas, sen ningunha preparación previa por parte do Goberno do Estado, “sitúanos diante dun problema moi grave do que, con lealdade, advertimos desde Galicia antes do verán a varios ministerios (Educación, Universidades e Seguridade Social), que só se pasaron o problema dos uns aos outros, sen achegar ningunha solución”.

Propostas de Galicia

O representante da Xunta lamentou que isto vai supoñer unha enorme carga administrativa para as empresas que participan na formación do alumnado, algo que vai desincentivar especialmente ás pequenas empresas que colaboran no ámbito da FP.

Por iso, pediu na Conferencia Sectorial que habilite un sistema informático “sinxelo e áxil” que permita a xestión das altas e baixas, dado que moitas empresas con estudantes en prácticas non poden asumir os gastos de xestoría. Aclarou, ademais, que este traballo adicional tampouco debería recaer nos centros educativos. A posta en marcha deste sistema require tempo, polo que solicitou que se adíe a implantación da cotización ao inicio do curso 2024/25 co obxectivo de facela posible.

Ataques contra a FP

Román Rodríguez lembrou que o Ministerio de Educación “leva tempo adoptando decisións que atacan directamente á FP, como foi o caso a extinción do corpo de profesores técnicos destas ensinanzas ou a publicación da nova lei de FP, cuxo calendario de aplicación está a incumprir o propio Ministerio”, afirmou.

“A isto súmase agora a cotización das prácticas, que atenta contra o forte salto cuantitativo e cualitativo que deu a FP en Galicia. Temos un sistema de prestixio que abre a porta ao emprego a milleiros de mozos e mozas, que ten a confianza do estudantes e a conexión do sistema académico de FP coas empresas e os sectores produtivos -destacou-. Non podemos permitir que a improvisación do Goberno central poña en perigo o papel da FP como unha das ferramentas fundamentais para construír a Galicia do futuro”.

O conselleiro expuxo que a Xunta “está moi preocupada e imos convocar aos centros informalos da situación á que o sistema de FP se ve abocado”. “Poden estar seguros, alumnos e centros, de que o Goberno galegos non os vai deixar indefensos neste escenario, como lamentablemente si fai o Ministerio”, concluíu o Ministerio.

Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 7 M€ en nove centros educativos de Ourense

Ampliaranse e melloraranse os institutos Eduardo Blanco Amor e 12 de Outubro, os centros integrados de FP A Farixa e A Carballeira e os colexios A Inmaculada e Virxe de Covadonga

Os colexios O Couto, Manuel Luis Acuña e Vistahermosa contarán cunha rehabilitación integral das súas instalacións

Estas intervencións encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que se busca adaptar os centros ás novas demandas educativas e sociais

Gallego
o

A Xunta de Galicia destinará máis de 7M€ a melloras en nove centros educativos de Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Fíxoo nunha reunión coas direccións dos centros para informalos de primeira man sobre os plans previstos.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Educación, están previstas en 2024 nove actuacións en colexios, institutos e centros integrados de FP. “Algunhas actuacións xa van a comezar de xeito inmediato, mentres que outras se licitarán en 2024”, anunciou Román Rodríguez. Antes de rematar este ano licitaranse as obras do Instituto IES Eduardo Blanco Amor para a súa ampliación e as do 12 de Outubro para mellorar a instalación eléctrica. Prevese que a finais deste curso comecen as obras.

Ao longo do ano 2024 licitarase a ampliación do Centro Integrado de FP CIFP A Farixa, cuxo proxecto xa está en redacción. Tamén se encargarán os proxectos de cinco centros educativos, dos que se espera comezar as actuacións de mellora a finais do mesmo ano. Neste caso son os Colexios CEIP O Couto e Manuel Luis Acuña, nos que se realizarán rehabilitacións integrais das súas estruturas; mentres que no Colexio CEIP Virxe de Covadonga prevese a instalación dun ascensor e no Colexio CEIP Vistahermosa proxéctase a rehabilitación integral, ademais da instalación dun ascensor e o peche parcial da pista polideportiva.

A Consellería de Educación tamén ten en marcha outros dous proxectos de ampliación dos edificios: o Colexio CEIP A Inmaculada e o Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira. Como explicou Román Rodríguez durante o anuncio destas actuacións, as obras non comezarán ata finais de 2024 ou inicios de 2025 debido a que é preciso licitar o proxecto e posteriormente a obra.

Con estas actuacións, que se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a Xunta de Galicia quere “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais”, afirmou o conselleiro de Educación. “Traballamos sen descanso para que o conxunto dos centros educativos de Galicia, con máis de 1.600 edificios, sexan cada vez máis modernos, accesibles e confortables”, engadiu.

Máis de 28M€ desde 2009

Román Rodríguez destacou que todas estas obras previstas para o vindeiro ano “completan as actuacións de mellora e reforma realizadas ata agora na cidade de Ourense”. Desde o ano 2009 ata hoxe a Consellería de Educación investiu nos centros educativos da cidade da burgas un total de 28,5M€.

Durante este ano están en marcha a ampliación do centro do IES Ferro Couselo por máis de 2,7 millóns de euros e melloras sectoriais no IES Universidade Laboral por case 500.000 euros. Nos últimos anos tamén destaca a aposta da Xunta de Galicia polo Centro Galego de Innovación da FP, o centro de referencia para o alumnado e profesorado da FP galega.

A Xunta transferirá case 19 M€ ás universidades públicas galegas para contratar un cento de tecnólogos como soporte da súa actividade de I+D+i

O conselleiro de Educación e os tres reitores asinan o acordo para reforzar este persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación

O Plan Reforza inclúe por primeira vez financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo

A USC recibirá unha achega de case 7,6M€ para arredor de 47 tecnólogos, a UVigo case 6M€ para uns 29 e a UDC case 5,3M€ para aproximadamente 34 tecnólogos

Gallego
t

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os reitores das Universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá un convenio para reforzar o persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación, así como para a consolidación de estruturas de investigación.

No marco do Plan Reforza da Investigación Universitaria, o acordo suporá unha inxección por parte da Xunta ás tres universidades públicas galegas de case 19M€. Isto permitiralles contratar un cento de tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.

En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá unha achega de case 7,6M€ para a contratación de arredor de 47 tecnólogos, a de Vigo case 6M€ para uns 29 e a da Coruña case 5,3M€ para aproximadamente 34 tecnólogos.

O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou o novidoso desta acción, “que inclúe por primeira vez financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo”.  “O plan vén dar pulo ao papel das universidades galegas neste eido, que representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento”, destacou.

“A Consellería de Educación apoia activamente este sistema desde hai anos, ofrecendo certezas e estabilidade ao persoal investigador”, explicou o conselleiro.

Xestores de I+D+i especializados

O Plan Reforza da Investigación Universitaria 2023-2026 establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.

Os tecnólogos contratados serán profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a posta en valor de resultados de investigación, a protección da propiedade intelectual, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.

Estes profesionais actuarán de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferencias culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Deste xeito, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.

A Xunta anuncia a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense

Avaliadores externos emiten informe favorable a este recoñecemento

A Xunta acompañará á Universidade de Vigo no camiño cara á excelencia, cun investimento superior aos 3M€ para o Plan Operativo do Campus de Ourense

“Trátase dunha aposta estratéxica, que agardamos que impulse este campus como un dos motores económicos de Ourense”, destaca Román Rodríguez

Elena Rivo pon en valor o Campus ourensá e sinalou que move a economía, xera emprego e achega riqueza á provincia e a Galicia

É o terceiro campus que acada este recoñecemento, sumándose ao Industrial de Ferrol e ao Campus Terra de Lugo
 

Gallego
o

Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, anunciaron hoxe a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense, centrado en promover actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga e alimentación.

O titular do departamento educativo da Xunta comunicou que o comité de avaliación vén de emitir informe favorable á acreditación como campus de especialización. “Será o terceiro campus que acada este recoñecemento, sumándose ao Industrial de Ferrol e ao Campus Terra de Lugo”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez salientou que a Xunta vai acompañar ao Campus de Ourense neste camiño á excelencia. Neste marco, Goberno galego e Universidade de Vigo asinarán un protocolo e un convenio de colaboración por un importe aínda por determinar, pero que previsiblemente superará os 3M€ en tres anos”, explicou. “Trátase dunha aposta estratéxica, que agardamos que impulse este campus como un dos motores económicos de Ourense”, incidiu.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, pola súa banda, destacou que o Campus de Ourense, que o conforman 5.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo, move a economía, xera emprego e aporta, polo tanto, riqueza para a provincia e para Galicia. Así mesmo, Rivo indicou a importancia de apostar pola investigación para captar e reter talento.

Plan Operativo

O conselleiro de Educación detallou que nestes momentos un grupo de expertos está redactando un informe ampliado que fixará as prioridades e as liñas estratéxicas que deberá seguir desenvolvendo o Campus de Ourense nos próximos tres anos a través dun Plan Operativo con indicadores medibles e cuantificables.

A finalidade desta folla de ruta é afondar nos obxectivos do Campus de Ourense, en concreto na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional; e na internacionalización da investigación multidisciplicar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos. A previsión é que o documento estea rematado nos primeiros meses de 2024.

Case 8,5M€ desde 2013

Román Rodríguez quixo poñer en valor o apoio da Xunta de Galicia ao Campus Auga desde o ano 2013, cun investimento de case 8,5M€. Unha década na que o Campus de Ourense traballou arreo para potenciar todas as súas características distintivas para convertelas en axentes claves do desenvolvemento económico e social.

Así mesmo, destacou a importancia da estratexia de especialización de Campus da Xunta, “unha iniciativa pioneira en todo o Estado que impulsamos desde o ano 2013, centrada en impulsar unhas universidades estreitamente ligadas ao territorio e a que levamos investidos máis de 24,4M€”.

Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 2,5M€ en centros educativos de Redondela

A Xunta de Galicia licitará antes de final de ano as obras nos institutos Pedro Floriani e Mendiño e no colexio Reboreda

Na primeira delas destinarase 1,9M€ para ampliar o centro en máis de 700m2 para dotalo de novos espazos e servizos

As actuacións restantes están dirixidas a facer melloras sectoriais como a instalación dunha nova caldeira de biomasa ou o cambio de ventás

Estas intervencións encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para adaptar os centros ás novas demandas educativas e sociais
 

Gallego
r

A Xunta de Galicia investirá máis de 2,5M€ para levar a cabo melloras en centros educativos de Redondela. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao Instituto IES Pedro Floriani, un nos que está previsto actuar xunto ao IES Mendiño e o Colexio CEIP Reboreda.

Tal e como avanzou na visita o responsable autonómico de Educación, a Xunta de Galicia publicará antes de final de ano as licitacións destas obras que permitirán “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais” en liña co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. “Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para formarse e por iso traballamos para que os nosos colexios e institutos sexan cada vez máis confortables e modernos”, afirmou Román Rodríguez.

A principal actuación anunciada hoxe é a ampliación do IES Pedro Floriani, un centro formado por varios edificios que ofertan distintas etapas e modalidades formativas. Neste caso, a Xunta investirá 1,9M€ para ampliar o centro en máis de 700 m2 e dotalo de novos espazos e servizos co fin de reforzar a oferta de Formación Profesional mediante a creación de novas aulas polivalentes e técnicas coa superficie axeitada. Ademais, o proxecto complétase coa substitución das cubertas do centro.

As actuacións restantes están dirixidas a facer melloras sectoriais. Así, no caso do Instituto de Mendiño, destinaranse máis de 250.000€ para dotar ao centro dunha nova caldeira de biomasa. Isto permitirá renovar a instalación de xeración de calor substituíndo a actual caldeira de calefacción de gasóleo por unha de enerxía verde. Por último, o Colexio Reboreda contará cun investimento de 320.000€ para cambiar a carpintería exterior do centro. En total cambiaranse 169 unidades o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética e o confort do edificio.

