Día Internacional dos Museos 2020

Hoxe, 18 de maio, celébrase o Día Internacional dos Museos baixo o lema "Museos pola igualdade, diversidade e inclusión".

Dende hai varios anos, o Mupega viña realizando unha axenda de actividades variadas co fin de celebrar o Día Internacional dos Museos. Estas actividades estaban deseñadas para achegar ao público o noso museo dun xeito máis atractivo e dinámico. As circunstancias fixeron que este ano tanto o Mupega, como o resto dos museos, non poidamos celebrar este día como quixeramos.  Sen embargo, non imos desaproveitar a oportunidade de amosar o noso patrimonio a través dos recursos dixitais. Por este motivo, ao longo da semana iremos realizando publicacións na nosa web e redes sociais para festexar esta data tan sinalada que este 2020 leva por título "Museos pola igualdade, diversidade e inclusión".

Nesta ocasión comezaremos coa publicación do vídeo "O camiño da escola galega cara á inclusión",  que nos narra o importante papel que xogou a escola galega na inclusión educativa.

Agardamos que vos guste.