28 de maio "Día Internacional do Xogo".

Hoxe celébrase o Día Internacional do Xogo e no Mupega queremos lembrar un dos nosos xogos máis populares "O xogo da porca".

O xogo é un elemento fundamental para un axeitado desenvolvemento do neno/a na infancia. 

Os xogos tradicionais forman parte da cultura de cada comunidade sendo trasmitidos de xeración en xeración, implicando esta trasmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.

O pobo galego foi quen de crear infinidade de maneiras de dar resposta as súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tivo a capacidade de trasmitir esas creacións ás novas xeracións. 

A imaxinación e a maña para a creación dos elementos de xogo e das súas regras básicas xa constituían en si mesmas un divertimento para os máis pequenos/as.

Un exemplo disto sería o xogo da "Porca". Para xogar cómpren uns seis xogadores , provistos de cadansúa moca. O terreo de xogo é un campo aberto. No seu centro faise un cortello, un furado o suficientemente amplo para que a porca (ou bóla) caiba nel.  Un xogador fai de porqueiro e lanzará a porca o máis lonxe posible, os demais tratarán de meter a porca no cortello co seu pau e o porqueiro tratará de impedilo. Quen logre metela, ocupará o lugar de porqueiro. 

Aínda que este xogo, coma a meirande parte dos xogos populares, pode presentar diferentes variantes en distintos puntos da nosa xeografía. 

"Xogar é coñecer o mundo que temos ao alcance da man, dos ollos, da imaxinación." Antón Cortizas (2008).