Ao cine desde a biblioteca escolar

A preocupación pola formación audiovisual levou á Biblioteca Escolar do IES Ramón M.ª Aller Ulloa (Lalín - Pontevedra) a ensaiar diversas accións e actividades. Esta colaboración alude a dúas delas: por unha banda, á conveniencia de formalizar nos centros o uso que facemos dos documentos audiovisuais, por outra, á consolidación de Anirmau, o Festival Internacional de Animación.

Mario Pereira Fernández
Responsable da biblioteca
mariopereira@edu.xunta.es

 

1. Audiovisual e proxecto lector

A redacción do Proxecto lector de centro permitiunos rexistrar unha serie de prácticas moi consolidadas a propósito da lectura de libros de ficción e das súas correspondentes probas de lectura (controis, exames, exposicións, informes, presentacións..., orais ou escritas). As referencias a outro tipo de documentos e/ou soportes nas programacións tendían a ser escasas e pouco sistematizadas. En relación cos audiovisuais, iso non recollía a práctica real. No noso centro, coma na maioría, o seu emprego é moito maior do que adoitaban recoller as programacións. Se cadra é que aínda nos resistimos a “homologar” plenamente os documentos diferentes ao libro impreso.

Tampouco é de estrañar. Sobre o libro construímos as nosas bibliotecas. Sobre el asenta a nosa formación e sobre el descansa (aínda) a maior parte do sistema educativo. Dentro de todos os sectores e factores que rodean o sistema, non son precisamente as bibliotecas escolares (BE) as máis opostas a incorporar outros medios e soportes. Ao contrario, en gran parte dos centros estas son a canle principal a través da que chegaron prácticas renovadoras, fórmulas TIC, dinámicas de grupo etc. Así e todo, o libro segue sendo a clave principal.

Se nos propoñemos recoller todas as boas prácticas e dotalas dun marco común (no PLC, por exemplo), un procedemento útil podería ser establecermos unha serie de paralelismos entre o audiovisual e o libro e pensarmos que case todas as actividades que facemos a partir dun texto impreso tamén as podemos realizar desde un texto fílmico. Pode que iso nos axude a definir os usos do audiovisual e, mesmo, a “ennobrecelo” ante colegas reticentes.

Unha listaxe de afinidades podería axudarnos a imaxinar algunhas desas actividades e a formalizalas. Simplemente pensemos en:

  • Formatos: contos e novelas, curtametraxes e longametraxes; textos completos e fragmentarios, filmes enteiros ou fragmentos cinematográficos.
  • Tipos de contidos e obxectivos: libros de ficción, informativos, de referencia...,  cine de ficción, documental, científico...
  • Tipos de mediación: libros de lectura autónoma e libros de lectura guiada ou auxiliada, filmes que non necesitan da nosa mediación e filmes que si.
  • Atractivos e “calidades”: semella que ao igual ca a literatura, tamén o cine vai perdendo atractivo como actividade social nas xeracións máis novas (en beneficio doutras pantallas) e que, ao igual ca na literatura, a produción de consumo oculta e dificulta o acceso á produción de calidade: oculta porque ocupa os espazos de acceso e distribución, dificulta porque “mal educa” no produto fácil e intranscendente.

Neste sentido, se lle atribuímos ao sistema escolar a responsabilidade de transmitir unha literatura canónica, como alicerce dunha base cultural común, non o deberiamos facer tamén a propósito do cine? Podemos pensar nunha cinematografía canónica nos nosos itinerarios lectores e plans anuais?

Este non é artigo para enumerar os problemas de espazos e tempos, de formación e de medios. Solucionalos excede o ámbito das bibliotecas escolares. Con todo, cada BE e cada centro pode ensaiar cos seus propios medios. A experiencia de Anirmau contén elementos xa practicados noutros sitios e percorre camiños que poden axudar a quen ande explorando territorios similares. Con esa intención vola presentamos.

2. Cara a Anirmau

No 2007-2008, constituímos, dentro do Equipo da Biblioteca, un grupo de traballo centrado nos audiovisuais. Pretendiamos explorar o recurso en dúas direccións:

a) A elaboración e produción de documentos audiovisuais. Para iso, á parte de adquirirmos o equipamento recomendado, procuramos formación en técnicas básicas co fin de trasladármosllas ao alumnado.

b) A exhibición de produtos audiovisuais, mostrados e contemplados como produtos autónomos con valores de seu, propoñendo unha aproximación reflexiva do noso alumnado ao audiovisual.

A primeira dirección tivo un breve percorrido, aínda que si nos serviu para realizarmos algunha experiencia e obtermos algunha referencia propia. A segunda mostrouse máis fértil e foi evolucionando ata o Anirmau, o Festival Internacional de Cine de Animación, que nas súas dúas primeiras convocatorias oficiais reuniu 820 curtametraxes de todo o mundo.

O interesante da experiencia, na medida en que poida ser reinterpretada e adaptada por calquera centro, é o camiño seguido.

2.1 Curtas 08

A organización dunha actividade continuada por parte da BE atópase adoito cun problema de espazos e de tempos. Esta primeira experiencia de curtas foi posible grazas a que, nese curso, incorporamos ao espazo TIC da biblioteca unha TV de plasma. Xa puideramos comprobar antes que unha dotación e/ou unha intervención afortunada no espazo estimula unha nova actividade e así sucedeu outra vez. E o tempo? Horas correspondentes a Plástica, á titoría ou a actividades de estudo permitiron a realización de Curtas 08:

  • Organizouse como un festival, no que o alumnado de cuarto da ESO actuou como xurado, en 10 sesións, con tres curtas por sesión.
  • Cada alumno debía valorar aspectos como o guión, a fotografía, a música e a calidade xeral de cada traballo. O obxectivo era propiciarmos unha valoración reflexiva sobre diversos aspectos “técnicos”.
  • Elaborouse unha guía didáctica e cada sesión acompañouse dun tríptico con ficha técnica das curtas e a presentación dun filme canónico.

A valoración da experiencia foi altamente positiva e a vantaxe das curtametraxes resultounos clara por:

  • A súa brevidade: facilidade de adaptación a tempos e espazos.
  • A súa ductilidade: facilidade de adecuación a niveis e obxectivos.
  • Presentan un maior equilibrio de competencias entre profesorado e alumnado. En xeral, o formato curto semella estar máis próximo ao modelo e ao consumo cultural dos máis novos, mentres a formación dos maiores está máis ligado á longametraxe.

2.2 Anirmau 09 e 10

Esa valoración (e a adquisición de mellores equipos) animou a continuidade da experiencia. Por suxestión de Severiano Casalderrey, especializouse en cine de animación e ampliáronse as actividades:

  • Elaboráronse novas unidades didácticas: elementos da animación (no 2009) e breve historia da animación (no 2010).
  • Iniciouse o proxecto Materias animadas: emprego das curtas para unhas determinadas materias.
  • Obradoiros de stop-motion e de edición de vídeo e exposicións.

O exhaustivos programas de 2009 e 2010 permiten ver con bastante nitidez o material empregado e a actividade desenvolvida.

3. O festival didáctico de cine de animación

Un punto fraco da actividade era a discutible legalidade da utilización dalgunhas pezas. Amparármonos no socorrido “uso non lucrativo” ou “uso docente” non parecía suficiente argumento para esportelar “as cuestións culturais, éticas, económicas, legais e sociais que rodean o uso da información” que, ademais de respectar, debemos transmitir.

Outra vez, Severiano Casalderrey tiña a solución: convocarmos un concurso internacional de curtas de animación. Pode ser fácil imaxinar o escepticismo dalgúns de nós: un festival internacional convocado por un institutiño perdido no medio dun país perdido alá nun recanto calquera e con 500 euros de premio? E quen se vai presentar!? Pois aquel primeiro ano presentáronse 232 obras a Anirmau 11  e a Anirmau 12, 588 curtametraxes dos cinco continentes.

E agora si, nas bases das convocatorias, recóllese explicitamente que “Todos os DVD ou outro tipo de copias que se envíen pasarán a formar parte do arquivo do festival. En ningún caso, as copias poderán utilizarse con fins comerciais ou con ánimo de lucro. O festival poderá empregar este material con fins unicamente didácticos e pedagóxicos dentro do marco educativo”.

O banco de películas que imos formando e as posibilidades que isto nos abre aínda están por explorar. Un bo exemplo que afecta a formación audiovisual, a defensa da diversidade lingüística e a promoción do galego é que agora podemos subtitular. Como consecuencia, todos os filmes se emiten na súa versión orixinal, cos subtítulos (labor do Equipo de Apoio) en galego.

Xa na nova situación, mantéñense boa parte dos esquemas anteriores (exposicións, obradoiros...), pero vanse incorporando novidades:

  • As proxeccións trasladáronse aos cines Filmax Pontiñas.
  • Abriuse a todos os centros escolares da comarca, con sesións específicas -polas mañás- para cada nivel educativo (sesións didácticas).
  • A sección competitiva está aberta ao público en xeral.
  • Contamos con visitas de creadores e produtores (Juan Pablo Etcheverry, John R. Dilwort, Anxo Santomil, Tomás Conde, Virginia Curiá, Juan de Dios Marfil, Jorge Morais, Manuel Cristóbal, Chelo Loureiro, Fernando Cortizo...).
  • Con Anirmau 13, centrado nas longametraxes, completamos o círculo de formatos (curtas, longas, publicidades, vídeos musicais, cortinas...).

Unha valoración xeral?

Resulta complicado. Trátase dunha actividade complexa que non para de evolucionar, unha actividade que xa adquiriu novas dimensións alén do ámbito bibliotecario e escolar e á que nestes tres anos acudiron -de media- uns 1.500 estudantes e 1.000 espectadores de público xeral, unha actividade que vai adquirindo presenza no mundo da animación internacional e que, ante todo, non deixa de ser o esforzo dun centro de ensino público.

 

 

Sección: