Convocatoria do programa Profesionais 4.0

No DOG do martes 6 de agosto publicouse a Resolución do 29 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e convócanse para o ano 2019 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG502A).

Esta convocatoria financia, para as empresas e outras entidades de soporte, a contratación a tempo completo, con carácter indefinido ou cunha duración mínima de 12 meses, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de grao superior de FP.

Os titulados interesados deben apuntarse nunha base de datos e rellenar unha serie de datos curriculares, co fin de ser elixibles para o programa. A alta é moi sinxela, e permite que as empresas que solicitan a axuda atopen os candidatos axeitados, polo que debe facerse o antes posible. En todo caso, debe ser previa á resolución da convocatoria a finais do 2019.

Os profesionais a contratar deben cumprir os seguintes requisitos:

  • Idade entre os 18 e os 35 anos.
  • Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior: titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.
  • Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. A efectos destas bases consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.
  • Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servicio Público de Emprego.
  • Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.
  • Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

 - Máis información sobre a convocatoria