Bibliotecas escolares

A biblioteca musical nun conservatorio de música

O funcionamento dunha biblioteca é algo que está estipulado en moitos tratados, pero a existencia de bibliotecas “especializadas” fai que se dean certas diferenzas, non só desde o punto de vista organizativo, senón do seu funcionamento. O número de bibliotecas especializadas en temas musicais en Galicia é un tema case exclusivo dos nosos conservatorios. A realidade na biblioteca José Fontenla Leal do CMUS Xan Viaño é o que trataremos de plasmar neste artigo.

Enrique Agrelo Otero
Profesor de Violín e responsable da biblioteca José Fontenla Leal no CMUS Xan Viaño de Ferrol nos anos 2010-2014
enriqueagrelootero@edu.xunta.es

Contextualización

O Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño atópase situado no barrio de Caranza, na cidade de Ferrol, a cal ten unha poboación próxima aos 70.000 habitantes. O noso centro é un dos catro que existen na provincia da Coruña e dos oito existentes na Comunidade Autonoma galega e dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (A Coruña e Vigo teñen dous conservatorios, Profesional e Superior, e ademais están os conservatorios profesionais de Santiago, Lugo e Ourense).

O noso centro conta con arredor de 500 alumnos e 52 profesores que imparten case todas as especialidades instrumentais, ademais das teóricas afíns ás ensinanzas aquí impartidas. Estas ensinanzas están divididas do seguinte xeito:

  • Grao elemental, dividido en catro cursos.
  • Grao profesional, dividido en seis cursos.

As idades do noso alumnado van desde os 7 anos ata os 18 e existen casos nos que poden superar esa idade por diferentes motivos. O horario de clase é basicamente de tarde, desde as 15.00 ata as 22.00, aínda que existen casos nos que algún alumno pode vir pola mañá, sempre e cando o profesor ofreza esa posibilidade. Este horario é deste xeito porque o noso alumnado normalmente compatibiliza os seus estudos musicais cos do ensino regrado no colexio ou instituto na meirande parte dos casos.

Como debe funcionar a biblioteca dun CMUS

A nosa biblioteca leva o nome do intelectual galego José Fontenla Leal, o intelectual galeguista nacido en Ferrol que foi emigrante en Cuba, onde se converteu nun verdadeiro bibliófilo e impulsor do himno galego e da Real Academia Galega. Esta denominación do conservatorio foi aprobada polo Claustro.

A creación da nosa biblioteca xorde pola iniciativa do equipo directivo hai uns dez anos e unha vez instalados no novo edificio que a Xunta de Galicia inaugurou no ano 2004. A biblioteca cubriría unha serie de necesidades importantes para un centro tan específico coma o noso, así como para todo o contorno. Este feito posibilitou que se mellorase o servizo en aspectos como a adquisición e centralización dos fondos, accesibilidade documental, existencia dun espazo onde poder realizar outro tipo de actividades (ver vídeos, audicións, investigación…). Na actualidade a biblioteca dispón aproximadamente dos 5000 fondos catalogados e cerca dun 90 % son partituras musicais.

Para entender o funcionamento básico da biblioteca, podémolo ver desde dous puntos de vista: o organizativo e o dos usuarios.

O organigrama da biblioteca comeza no mes de setembro co nomeamento dun coordinador de biblioteca (no caso de non habelo) por parte da Dirección do noso conservatorio e que debe ter unhas certas características, como poden ser que sexa funcionario de carreira, para darlle máis estabilidade e tempo de asimilación das súas funcións e responsabilidades, que sexa unha persoa implicada e motivada co traballo da biblioteca, que teña a formación necesaria… O coordinador é o que establece as directrices que se van levar a cabo na biblioteca, o que representa a biblioteca no Consello Escolar, e o que repartirá as diferentes funcións entre o Equipo da Biblioteca e o resto de profesores de garda da biblioteca…

O Equipo de Biblioteca complementa a figura anterior; está formado por profesorado que colabora de xeito máis próximo coa biblioteca e á fronte do cal está o devandito coordinador. No noso caso concreto estaba formado polo coordinador da biblioteca, dous docentes, o coordinador de TIC e a coordinadora de normalización lingüística. As diferentes funcións son repartidas entre eles ao principio do curso, citamos algunhas delas: catalogación e rexistro de fondos, promoción de actividades, actualización do blog, realización de carnés, posta a punto dos equipos informáticos, dixitalización de fondos...

Considero que o número de persoas que debe formar este equipo non debe ser grande por un tema de operatividade. Ademais, un número xusto de persoas fai que se poidan coordinar mellor as posibles reunións, que adoitamos facer, como mínimo, mensualmente (o primeiro mércores de cada mes) para poder ver todos aqueles aspectos susceptibles de mellorar, actividades propostas, suxestións de material…

Ao principio do curso, a Xefatura de Estudos analiza a dispoñibilidade de horas do profesorado para que estea atendida a biblioteca a maior cantidade de tempo posible. O profesorado de garda da biblioteca é moi importante para o seu funcionamento e ten que asumir unha serie de responsabilidades; as súas funcións son asignadas polo coordinador da biblioteca nunha primeira reunión antes do comezo de curso, onde se lles transmite e se lles dá a coñecer (sobre todo se hai novos profesores) o seu funcionamento, así como a utilización do programa informático de xestión. Algunhas das tarefas asignadas aos nosos profesores de garda da biblioteca son a organización dos andeis das materias relacionadas coas áreas que imparten, controlar a orde na biblioteca e o uso dos equipos informáticos, devolución e empréstitos dos diferentes fondos.

Ao principio do curso, os profesores-titores, que son os que imparten clase de instrumento, informan o alumnado da existencia da biblioteca e do seu funcionamento. Comunícaselles, tanto ao alumnado coma ao profesado, a necesidade de que accedan ao carné da biblioteca e infórmaselles das súas obrigas e dereitos para poder acceder ao empréstito e devolución de fondos.

Que demandan os nosos usuarios

As bibliotecas dos conservatorios son “especiais” principalmente polo tipo de demanda que realizan: as partituras. O seu acceso é difícil pola ausencia de tendas especializadas na comarca e algúns libros son custosos (sobre todo pola situación económica que estamos a pasar e máis, se cabe, na nosa zona de Ferrolterra ). A busca de audios ou vídeos coas tecnoloxías que existen actualmente (internet: Spotify, Youtube…) non son unha necesidade, aínda que se ofrece a posibilidade de acceso tanto ás novas tecnoloxías coma aos  soportes físicos de audio (CD, DVD…).

Unha característica adicional que tamén nos fai “diferentes” é o feito de contar cos manuscritos do compositor ferrolán Xan Viaño e que lle dá o nome ao noso centro. Os fondos foron cedidos, moi amablemente, pola súa familia que os pon á disposición de todos aqueles que queiran consultalos, xa que, debido ao seu valor, todas aquelas persoas expertas e interesadas no seu estudo e análise deben solicitarllo ao conservatorio. Desde hai uns anos, estamos en fase de dixitalizar as súas obras para unha mellor conservación dos orixinais. Todos os cursos, aparece algunha persoa que está a facer unha tese ou traballo sobre a obra de Xan Viaño e solicita a posibilidade de estar en contacto coas súas partituras para un pormenorizado estudo e/ou investigación.

Partitura de Xan Viaño

Como apoia a biblioteca o currículo do noso centro e atende a toda a comunidade educativa

Pódese ter acceso á biblioteca en horario de tarde (15.00 a 22.00 de xeito xeral) e algunhas mañás. Este horario está condicionado polas necesidades de ocupación do espazo da biblioteca para o desenvolvemento das clases, actividades…

A biblioteca está presente no currículo de todas as materias do noso centro, interactuando con ela e realizando actividades dentro dela; un exemplo pode ser a realización da Mesa Redonda de Musicoloxía organizada pola materia de Historia da Música. Todas as materias teñen á súa disposición material suficiente para o seu uso e consulta, como partituras, libros ou fondos audiovisuais (CD, DVD…).

Como imos creando a biblioteca que necesitamos

Tratamos, desde hai anos, de lles ofrecer solucións aos nosos usuarios con aquelas necesidades que detectamos e nos notifican con respecto á adquisición de fondos e actividades. Consideramos que a biblioteca debe ser un espazo de busca, reunión, debate, investigación… que sempre está aberto a todos aqueles que o solicitan.

A principios do curso, fannos chegar aos xefes de departamento as necesidades de fondos; a secretaria e o coordinador de biblioteca ven as diferentes peticións e, de acordo cunha serie de criterios, como poden ser os fondos existentes nas diferentes materias, material adquirido nos anos anteriores, número de usuarios ao que lle pode afectar..., decídese o que se mercará. Pode xurdir máis material ao longo do curso e as ditas necesidades ou demandas coñecémolas a través das notificacións que nos fan chegar de xeito verbal ou escrito. Todo isto está condicionado polo orzamento (cada ano máis axustado), polo que pode haber casos nos que queda material pendente dun ano para outro.

A caixa de suxestións está presente para todo tipo de consellos, queixas… que sempre son benvidos para tratar de mellorar o seu funcionamento.

Un xeito de motivar e incentivar o uso da nosa biblioteca é mediante diferentes actividades que se promoven a través do seu taboleiro e do seu blog. Algunhas delas son:

  • Trivial musical. Esta actividade consiste nun concurso a través do cal a biblioteca realiza unha serie de preguntas e os acertantes poden acceder a entradas para os concertos programados pola Sociedad Filarmónica Ferrolana, que colabora con nós cedéndonos dez entradas para cada un dos seus concertos.
  • Proxección de curtametraxes e películas de temática musical. El Concierto, El violín rojo, Todas las mañanas del mundo… son algunhas das xa proxectadas.
  • Taller de rap. Un repaso á historia do rap a cargo dun prestixioso rapeiro galego.
  • Concertos.
  • Exposicións de traballos relacionados co currículo das diferentes materias.
  • Celebración do Día do Libro coa colaboración da Central Librera de Ferrol. Exposición de diferentes libros que se poden mercar a prezo un pouco reducido e cunha temática musical case todos.
  • Elaboración da revista do centro: onde se repasa o curso escolar con artigos de profesorado e alumnado, así como con información sobre as actividades realizadas.

Como damos resposta ás necesidades dun conservatorio e a posible problemática

Polo dito anteriormente, a nosa biblioteca cobre moitos ocos nunha comarca con ausencia de centros ou lugares onde poder consultar e/ou obter información sobre o mundo musical. Certo é que vemos as nosas bibliotecas como fonte, case exclusiva, de información, dado o feito, entre outros motivos, de que as nosas ensinanzas non son obrigatorias e debido á carga lectiva do noso alumnado o tempo de permanencia no conservatorio é o xusto.

Aínda así, tratamos de realizar diferentes actividades, como as xa antes mencionadas, algunha delas de difusión cultural e outras de busca e tratamento da información. A miña experiencia é que é moi difícil “imitar” os nosos colegas de secundaria e primaria que con tanta envexa admiro cando vexo as súas experiencias nas actividades de formación como Xornadas e Encontros de Bibliotecas Escolares. Todo podería pasar por ter un tipo de educación máis integrador e especializada, o cal implicaría modificar o sistema de estudos actual, pero que redundaría nunha mellor calidade destes; non é normal que a un neno de doce ou quince anos se lle esixa, ademais do traballo do colexio (o cal supón deberes, preparación das clases…), un certo rendemento no conservatorio, onde ten que botar unha media de cinco a sete horas (segundo que curso) e ademais ten que estudar o que alí se lle manda… Un tema máis para debater e reflexionar, como o do horario europeo, conciliación familiar… sobre os cales poderiamos falar dabondo.

Considero que parte da nosa función se está a cumprir, pero tamén desexaría que algún día o sistema educativo musical evolucionase cara a modelos máis europeos, con máis especialización, máis atención e máis medios (económicos, físicos…) cos que poder atender o noso alumnado. Remato cun dato que nos afecta aos CMUS: en Suecia, o 4 % da poboación estuda música; en España, o 0,48 %. Esperemos ver algún día ese cambio e axudar nel, pero polo de agora seguiremos traballando polo ben da sociedade.

Exposición que se fai polo Semana do Libro todos os anos (colaboración da Central Librera de Ferrol)

Curso de Historia do Rap (curso 2013/14)

 

Sección: