Celebremos o Día das Letras Galegas

 

Como ben sabedes moitos de vós, no Museo Pedagóxico de Galicia, viñamos realizando dende hai algúns anos actividades dirixidas aos máis pequenos.

Moitos nenos e nenas se mantiñan fieis e viñan sempre que podían, outros non perdían unha e sempre había caras novas, como nos gustaba ampliar a familia! Tamén nos acordamos dos que se fixeron maiores e, claro, xa non podían vir. Botamos moito en falta todo ese movemento, o balbordo dos nenos e nenas, as risas e o seu cariño. Un sentimento que se foi creando aos poucos grazas ao contacto. Como vos botamos de menos!

 

Para estar un pouco máis cerca, sen tocarnos, por suposto! ocurríusenos que a celebración das Letras Galegas é unha boa excusa para deixar voar a creatividade. Podedes facer un retrato de Ricardo Carballo Calero, un cartel sobre o Día das Letras... o que vos apeteza.. Collede as vosas ceras, roturladores, témperas, papeis de cores... e poñédevos mans á obra! Quizais xa teñades algo feito.

Como nas nosas casas tamén hai pequenos aos que lles gusta debuxar, deixámosvos un debuxo feito por unha nena a modo de exemplo.

Enviade os debuxos a museo.pedagoxico.galicia@edu.xunta.gal e non esquezades poñer o voso nome. Con todos os debuxos (ou con algúns deles, se temos moitos) faremos unha montaxe e publicarémola na web e nas nosas redes para que poidades velos.