Distintivo de calidade Selo Vida Saudable

Co propósito de fomentar os hábitos que conduzan ao desenvolvemento dunha vida saudable en todas as súas vertentes, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ven de crear o distintivo de calidade denominado Selo Vida Saudable, co obxecto de recoñecer publicamente a aqueles centros docentes, tanto públicos como privados, que fomenten a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a asunción de prácticas de vida saudable e unha educación física que permita o adecuado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización dos alumnos.

Os centros educativos interesados poderán presentar as súas solicitudes durante os meses de xaneiro e febreiro de cada ano.

Nas seguintes ligazóns pode acceder á orde ECD/2475/2015, do 19 de novembro, pola que se crea o distintivo de calidade de centros docentes Selo Vida Saudable, e á resolución do 23 de decembro pola que se establece o procedemento para a concesión do distintivo de calidade Selo Vida Saudable.