A Xunta acometerá 21 obras de ampliación, mellora e reforma en 17 centros educativos da Coruña, grazas a un investimento de 18,6 M€

Román Rodríguez subliña que este “amplo paquete de obras” permitirá avanzar cara “infraestruturas máis modernas e confortables que respondan aos retos tecnolóxicos e de sustentabilidade”

Salienta o compromiso do Goberno galego coa Formación Profesional, xa que se van ampliar os catro centros integrados da cidade por importe de 6,6 M€

Entre as obras de maior envergadura destacan as rehabilitacións integrais dos colexios Sagrada Familia e Víctor López Seoane e do Instituto Eusebio da Guarda

Tamén se levarán a cabo importantes melloras sectoriais nos institutos Salvador de Madariaga e Otero Pedrayo e ampliarase o IES Agra do Orzán

Gallego
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe un investimento de arredor de 18,6 M€ en 21 actuacións de ampliación, mellora e reforma en 17 centros educativos da cidade herculina, que comezarán a desenvolverse a partir do próximo ano 2024. Fíxoo nunha reunión coas direccións dos centros para informarlles de primeira man sobre os plans previstos.

Román Rodríguez explicou que este “amplo paquete de obras” responde ao compromiso da Administración autonómica coa “aposta pola mellora continua” do sistema educativo que se manifesta, ademais de en programas específicos, en “infraestruturas máis modernas e confortables que respondan aos retos tecnolóxicos e tamén aos retos de sustentabilidade do século XXI”, en liña co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Do total de actuacións, en once delas xa están máis avanzados os trámites administrativos e, segundo avanzou o conselleiro, vanse licitar antes de que remate o ano. Trátase da reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e Son, por un importe de 956.491 euros, da substitución da cuberta do Colexio CEIP María Pita (378.538 euros), da renovación das fiestras no IES Agra do Orzán (300.976 euros), da substitución de cubertas no IES Fernando Wirtz Suárez (607.702 euros) e de melloras sectoriais nos IES Ramón Menéndez Pidal (752.891 euros) e A Sardiñeira (414.370 euros).

Ademais, xa en 2024, está previsto licitar dúas obras no IES Salvador de Madariaga (unha mellora sectorial por un importe de 1.716.038 euros e a cubrición da pista polideportiva (500.000 euros), así como a rehabilitación integral do Eusebio da Guarda (1,45 M€), e melloras sectoriais do IES Ramón Otero Pedrayo (956.491 euros) e do Rafael Dieste (625.000 euros). Tal e como explicou o conselleiro, todas estas actuacións suman un investimento total de 8,6 M€ por parte da Xunta de Galicia.

Por outra parte, hai outro paquete de obras, cunha estimación aproximada de 10 M€, para a redacción dos proxectos de dez actuacións. Trátase das rehabilitacións integrais dos colexios CEIP Sagrada Familia (1,5 M€) e CEIP Víctor López Seoane (1 M€) e do Centro Integrado de FP CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (2 M€) e das ampliacións do centros integrados de FP CIFP Imaxe e Son (3 M€) e CIFP Paseo das Pontes (500.000 euros) e do Instituto IES Agra do Orzán (1.250.000 euros).

Así mesmo, tal e como detallou o conselleiro, tamén o vindeiro ano está previsto acometer o peche da pista cuberta do Colexio CEIP San Pedro de Visma (150.000 euros) e o peche lateral da pista cuberta do Colexio CEIP María Pita (200.000 euros), a reforma da cuberta de talleres do Centro Integrado de FP CIFP Someso (200.000 euros) e o cambio de cuberta do Colexio CEIP Sal Lence (200.000 euros).

Reforzo da FP

Así pois, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a importancia de todas estas actuacións “que abranguen desde colexios ata institutos e centros de FP”. De feito, destacou que a Xunta prevé actuar nos catro centros integrados de FP cos que conta A Coruña.

“Tan só as obras destes CIFP absorben un orzamento de máis de 6,6 M€ que van directamente á mellora das instalacións e dos talleres ao servizo das ensinanzas de Formación Profesional”, abondou.

Máis de 22,4 M€ desde 2009

Román Rodríguez salientou que todas estas obras previstas para o vindeiro 2024 “complementan a mellora continua e constante ano a ano durante máis dunha década por parte da Xunta na cidade da Coruña”. Proba diso é o investimento de máis de 22,4 M€ desde 2009 que permitiron melloras en 45 colexios e institutos, entre as que destacan a construción do Colexio CEIP Novo Mesoiro, as rehabilitacións integrais dos institutos Eusebio da Guarda e Monelos ou actuacións como a renovación das cubertas dos colexios Curros Enríquez, Alborada e San Pedro de Visma, entre outros.

Así mesmo, nestes momentos está en marcha a instalación de ascensores en catro colexios e institutos por un importe de 403.000 euros. Trátase dos colexios Víctor López Seoane e San Francisco Javier e dos institutos Monte das Moas e Urbano Lugrís.

A Xunta e Igaciencia premian a innovación científica en galego entre a mocidade no certame anual Novos Poliedros

O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega do galardón aos sete institutos gañadores desta terceira edición

Gallego
p

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega da terceira edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en galego por Igaciencia -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado no Pazo de San Roque por Manuel Díaz, responsable de Igaciencia, destacou o papel de iniciativas coma esta “para mostrarlle á rapazada, dun xeito lúdico, que non é incompatible en absoluto co rigor e a calidade, o papel que o galego, como calquera outra lingua, pode ter no ámbito científico”.

Centros premiados

Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra.

Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo. Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña.

Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dunha listaxe de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.

Román Rodríguez anuncia que a Xunta investirá 7 M€ para rehabilitacións, ampliacións e melloras en sete centros de FP e institutos de Ferrol

Subliña que estas actuacións supoñen unha forte aposta da Xunta polo ensino neste concello, con infraestruturas adaptadas ás novas demandas e máis sostibles e confortables

Na liña de reforzo das ensinanzas de FP, a Consellería de Educación levará a cabo obras nos tres centros integrados de FP: Ferrolterra, Leixa e Rodolfo Ucha

Tamén serán obxecto de mellora os institutos Sofía Casanova, Carvalho Calero, Concepción Arenal e Ferrol Vello

Todas as obras, cuxos trámites comezarán en 2024, enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Gallego
r

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anunciou hoxe unha inxección de arredor de 7 millóns de euros para acometer obras de ampliación, rehabilitación e mellora en sete centros educativos desta cidade durante o próximo ano 2024. Trátase dos centros integrados de FP Ferrolterra, Leixa e Rodolfo Ucha Piñeiro e dos institutos Sofía Casanova, Carvalho Calero, Concepción Arenal e Ferrol Vello.

“Isto, ademais de reflectir o compromiso explícito da Xunta de Galicia cos cidadáns ferroláns, supón unha importante renovación das principais infraestruturas do ensino neste concello”, asegurou Román Rodríguez, que avanzou tamén que os trámites administrativos para todas estas actuacións van comezar ao longo de 2024 coas redaccións dos distintos proxectos “que serán os que detallen, desde unha perspectiva técnica, os pormenores das accións en cada un deles”.

Aposta pola FP

Na liña da aposta do Goberno galego polo impulso e reforzo das ensinanzas de Formación Profesional en toda Galicia, e especialmente na área de Ferrol, o conselleiro de Educación avanzou que a meirande parte do investimento -arredor de 4,7M€- absórbena as actuacións previstas nos tres centros integrados de FP radicados neste concello e que dan servizo a toda a comarca.

Así pois, no CIFP Ferrolterra está prevista unha ampliación por un importe de 2,5M€, mentres que no CIFP Leixa procederase a unha rehabilitación integral por un valor de 1,5M€ e outros 700.000 euros destinaranse ao CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro para acometer a reforma das cubertas.

Por outra parte, a Consellería tamén ten previsto actuar en catro dos sete institutos cos que conta esta cidade co fin de acadar infraestruturas educativas máis confortables e sostibles así como preparadas para encarar os retos tecnolóxicos das próximas décadas, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Obras en catro de sete institutos

Neste senso, a obra de maior envergadura desde o punto de vista investidor é a rehabilitación integral que se vai levar a cabo no Instituto IES Sofía Casanova, por un importe de 1,5M€. No caso do IES Ricardo Carvalho Calero instalarase unha cuberta para educación física e reformarase o actual ximnasio da planta alta para uso de aulario, o que suporá un investimento aproximado de 650.000 euros.

A Consellería tamén ten previsto dotar o IES Concepción Arenal dunha pista cuberta e o Ferrol Vello dun pavillón polideportivo, para o cal aínda non hai unha estimación de custo porque -tal e como explicou Román Rodríguez- estase á espera dos informes urbanísticos que confirmen a viabilidade destas dúas actuacións de xeito que teñan todas as garantías.