Innovatech FP


Información xeral

O programa InnovaTech FP ten como obxectivo principal impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial, fomentando a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de Formación Profesional.

Para logralo, o alumnado de Formación Profesional enfrontarase á resolución de 20 retos tecnolóxicos expostos por empresas, cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.

O alumnado participante afrontará os retos propostos traballando en equipos multidisciplinares e mixtos en canto ao xénero das persoas participantes. Deste xeito preténdese integrar perfís profesionais complementarios, á vez que se se promove a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Poderá participar o alumnado de Formación Profesional e persoas tituladas nestas ensinanzas nos dous últimos cursos, de todos os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.


Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será do 7 ao 20 de novembro, ambos os dous incluídos.


Xornada de lanzamento de retos

A xornada de lanzamento dos retos do Programa InnovaTech FP terá lugar o vindeiro xoves 27 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.


Fase inicial: presentación de solucións

Na seguinte ligazón poderanse rexistrar as solucións propostas aos 20 retos do programa InnovaTech FP 2025-2026.

O prazo para presentación de solucións estará aberto ata o día 30 de enero, inclusive.

Soporte técnico e financeiro

Para o desenvolvemento das súas propostas, os equipos participantes contarán con formación especializada e co apoio técnico do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (CGIFP).

Na páxina web do CGIFP detallarase o alcance da súa colaboración.


Retos propostos

As presas e as centrais hidroeléctricas cumpren un papel fundamental no abastecemento de auga, na produción de enerxía e na seguridade do sistema eléctrico, así como no control de avenidas, entre outros usos. Estas infraestruturas, tan necesarias hoxe en día para a sociedade, presentan unha serie de retos ambientais relacionados coa migración das comunidades de peixes e as súas rutas naturais, así como coa retención de sedimentos, que pode afectar ao equilibrio dos ecosistemas augas abaixo.

O reto consiste en imaxinar e deseñar solucións viables e innovadoras que melloren a integración ambiental das presas, abordando dous eixos principais: garantir a franqueabilidade dos peixes mediante sistemas seguros e eficaces que lles permitan remontar e descender o río, e promover a mobilización natural dos sedimentos para restaurar a dinámica dos cauces e manter ríos máis saudables. As propostas deberán combinar coñecemento técnico, conciencia ambiental e creatividade, fomentando un modelo no que as presas e a natureza poidan convivir en equilibrio.

 Vídeo explicativo

O sector da perruquería atópase nun proceso de transformación no que a dixitalización deixará de ser opcional para converterse nun requisito esencial de competitividade. A xestión eficiente de citas, servizos, clientes e comunicación en liña é clave para mellorar a rendibilidade, a produtividade e a fidelización.

O reto consiste en deseñar unha plataforma dixital integral que permita a xestión completa dun salón de perruquería: reservas en liña en tempo real, creación de packs de servizos, seguimento personalizado de clientes, comunicación automatizada e integración coas redes sociais e sistemas corporativos. A solución deberá incorporar criterios de sostibilidade (reserva paperless, recomendación de produtos ecolóxicos, incentivos por horarios valle) e facilitar a adopción tecnolóxica en zonas rurais, contribuíndo á profesionalización e dinamización do sector.

O obxectivo é crear unha ferramenta accesible, moderna e sostible que mellore a organización interna, reduza ausencias e tempos mortos, aumente a rendibilidade e ofreza unha experiencia de cliente máis personalizada e conectada.

 Vídeo explicativo

Os residuos de desbaste xerados nas estacións depuradoras de augas residuais representan un desafío ambiental e económico, debido á súa difícil xestión e ao seu escaso aproveitamento actual. A súa transformación en materiais reutilizables permitiría avanzar cara a modelos de economía circular máis sostibles.

O reto consiste en deseñar e desenvolver un sistema integral de peletización que permita converter de forma eficiente os residuos de desbaste en pellets con potencial valor de uso. As propostas deberán abordar o pretratamento e caracterización dos residuos, o deseño optimizado do proceso de peletización, a selección de tecnoloxías sostibles e a análise da viabilidade económica e ambiental do sistema.

O obxectivo é crear unha solución innovadora e aplicable que transforme un residuo problemático nun recurso útil, contribuíndo á redución de impacto ambiental e á xestión eficiente dos recursos hídricos.

 Vídeo explicativo

A transformación da madeira xera grandes volumes de virutas que, a pesar de seren un subproduto natural do proceso, adoitan ter un valor económico limitado e un aproveitamento restrinxido. A busca de novas aplicacións para este material representa unha oportunidade para avanzar cara a modelos de produción máis sostibles e circulares.

O reto consiste en identificar e desenvolver alternativas innovadoras para a valorización das virutas de piñeiro xeradas nos procesos de serrado e mecanizado. As propostas poderán orientarse á creación de novos produtos ou materiais, á súa combinación con outros compoñentes, ou á exploración de usos comerciais diferentes aos actuais. O obxectivo é incrementar o valor engadido deste recurso e impulsar novas vías de innovación ou emprendemento no sector madeireiro.

 Vídeo explicativo

A disposición e o deseño do mobiliario nas tendas inflúen directamente na experiencia de compra e no rendemento comercial dos produtos. Contar cunha ferramenta dixital que permita medir e analizar a rendibilidade dos distintos elementos de exposición resulta clave para optimizar o espazo, mellorar a xestión de vendas e aumentar a eficiencia dos puntos de venda.

O reto consiste en desenvolver unha aplicación web e móbil que relacione a disposición do mobiliario coas vendas rexistradas, integrando datos procedentes dos sistemas corporativos (TPV, ERP, etc.). A ferramenta deberá permitir a xestión de información de tendas, produtos e mobles, xerar informes comparativos de rendibilidade por zona e horario, e visualizar os resultados mediante paneis interactivos. Ademais, deberá admitir a carga de contido visual (imaxes e vídeos) para avaliar a colocación e o comportamento dos produtos en cada espazo.

O obxectivo é crear unha solución accesible, segura e escalable que combine análise de datos e visualización para optimizar a disposición comercial e mellorar o rendemento global das tendas.

 Vídeo explicativo

A música pode actuar como un elemento transformador do ambiente e como ferramenta terapéutica capaz de mellorar o benestar físico e emocional das persoas. O seu uso estruturado en contornos asistenciais permite crear espazos máis agradables, reducir o estrés e favorecer a comunicación e a convivencia.

O reto consiste en desenvolver un protocolo de aplicación da musicoterapia nos centros, definindo en que momentos e contextos é máis efectiva, que tipos de música empregar segundo os obxectivos terapéuticos e como integrar esta práctica de forma sistemática para promover o benestar integral das persoas usuarias.

 Vídeo explicativo

O turismo deportivo representa unha oportunidade estratéxica para posicionar Galicia como destino atractivo e sostible, grazas á súa diversidade natural e á ampla oferta de actividades como sendeirismo, surf, golf ou deportes náuticos. Para potenciar este sector é necesario conectar a oferta local con prescriptores, axencias e mercados internacionais, favorecendo a súa visibilidade e competitividade.

O reto consiste en desenvolver unha plataforma dixital que centralice e xestione a información sobre o turismo deportivo en Galicia, ofrecendo un mapa actualizado de actividades, empresas e eventos, así como un directorio de feiras e canles de promoción a nivel global. A aplicación deberá incorporar intelixencia artificial para actuar como asistente informativo, recomendando experiencias personalizadas e difundindo os atractivos do destino. Ademais, deberá permitir recoller e analizar datos de participación e satisfacción, xerando indicadores de calidade e valor para a mellora continua do sector.

 Vídeo explicativo

A xestión de equipos, ferramentas e repostos en talleres industriais require sistemas de control precisos que permitan coñecer en tempo real que materiais están dispoñibles, onde se atopan e quen os está empregando. A ausencia de trazabilidade provoca perdas de tempo, extravíos e roturas de stock que afectan á eficiencia e á seguridade operativa.

O reto consiste en desenvolver un sistema intelixente e escalable que garanta a trazabilidade total de equipos e repostos, combinando aplicación móbil, etiquetas NFC ou QR, visión artificial e fluxos automatizados. A solución deberá ofrecer un inventario dinámico e actualizado, control de accesos a armarios e llaveros intelixentes, alertas automáticas por stock baixo ou movementos non rexistrados, e procesos rápidos para a recepción e saída de materiais pequenos.

O obxectivo é crear unha ferramenta práctica e accesible que mellore o control, reduza perdas e aumente a eficiencia e a seguridade no taller, aplicando tecnoloxías dixitais de fácil implantación e alto impacto inmediato.

 Vídeo explicativo

O reto consiste en deseñar unha solución dixital innovadora que integre a información loxística e produtiva, facilitando o seguimento e control dos procesos dende a orixe ata o produto final. A ferramenta deberá conectar ás persoas cos sistemas e operacións da fábrica, favorecendo a toma de decisións baseada en datos e a mellora continua da xestión industrial.

 Vídeo explicativo

O procesado da castaña implica distintas etapas, como o pelado a vapor e a cocción, que requiren un volume significativo de auga. A maior parte desta auga desbótase tras o seu uso, o que supón un elevado consumo e a necesidade de tratamento antes do vertido. A optimización deste recurso representa unha oportunidade clara para mellorar a sostibilidade e reducir custos operativos.

O reto consiste en desenvolver un sistema que permita depurar, reciclar e aproveitar a auga empregada nas fases de pelado e cocción da castaña, de maneira que poida ser reutilizada en tarefas de limpeza ou noutros procesos internos. A solución deberá ser segura, eficiente e adaptable a un entorno industrial real, contribuíndo á redución da pegada hídrica e á implementación de prácticas de economía circular.

 Vídeo explicativo

A fabricación de estruturas jackets offshore require a unión precisa de tubos estruturais de aceiro de diferentes diámetros e espesores, garantindo tolerancias moi estritas para asegurar a estabilidade e resistencia das instalacións. Actualmente, gran parte destas operacións realízanse de forma manual, o que implica tempos longos, dependencia da pericia do operario e risco de desviacións nas tolerancias de montaxe e soldadura.

O reto consiste en desenvolver un equipo automatizado capaz de axustar de maneira sistemática a montaxe de tubos estruturais redondos de aceiro, con diámetros entre 500 e 1200 mm e espesores de 20 a 40 mm. O sistema deberá permitir a corrección de desalineamentos exteriores con tolerancia máxima de ±2 mm e o axuste preciso da distancia entre biséis. Ademais, integrarase un útil que poida mecanizar os biséis das unións soldadas, garantindo unha xeometría en V entre 40º e 75º e un desalineamento interior máximo de ±1 mm.

O obxectivo final é deseñar un sistema automatizado que combine lectura dixital da xeometría, axuste dinámico e mecanizado de precisión, facilitando unha montaxe máis rápida, segura e eficiente das estruturas offshore.

 Vídeo explicativo

A valorización de residuos constitúe un dos principais retos da economía circular, especialmente no caso daqueles materiais compostos e/ ou que presentan dificultades de separación ou limpeza, como os plásticos multicapa, o pladur ou as mesturas non homoxéneas. A falta de procesos estandarizados e de tecnoloxías eficaces limita a súa recuperación e favorece o seu destino final a vertedoiro, desaproveitando o seu potencial como recurso.

O reto consiste en idear e prototipar unha solución que permita aproveitar este tipo de residuos complexos mediante a súa transformación en novos produtos, materiais ou aplicacións industriais. A solución poderá consistir nun proceso de tratamento, nun sistema tecnolóxico ou nun prototipo funcional que contribúa a reducir o impacto ambiental e a fomentar a economía circular no sector.

 Vídeo explicativo

Nos procesos industriais do sector lácteo, as membranas de ultrafiltración mineral son fundamentais para a separación e concentración de compoñentes, garantindo a calidade e eficiencia das liñas de produción. Porén, co paso do tempo, estas membranas sofren colmatación parcial ou total das súas canles, reducindo o seu rendemento e incrementando os custos de mantemento e substitución.

O reto consiste en desenvolver un sistema que permita identificar de forma precisa e temperá as zonas colmatadas nas membranas de ultrafiltración, empregando técnicas de monitorización avanzada (como sensores, visión artificial ou análise de fluxo). Así mesmo, propóñese deseñar métodos ou dispositivos de limpeza non invasivos que poidan restaurar a capacidade das membranas sen afectar a súa integridade nin interromper o proceso produtivo.

O obxectivo final é mellorar a eficiencia operativa e a sostibilidade do proceso, reducindo tempos de parada, consumo de recursos e custos asociados ao mantemento das membranas.

 Vídeo explicativo

Galicia, pola súa ampla costa e intensa actividade marítima, é un escenario idóneo para aplicar tecnoloxías de intelixencia artificial á mellora da seguridade e control do tráfico naval. O reto consiste no desenvolvemento dunha plataforma baseada en IA capaz de monitorizar en tempo real o tráfico marítimo en augas galegas, detectando desviacións sospeitosas nas rutas habituais das embarcacións.

O sistema recollerá datos de fontes abertas, analizará patróns de navegación e emitirá alertas automáticas ante posibles anomalías ou emerxencias, contribuíndo á detección temperá de riscos e ao apoio na toma de decisións. O obxectivo principal é mellorar a seguridade marítima mediante o uso de intelixencia artificial, machine learning e análise de datos xeolocalizados.

 Vídeo explicativo

A xestión eficiente das redes de saneamento require coñecer con precisión o comportamento dos caudais, especialmente durante episodios de choiva. Con frecuencia, os sistemas actuais presentan custos elevados e dificultades de mantemento, o que limita o seu uso xeneralizado.

O reto consiste en deseñar un sistema de medición de caudais fiable e de baixo custo, capaz de detectar variacións significativas en tempo de choiva e rexistrar hidrogramas de caudal en redes de saneamento que funcionan por gravidade. O dispositivo deberá ser de fácil instalación, sen contacto directo coa auga, robusto, autónomo mediante batería e con comunicación remota a través de redes LoRaWAN, NB-IoT ou similares.

A proposta deberá combinar seguridade, baixo custo e eficiencia operativa, permitindo un seguimento continuo en remoto que reduza as intervencións manuais e mellore a dispoñibilidade e fiabilidade dos datos hidráulicos.

 Vídeo explicativo

As algas representan un recurso de gran valor gastronómico e nutricional, aínda pouco integrado nos hábitos alimentarios actuais. A falta de coñecemento sobre o seu uso e combinación con outros ingredientes dificulta a súa incorporación á cociña diaria, a pesar do interese crecente pola alimentación sostible e saudable.

O reto consiste en desenvolver unha aplicación móbil interactiva que permita descubrir o potencial culinario das algas. A ferramenta deberá ofrecer información sobre harmonías de sabor, suxerir combinacións con outros alimentos e propoñer receitas personalizadas segundo os ingredientes dispoñibles. Ademais, poderá incluír espazos de aprendizaxe, inspiración gastronómica e conexión con canles de compra ou difusión.

O obxectivo é fomentar o coñecemento e consumo responsable das algas, convertendo a curiosidade do público en confianza e promovendo a innovación dixital no ámbito da alimentación sostible.

 Vídeo explicativo

O control de calidade nas láminas de aceiro de alto espesor e grandes dimensións é un proceso crítico na industria metalúrxica, xa que pequenos defectos poden comprometer a resistencia estrutural e a seguridade das pezas finais. Os métodos de inspección manual son lentos e pouco precisos, polo que a automatización mediante visión artificial representa unha oportunidade de mellora substancial.

O reto consiste en adestrar un sistema de visión artificial capaz de detectar, identificar e localizar defectos en chapas ou placas de aceiro procedentes do proceso de laminado. As tarefas inclúen a análise e caracterización das tipoloxías de defectos a partir de imaxes, o desenvolvemento de algoritmos de detección e a optimización da xestión de informes xerados a partir do procesado de múltiples imaxes.

O obxectivo é obter un sistema automatizado e fiable que incremente a precisión na detección de defectos, reduza tempos de inspección e mellore a trazabilidade e calidade do produto final.

 Vídeo explicativo

Nos procesos de forxa de compoñentes de aluminio, como brazos, manguetas ou elementos estruturais, a manipulación das pezas supón un reto debido ás altas temperaturas de traballo e á gran variedade de xeometrías fabricadas. Estas condicións poden provocar marcas superficiais, defectos operativos e a necesidade de axustes constantes nas ferramentas de suxeición.

O reto consiste en deseñar un sistema de garras ou dispositivos de suxeición optimizados que permitan manipular as pezas de aluminio sen danar a súa superficie, garantindo á vez precisión, repetibilidade e resistencia térmica.

 Vídeo explicativo

Nos vehículos de transporte sanitario, as unións entre materiais diversos do carrozado interior deben ofrecer resistencia, durabilidade e seguridade sanitaria. O reto propón investigar e deseñar solucións innovadoras para optimizar as unións entre distintos materiais, empregando selantes, adhesivos e pinturas que garantan elasticidade, resistencia térmica e estabilidade fronte a vibracións ou variacións de temperatura.

O obxectivo é definir a combinación máis eficiente de materiais e procesos, reducindo fallos estruturais e mellorando a calidade final dos acabados.

 Vídeo explicativo

A organización eficiente das ferramentas e compoñentes nun taller de mecanizado é clave para mellorar a produtividade, reducir tempos de inactividade e garantir condicións óptimas de seguridade e ergonomía.

O reto consiste en deseñar un carro de ferramentas modular, capaz de almacenar, clasificar e subministrar ferramentas, calibres e compoñentes segundo as necesidades do posto de traballo. A solución poderá incorporar sistemas de movemento automático, identificación intelixente de utensilios e control dixital do inventario, aplicando principios de mellora continua.

A proposta deberá integrar deseño mecánico, control de procesos e mantemento industrial, e aplicar os principios de mellora continua, a fin de mellorara a eficiencia.

 Vídeo explicativo
Etiquetas: