Campaña publicitaria da comarca de Lemos

Un proxecto interdisciplinario de educación para o consumo do IES Daviña Rey (Programa Galicons-net)
Durante o curso 2012-2013, no IES Daviña Rey desenvolvemos un proxecto publicitario sobre a nosa comarca de Lemos que consistiu na realización de actividades nas materias de Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas, Plástica e Educación Física, destinadas a fomentar o coñecemento da zona por parte dos alumnos e valorar as posibilidades turísticas que lle pode ofrecer ao visitante. Estas actividades están publicadas en diversos blogs que están enlazados cun blog principal de presentación do proxecto no enderezo http://xizdelemos.blogspot.com.es/

Mª Jesús Casado Barrio
Profesora de Matemáticas no IES Daviña Rey (Monforte de Lemos-Lugo)
mcasado@edu.xunta.es

 

INTRODUCIÓN

A aprendizaxe por proxectos é unha das experiencias de aula máis motivadoras e enriquecedoras no proceso educativo do alumnado. Desde hai un tempo, estase a promover por parte de distintos organismos a elaboración de proxectos interdisciplinares, un exemplo é o Plan Proxecta convocado pola Consellería de Educación no que se recollen distintos temas nos que os participantes poden facer un estudo con este formato e, nalgún caso, ver recoñecida o seu labor cun premio.

No instituto Daviña Rey un grupo de profesores estabamos inquedos ante a despoboación da comarca e a diminución de poder adquisitivo dos seus habitantes, así como da elevada idade media da poboación. Cremos que o noso alumnado é o futuro da zona e que temos que axudarlle a atopar ideas para que esta comarca sexa de novo un referente económico na provincia. Estamos preocupados tamén polo consumo irresponsable e pola deterioración ecolóxica da nosa riqueza paisaxística, así como pola posta en valor da riqueza arquitectónica. En setembro de 2012 saíu a convocatoria do Plan Proxecta e dentro del o programa Galicons-net. Pareceunos unha oportunidade para poñer en práctica algunhas das ideas que viñamos barallando.

O grupo inicial estaba formado por oito profesores: unha profesora de Matemáticas (a coordinadora), dúas de Lingua Castelá, unha de Lingua Galega, unha de Educación Física, unha de Plástica, un profesor de Imaxe e Son de ciclos formativos, e o responsable de actividades extraescolares (tamén profesor de ciclos formativos).

En canto aos alumnos participantes, foron catro grupos: terceiro e cuarto da ESO, terceiro e cuarto de PDC, un total de 60 alumnos. De todos os xeitos, o proxecto "envolveu" a toda a comunidade educativa, que colaborou achegando fotos, ideas, participando nas enquisas ou nas rutas que fixemos pola cidade.

 

POR QUE UN PROXECTO PUBLICITARIO?

Parece axeitado que o tema do proxecto sexa esperanzador, motivador e, ao ser o noso un centro integrado por ESO, bacharelatos e ciclos formativos, multidisciplinar; que permita que calquera persoa poida achegar ideas para conseguir un mesmo fin, promover a comarca de Lemos.

Estes foron os nosos obxectivos iniciais:

  • Concienciar o alumnado sobre as posibilidades turísticas da comarca e poñer en valor a súa contorna paisaxística e monumental, así como os bens inmateriais: literatura, música, xogos, gastronomía...
  • Concienciar o alumnado da necesidade de coidar o seu contorno e tanto os bens materiais como inmateriais para garantir un futuro mellor tanto para eles como para as xeracións vindeiras.
  • Buscar novas ideas para emprender actividades turísticas na zona ou relacionadas con este sector.
  • Coñecer os efectos que a publicidade exerce no consumidor, tanto positivos como negativos, aproveitando estes últimos para favorecer o noso proxecto.
  • Promover no centro a educación para o consumo responsable, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras e actuar no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.
  • Favorecer a autonomía da aprendizaxe: limitar o uso de métodos transmisivos, modificar os papeis do profesorado e do alumnado...
  • Xerar estratexias participativas: formular dúbidas, presentar aprendizaxes funcionais con finalidade.
  • Motivar cara ao obxecto de aprendizaxe: dar a coñecer os obxectivos de aprendizaxe, negocialos cos alumnos.
  • Favorecer o uso integrado e significativo das TIC mediante novas ferramentas que lles permitan obter o máximo rendemento no tratamento da información e na recollida e publicación de datos.
  • Favorecer o uso de fontes de información diversas.
  • Impulsar a avaliación formativa: crear situacións de autorregulación, dar a coñecer os criterios de avaliación, potenciar a autoavaliación.
  • Favorecer a utilización de organizacións diferentes do espazo e do tempo: modificar a organización do espazo da aula, flexibilizar a duración das sesións de traballo.
  • Impulsar a funcionalidade do aprendido fóra do ámbito escolar: favorecer a relación entre as diferentes materias, utilizar metodoloxías globais.

INFRAESTRUTURA DE TRABALLO

Primeiro trimestre do curso 2012-2013: iniciamos o proxecto cunha recompilación de documentación e recursos na rede sobre o tema da publicidade e a publicidade da nosa comarca.

Para organizar este traballo inicial en equipo do profesorado abriuse un curso privado na aula virtual do centro no que se compartían as páxinas web, reunións e temas de interese.

Unha das cuestións que máis nos preocupaban era buscar o xeito de que a campaña publicitaria, as actividades desenvolvidas e os materiais elaborados tivesen o maior impacto posible. Para conseguilo decidimos, no mes de decembro, abrir unha conta de Google específica para este proxecto e para outros que se fixesen no futuro, proyecto.davina@gmail.com. A conta de Google dá acceso á maior parte das ferramentas que se poden necesitar nun proxecto desta envergadura: almacén de vídeos (Youtube), almacén de imaxes (Picasa), almacén de arquivos (Drive), mensaxería electrónica (Gmail), mapas colaborativos (Maps), programación de tarefas (Calendar) e, para nós a máis importante, creación de blogs (Blogger). O 5 de decembro de 2012 estreamos o blog principal http://xizdelemos.blogspot.com.es/

Quedaban por tomar outras decisións de infraestrutura, como traballar no blog de xeito colaborativo?

Un dos obxectivos que tiñamos era que os alumnos e profesores que nunca utilizaran un blog de aula aprendesen a facer entradas nun blog e que os que quixesen afondar un pouco máis aprendesen a levar un blog eles mesmos. Isto significaba dar certa "liberdade de acción" a un grupo de persoas, perfís de administradores.

Pensamos que para conseguilo debiamos facer un "blog de blogs", un blog de entrada no proxecto que fose a carta de presentación do noso estudo, e varios blogs enlazados nos que profesores e alumnos tivesen a posibilidade de figurar ben como autores ou ben como administradores.

Este formato de publicación é exportable a calquera tema que queiramos tratar, de feito utilizámolo no novo proxecto que estamos a facer este curso, e que tamén se integra no Plan Proxecta, Monte sen lume. Outro exemplo de aplicación deste marco de traballo pode verse no interesante proxecto Aprendendo física en movemento do profesor César Poyato, feito coa plataforma WordPress.

En canto aos blogs enlazados, coinciden cos aspectos que queriamos destacar na nosa campaña: rutas de sendeirismo, paisaxe lingüística e literaria, arte, gastronomía, festas e xogos, e dous temas máis que son moi importantes dentro do proxecto, vídeos publicitarios (v-log) e sondaxe.

O 7 de febreiro de 2013 comezamos as nosas publicacións nos blogs de sondaxe. A esta parte dedícanselle tres blogs porque foron os propios alumnos da materia de Matemáticas (opción B) de cuarto da ESO os que elaboraron e administraron persoalmente as entradas e o formato dos blogs, repartidos en tres grupos para facilitar o tratamento de datos e a publicación das máis de 500 enquisas que recolleron en total.

Durante o mes de febreiro e ata o 14 de marzo (como se pode ver nos blogs), o alumnado de cada grupo publicou paso a paso, nas máis de 30 entradas, como se desenvolvía o traballo de redacción de preguntas, recollida de respostas e tratamento posterior. Entre os tres grupos suman 90 entradas que foron corrixidas e avaliadas como tarefas de aula dentro da materia de Matemáticas.

Detrás de cada entrada, moito traballo oculto, xa que as ferramentas informáticas empregadas eran novas para eles. Houbo que ensinarlles como se elabora un formulario de Google, como se soben e comparten documentos en Google drive, como se sobe un vídeo a Youtube e como se "embebe" en blogger, o mesmo para os gráficos da folla de cálculo, como se buscan os datos na web do IGE, como se elabora un vídeo mediante capturadores de pantalla, tratamento de imaxes, son, vídeos..., unha ampla variedade de ferramentas asociadas a unha publicación multimedia de contidos estatísticos.


Nalgún caso elaboráronse vídeos titoriais de axuda, coma este Publicar gráficos interactivos de "formularios de Docs" en Blogger, que quedan á disposición de calquera que os precise en Youtube.

A parte de sondaxe, a máis complexa e elaborada do proxecto, foi a que marcou o punto de inicio das actividades cara ao exterior. O seu obxectivo era coñecer o que pensaban os habitantes da zona sobre as posibilidades turísticas e que ofrecesen pistas sobre as fortalezas e debilidades do sector. Logo de extraer as conclusións pertinentes enfocaríanse os demais blogs a tratar de potenciar as fortalezas e atraer os turistas.

Estes mesmos alumnos, e outros de cuarto e terceiro, participaron no mes seguinte, en Matemáticas e nas demais materias, nos blogs correspondentes. Como xa foran adestrados na administración dos blogs, axudaron os compañeiros no uso destas ferramentas tecnolóxicas.

Esta é a listaxe dos blogs do proxecto:

 

En canto ao idioma, acordamos que libremente alumnos e profesores elixirían entre galego e castelán segundo as súas preferencias ou a da materia traballada.

 

DESENVOLVEMENTO

Dividimos o proxecto en tres fases que duraron todo o curso académico.

Primeira fase: contidos sobre a publicidade (linguas e Plástica, primeiro e segundo trimestre)

Traballo na aula sobre a publicidade, que é, cales son as principais estratexias, como se planifica unha campaña publicitaria... Entre outros presentáronse os seguintes contidos:

  • Que é o márketing? Tipos de márketing
  • Que é a publicidade? Tipos de publicidade
  • Que pretende a publicidade?
  • Como defenderse da publicidade?
  • Como se fai publicidade?
  • Vocabulario asociado ao tema.

Para isto empregamos, entre outros, os materiais do MEC que están nas seguinte ligazóns:

http://tv_mav.cnice.mec.es/Entrada_asignaturas/intermedia.html
http://recursostic.educacion.es/comunicacion/media/version/v1/publicidad/extras/docente/index.htm
 

Segunda fase: sondaxe (Matemáticas, febreiro e marzo)

Como se mencionou con anterioridade, este foi o arranque da externalización do proxecto.

Durante os meses de febreiro e marzo, os alumnos de cuarto fixeron unha sondaxe sobre o que pensaban os habitantes da zona sobre as ofertas turísticas da bisbarra de Lemos. Previamente á elaboración do cuestionario fixeron unha análise FD (fortalezas e debilidades). Buscaron preguntas interesantes para que a información recollida fose eficaz: que vén buscar o turista?, que lle podemos ofrecer?, que non lle podemos ofrecer?, onde encontramos/recollemos esta información? Estas preguntas poden consultarse nos tres blogs de sondaxe.

