A máquina Perkins de escritura en Braille.

Esta peza, que habitualmente está exposta no corredor adicado á Educación Especial, é unha doazón do CRE Santiago Apóstol de Pontevedra. É da segunda metade do século XX e está feita en ferro cromado.

A máquina costa dos seguintes elementos: seis teclas (unha para cada punto Braille), conectadas a seis punzóns que poden ser pulsadas á vez, unha tecla para separar as palabras, tecla de cambio de liña e outra de retroceso. Consta á súa vez dun timbre que se acciona cando quedan sete caracteres para chegar ao marze dereito.

O papel empregado para a súa escritura debe ser un papel resistente (tipo cartulina).

A máquina Perkins de escritura en Braille supuxo un gran avance para as persoas invidentes permitindo realizar a escritura en Braille dun xeito directo e cunha maior velocidade. Hoxe en día continúa sendo un obxecto de relevancia na ensinanza da escritura en Braille para o alumnado invidente, facendo posible a realización e adaptación das tarefas escolares e favorecendo a inclusión do alumnado con necesidades educativos asociadas á deficiencia visual.

 

 

Obras completas Concepción Arenal (tomos II e XIV)

Nestes dous tomos da publicación da Obra Completa de Concepción Arenal da segunda metade do S.XIX  a autora realiza un estudo minucioso da situación dos presos nos centros penitenciarios realizando unha denuncia sobre as precarias condicións nas que vivían os presos.

Asemade, ao longo destas dúas obras literarias, Concepción Arenal establece unha serie de reformas necesarias para favorecer a situación dos reclusos e o tratamento que estes recibían.

Probablemente a súa cita máis célebre "Odia o delito e compadece ao delincuente" resume moi ben o seu pensar sobre os presos como produto dunha sociedade reprimida e represora.

 

 

50ª aniversario da chegada do home a lúa.

Nesta ocasión para a selección da nosa derradeira peza destacada do ano, quixemos homenaxear o quincuaxésimo aniversario da chegada do home á Lúa.

A nosa peza destacada trátase desta vez, dun conxunto  de materiais escolares que conteñen aspectos relativos ao aprendizaxe da Lúa.

Entre eles, poderemos atopar: un conxunto de diapositivas con diversas imaxes da lúa acompañadas por un visor con luz, un traballo educativo do ano 1949 que inclúe ilustracións da lúa feitas por un alumno e material bibliográfico que aborda temas como: as viaxes espaciais, a misión Apolo XI ou o estudo do universo.