O cuestionario foi pasado de dúas maneiras, en papel e en formato dixital, aproveitando as posibilidades que ofrecen os formularios de Google. Os receptores foron todos os alumnos e profesores do noso instituto, amigos, familiares, persoal non docente, e alumnos do colexio de primaria Novo CEIP de Monforte de Lemos. A estes alumnos déuselles a posibilidade de responder en papel (os máis pequenos) e mediante os miniportátiles Abalar nos cursos de quinto e sexto de primaria.

Unha vez pasados os cuestionarios, sempre en horario de clase, os alumnos revisaron unha a unha as respostas e invalidaron as que tiñan algunha frase que non se correspondía coa pregunta formulada. Despois fíxose o tratamento estatístico no que se empregaron follas de cálculo de Excel e Calc, que se subiron á plataforma de Google drive para poder traballar de xeito colaborativo en cada grupo, e que tamén compartiron coa profesora para que esta fixese as correspondentes correccións. Para cada pregunta elaborouse unha entrada de blog co correspondente gráfico e reflexión engadida. Algúns dos gráficos están en formato de imaxe, pero outros son interactivos (están embebidos), o que permite actualización directa no blog cando se faga un cambio na folla de cálculo asociada.

As últimas entradas correspóndense coa autoavaliación que os alumnos fixeron de todo o traballo desenvolvido e que deu lugar á cualificación deste tema na segunda avaliación.

Este traballo e todos os que figuran nos distintos blogs relacionados coas matemáticas foron realizados de xeito grupal, expostos ante os compañeiros de clase e cualificados por estes e pola profesora da materia.

As notas de actividades, recollida de tarefas, calendario etc. figuran na aula virtual dos correspondentes grupos e cursos.

 

Terceira fase: posta en práctica da campaña (todas as materias, de abril a xuño)

A terceira fase incorpora publicacións de todos os alumnos de terceiro e cuarto desde distintas materias.

Os alumnos de terceiro da ESO na materia de Matemáticas estudaron os principais monumentos da zona e a súa xeometría, como parte do tema de transformacións xeométricas. Para isto tomaron fotos das que logo fixeron unha análise de simetrías, e unha presentación na aula, coa colaboración dunha futura profesora que estaba a facer as prácticas do máster de secundaria. Estas presentacións en forma de vídeo pódense consultar no blog de arte. Así mesmo, fixeron un mapa colaborativo virtual da localización destes monumentos cunha recensión breve de cada un, que tamén está nunha das entradas do blog. Para estas actividades formáronse grupos de traballo que ían cambiando para favorecer a boa relación entre o alumnado e a aprendizaxe entre iguais.

 

Unha parte importante de calquera campaña publicitaria é ter un lema que a identifique e que non pase inadvertido para o público ao que vai dirixida (target), neste caso as profesoras das materias de Lingua Galega e Lingua Castelá organizaron un concurso de para elixir o que sería o nosos estandarte. A frase premiada, que está no blog principal foi a seguinte: "Comarca de Lemos, boa xente, boa comida, que lugar mellor para gozar da vida".

As frases elaboradas figuran no blog Paisaxe literaria da comarca de Lemos, así coma outras historias de interese sobre a nosa literatura.

Os alumnos de diversificación curricular de terceiro e cuarto da ESO na materia de Plástica tamén participaron nun concurso de carteis e logos para o proxecto que se publicaron no blog de arte.

 

Os premios foron entregados nunha cea de confraternidade, que se fixo ao remate do curso, de toda a comunidade educativa: pais, nais, persoal docente e non docente, nenos e todos os que quixesen participar, o que lle deu un valor engadido.

Outra parte importante do proxecto é o blog de Rutas de sendeirismo da comarca de Lemos. Capitaneados pola profesora de Educación Física, os alumnos de cuarto da ESO elaboraron e publicaron entradas sobre o sendeirismo. Todos eles traballaron na elaboración dun mapa colaborativo, Ruta urbana del Camino de Invierno, que amosa as rúas polas que pasa este camiño na nosa cidade e na contorna. Esta ruta fixérona na realidade e resultou unha experiencia interesante e divertida. Foi unha sorpresa para eles e para moitos profesores decatarse de que pasaran acotío por riba dos sinais do Camiño de Santiago que están nas nosas rúas, sen dárense de conta  sequera de que as pisaban ou do seu significado.

Aprender a marcar os puntos dun mapa en Google maps, inserir imaxes, invitar a colaboradores; estas e outras actividades eran novas para alumnos e profesores, pero aproveitamos que nese intre a coordinadora estaba a facer o curso de nivel III de TIC do plan de formación do profesorado no que se incluían estes coñecementos, que compartiu con todos os integrantes do proxecto.

Una parte que quedou sen rematar deste blog, por mor da finalización do curso escolar, foi un mapa de miradores, cuestión que no futuro se pretende engadir.

 

E finalmente, unha zona libre: o videoblog Anunciando Lemos é a parte do proxecto onde os alumnos que o desexen poden publicar os anuncios publicitarios que elaboren sobre Monforte de Lemos e na que tamén se incluíron traballos moi creativos como o vídeo que fixeron as alumnas de terceiro da ESO sobre datos estatísticos de Monforte de lemos, que ben podería ser premio dalgún concurso de vídeos pola súa orixinalidade, polo traballo de selección de datos na web do IGE e porque foi feito coas mínimas ferramentas, un teléfono móbil. Sen dúbida merece a pena visualizalo:

VALORACIÓN DA EXPERIENCIA

Despois de participar durante meses neste proxecto, coidamos que fomos quen de contribuír positivamente ao impulso da innovación pedagóxica e no tratamento das TIC entre o profesorado do centro.

Sería complicado cuantificar en número de horas o traballo desenvolvido, xa que detrás de cada vídeo, imaxe, entrada de blog, hai unha tarefa de recollida de información e unha saída escolar motivadora para observar a cidade de Monforte e a contorna con outros ollos, ollos positivos, que buscaron a bondade do noso patrimonio, material e inmaterial.

Ao revisar agora os obxectivos programados, cremos que están acadados na totalidade, a pesar de que nos gustaría facer máis rutas, incluír máis sendeiros. Non foi posible por diversas circunstancias, unha delas foi o clima, un ano "pasado por auga" que fixo que tres veces tivésemos que cambiar as datas das saídas ou que quitásemos moitas fotos de fondo gris.

Quédanos unha boa herdanza, unha morea de actividades nas que alumnado e profesorado traballaron xuntos para dar a coñecer o mellor da comarca de Lemos. Sentimos que formamos parte dun mesmo equipo, no que aprendemos uns dos outros. Os alumnos utilizaron todas as competencias que están no currículo dun xeito natural e motivador e fixérono por unha boa causa, que está á vista de todos, e amósanse orgullosos de compartila nos blogs.

O marco do proxecto, blog de blogs, é totalmente transferible a calquera outro e adáptase perfectamente ao traballo en grupos de diferentes niveis, tanto de contidos curriculares como de tratamento de TIC, e pode facerse máis longo ou curto no tempo e na extensión das publicacións.

Non podemos finalizar este artigo doutro xeito máis que invitando a visitar a comarca de Lemos, xa que como di o noso lema "... boa xente, boa comida, que lugar mellor para gozar da vida!".

 

 

Profesorado e alumnado participante:

  • M.ª Jesús Casado Barrio (Matemáticas)
  • Ana Isabel Álvarez Goyanes (Debuxo)
  • Xulia Rodríguez Guntiñas (Lingua Galega)
  • Sonia Díaz Valdés (Lingua Castelá)
  • Gema Gandón Bernárdez (Educación Física)
  • Begoña González Fernández (Lingua Castelá)
  • José Antonio Vidal Garea (Xefe do Departamento de Actividades Extraescolares)
  • Jesús M.ª Quiroga González (Xefe do Departamento de Informática)
  • Alumnos de terceiro e cuarto da ESO 2012-2013 do IES Daviña Rey

 

Sección: