CREA-ndo + APRENDE-ndo + DESFRUTA-ndo + EXPRES-ando = OPERA-ndo

O nacemento dunha compañía de ópera infantil
As nenas e nenos de primaria do CEIP Augusto Assía da Mezquita (Ourense), xunto coas nais, pais e mestres, foron os protagonistas o pasado curso 2011-2012 dunha apaixonante tarefa que durou todo o ano: crearon a súa propia compañía de ópera infantil. Unha compañía formada por vinte rapazas e rapaces, dun colexio de trinta.

Lara Valcuende Loma
CPI Conde de Fenosa, Ares (A Coruña)
laraval@edu.xunta.es

 

Esta actividade multidisciplinar insírese no proxecto LOVA (A Ópera Vehículo de Aprendizaxe: www.proyectolova.es) e constitúe unha ferramenta de aprendizaxe que posibilita a integración dos elementos do currículo e o desenvolvemento das competencias básicas a través da creación dunha compañía de ópera infantil. Os nenos elaboran as estratexias necesarias para traballar en grupo, para solucionar conflitos e para coñecer e fundamentar os seus coñecementos e experiencias. Trátase dun xeito distinto de percibir a educación, dunha verdadeira aprendizaxe na escola e, o máis importante, na vida.

O curso comezou no mes de setembro con espazos baleiros no horario dos rapaces de educación primaria. O primeiro día xuntámonos para comprobar o porqué deses ocos. Había moita expectación. Todos os rapaces estaban expectantes: “Seguro que imos facer unha obra de teatro, estamos todas as nenas e todos os nenos de primaria”, “Ao mellor imos cantar”, “No horario falta Plástica, non faremos un cartel xigante para decorar o noso cole?”… Moitas foron as cábalas que xurdiron ao redor dunha actividade que se ía estender o ano enteiro, na que participariamos toda a comunidade educativa e á que lle dedicariamos catro horas á semana.

As horas que se agruparon para posibilitar a xuntanza de todos os nenos e nenas foron as correspondentes a Plástica, Música, unha hora de Lingua Castelá, unha de Lingua Galega e de Educación para a Cidadanía, no caso do alumnado de sexto de primaria.

Despois dunha gran lea, a proposta de crear unha compañía de ópera infantil con vistas a unha futura representación, no mes de xuño, foi moi ben acollida. Algúns cativos amosábanse escépticos porque o concepto que tiñan da ópera era moi parecido ao dun teatro musical, no que os intérpretes cantan dunha maneira un pouco rara, van vestidos con traxes suntuosos e actúan nun teatro con moitas luces. A primeira semana fómoslle dando forma ao que sería, finalmente, un traballo cooperativo feito na súa totalidade polo alumnado do colexio e onde estarían representadas todas as profesións do ámbito escénico na procura dun reto común: crear unha compañía e representar a súa ópera orixinal.

O traballo dividiuse en tres fases:

1.ª Formación da compañía e achegamento ás profesións no primeiro trimestre.

2.ª Traballo por profesións durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril.

3.ª Ensaios e últimos retoques ata o día da representación, o 8 de xuño.

Durante a primeira etapa, comezamos a traballar unha serie de tarefas, que denominamos “retos” e que constituíron a semente para a formación da compañía. Estas actividades tiñan dous compoñentes fundamentais: a práctica e a reflexión. A través da práctica, a reflexión e a posta en común coa compañía, xurdiron valores de sensibilización social, pertenza ao grupo, participación, respecto ás normas, respecto aos compañeiros, a escoita, a tolerancia, a reflexión, o diálogo etc. Logo todos os nenos plasmaban as súas impresións no caderno de bitácora sobre a experiencia vivida no reto (dificultades, logros, emocións, aprendizaxes…), que serían compartidas por toda a compañía ao finalizar a sesión. A esta altura, a compañía comeza, pois, a sentirse partícipe dos logros, das desilusións, das alegrías, das tristezas… Iníciase a nosa singradura…

Desde esta perspectiva do traballo colectivo, empezamos a pensar nun nome para a compañía. O traballo con metáforas tornouse moi enriquecedor, xa que pouco a pouco nos axudou a entender o significado profundo das cousas, grazas á creación de imaxes e a súa vinculación coas verbas . A nosa compañía, a compañía que queriamos, sería:

  • Unha torre de luz, porque ten moita enerxía.
  • A lúa, porque pola noite resplandece a súa luz.
  • Unha colmea, porque traballamos en equipo.
  • Unha tea de araña, porque iamos tecendo oportunidades.
  • Un muro, porque resistimos!
  • Unha árbore, porque viamos moitas pólas…

A compañía empeza a pensar en posibles nomes para si e, finalmente, tras unha posta en común, a elección final conxunta foi Constelación, porque “cada un de nós brillamos con luz propia”, “todos somos necesarios”, “somos distintos, pero tamén iguais”, “as estrelas da constelación están conectadas”, “podemos xuntarnos con outras constelacións”…

Logo de atopar o nome, chegou a hora de crear un logo que nos identificase. Creamos uns elementos gráficos distintivos, cun selo final que mostraba de forma plástica o sentir, o pensar e o vivir da nosa compañía. Tras as valoracións feitas e as achegas dos nosos creadores, o logo resultante foi o seguinte:

Logo da compañía de ópera

 

É un logo que nos representa a todos e a cada un de nós, aparecen 19 estrelas ao redor dun círculo porque ao primeiro sentabamos deste modo, e cando remataban as reunións, cantabamos, tamén en círculo, unha canción, “Olelé”. Todas as estrelas están conectadas, cada unha é dunha cor distinta, dentro do círculo, a cor verde refírese á nosa paisaxe, e un “C” de compañía e de constelación. Dentro do “C” aparecen máis estrelas que simbolizan outras persoas que talvez queiran axudarnos a construír a ópera…

Como dicía con anterioridade, os simbolismos e as metáforas xogaron un papel determinante na nosa compañía. Empatía, confianza, cooperación, esforzo, superación, entusiasmo, gozo foron algúns dos termos que, paseniñamente, ían formando parte do noso día a día. Todos eses aspectos víanse reflectidos nunha rocha que, a modo de compromiso coa compañía, cada neno e nena levaba na súa mochila dende o comezo. Tiñamos rochas de todas as cores, formas e materiais, eran pedras que conformaban un camiño que cumpría seguir, coas que ás veces tamén tropezabamos, pero que enseguida e con folgos renovados nos levaban cara ao camiño emprendido. Por veces, algunha estrela da compañía faltaba á xuntanza, pero a súa pedra estaba alí, representándoa.

Outras experiencias moi significativas para nós, e substrato importante da ópera, foron as tarefas dedicadas a profundar nas nosas emocións. Partindo de preguntas moi sinxelas, como: que te fai feliz?, que te preocupa?, a que lle tes medo?, que te anoxa?, que te pon triste?, atopamos o verdadeiro latexo da compañía e de cada un dos seus integrantes. Todas as respostas se colocaron en grandes carteis no corredor central do colexio.

Ademais destes traballos, e de forma paralela, mergullabámonos no labor das profesións. Na nosa compañía de ópera infantil contariamos con director/a de produción e escena, relacións públicas e documentalistas, escenógrafos/carpinteiros e iluminadores, intérpretes, compositores e deseñadores de vestiario e maquillaxe.

Para saber un pouco máis do que hai detrás destes labores escénicos, contamos coa axuda de profesionais do ámbito do teatro e da animación infantil. As rapazas de Arurun Xogos e Enredos acudiron á nosa chamada con todos os seus trebellos e o seu entusiasmo polo proxecto. Elas encargáronse de mostrarnos, de modo moi visual e práctico, como é un teatro, as partes que o forman, faláronnos de luces, vestiario, escenografía, interpretación, caracterización psicolóxica de personaxes, e todo desde unha óptica eminentemente práctica. Xogamos coas luces dun pequeno teatro, disfrazámonos caracterizados de distintos personaxes, creamos escenografías a partir de material reciclado, ideamos pequenas escenas improvisadas, en definitiva, aprendemos desde dentro que fai cada un destes profesionais do ámbito da escena. Non perdiamos detalle, que logo ían ser as nosas profesións.

Arunrun

 

Despois desta experiencia, os membros da compañía elixiron cal ía ser a súa profesión. Nun papel marcaron as tres posibles opcións; en función desas escollas, e logo dunha serie de audicións, as mestras, considerando os intereses dos nenos, valorando cal sería a máis significativa para cada un e atendendo ás necesidades da compañía, tiveron a última palabra.

O momento de entrega dos diplomas a cada un dos futuros profesionais, alá polo mes de decembro, resultou moi emocionante. A compañía agardaba ansiosa a entrega de tan prezado papel; por fin tiñan nas súas mans a profesión á que ían dedicar o resto do curso naquela ópera integramente creada por eles. Por diante tiñamos as vacacións de Nadal para ir argallando as accións para o novo ano.

Á volta, comezamos a escribir o texto da nosa ópera. Para comezar coa escritura do libreto, empezamos por familiarizarnos con termos como tema, tese, conflito, personaxes, argumento… A compañía, como fixo desde o primeiro momento, continuaba xuntándose naquela rolda e comentando as propostas e suxestións. Para escribir o libreto, primeiro empezamos co tema. Este xurdiría do panel dos sentimentos, do que falabamos antes, e da “Carta a un descoñecido/a”.

Algúns dos temas que abrollaron foron a amizade, a morte, o medo, o compromiso, a felicidade… e, finalmente, o tema elixido foi o do maltrato animal.

Tendo como referencia esta liña temática, comezamos a pensar na mensaxe que lle queriamos transmitir ao público coa ópera. Deste modo estabamos a elaborar a tese. Algunhas foron: “quen as dá, tamén as leva”, “a vida dos animais non é unha parede para dar golpes”, “cada vez menos distancia entre a vida e a morte”, “non lixes a túa conciencia”, “cando mancas a alguén, o que sofres es ti”… Tras a valoración por parte da compañía, a tese que se decidiu traballar foi “non te confundas, non é un xogo”.

Unha vez que tiñamos tema e tese, comezamos a crear os personaxes. Para iso, a compañía compilou unha listaxe de preto de 120 adxectivos cualificativos que definirían psicoloxicamente os personaxes. Con todos, e tendo en conta que os personaxes da nosa ópera ían ser cinco, faríase unha escolma da que se elixirían cinco adxectivos que caracterizarían cada un dos nosos personaxes, buscando un equilibrio entre calidades positivas e negativas para cada un deles. En moitos casos, comprobamos que ás veces a liña que separa o positivo do negativo é moito máis voluble do que pensabamos.

 

Personaxes

 

Despois de definir a caracterización psicolóxica de cada personaxe, establecemos as relacións que debían ter entre eles (familiares, amigos, coñecidos, veciños...), creamos o conflito, definimos os lugares da acción e comezamos co argumento. Para a creación do argumento incluímos textos de dous tipos. Por unha banda, textos poéticos para os momentos de maior carga dramática, o que logo serían as cancións, e por outra, traballamos con diálogos, de carácter máis narrativo para as pasaxes máis descritivas.

Finalmente, e tras a creación do libreto, a compañía debe buscar un título para a súa ópera. Aparecen distintas propostas: “O poder da amizade”, “As mentiras non levan a ningures”, “O can perdido que roubou o inimigo”, “As estrelas tristes no ceo”, “E perdeuse o can”… e o título elixido foi... Formigas mentais. O tema das formigas como seres vivos que conforman unha comunidade, o formigueiro, onde cada formiga realiza un labor importante e necesario dentro de todo o colectivo. A compañía xusto era iso, un formigueiro de rapaces con tarefas diversificadas na procura dun mesmo obxectivo. O de mentais fai referencia a que a creación da ópera foi un soño, “nunca pensamos que podiamos facer algo así”, un soño que se pode facer realidade co traballo de cada un deles. Un neno defende: “realmente non somos formigas, somos nenos... o formigueiro é unha idea da nosa mente”.

Cando xa a compañía posúe o libreto, comeza o traballo por profesións. Cada grupo inicia o seu labor de forma independente e este é supervisado por unha nena, a directora de produción, que se encarga de que a compañía siga na procura de cada reto individual dos integrantes e do reto final, representar a ópera o día previsto.

Cada profesión dispón dunha clase que eles mesmos habilitan (lembremos que o colexio da Mezquita, que no seu día contou con arredor de 300 alumnos, agora ten 30). En cada porta pódese ver o cartel de cada grupo. Nos obradoiros, o labor que se vai desenvolver é diverso:

- Os deseñadores de vestiario e maquillaxe traballaron na biblioteca deseñando os bosquexos para os personaxes, tomándolles as medidas aos actores, cortando patróns, escollendo cores e teas, peiteados, cosendo… Para levar a cabo esta tarefa, contamos coa colaboración de dúas nais que nos axudaron nos últimos meses.

- Os relacións públicas e documentalistas realizaban na sala de audiovisuais listas de contactos, deseñaban e actualizaban o blog da compañía, chamaban os medios de comunicación para darlle publicidade á ópera, creaban e actualizaban a conta de Twitter da compañía, entrevistaban os distintos profesionais, deseñaban o programa de man para a estrea, montaban un Power Point con ocasión dun momento preciso da ópera…

- Os escenógrafos, carpinteiros e iluminadores, despois de controlar as medidas no escenario e os bosquexos, crearon os elementos do escenario e deseñaron os decorados, tamén previron como sería a iluminación. Cómpre salientar o importante labor desenvolto por esta profesión durante a representación. Eles permaneceron agochados entre patas, controlando todo o material preciso para a representación, cambiando decorados e axudándolles aos intérpretes co atrezzo fóra de escena.

- Os compositores, desde a aula de música, crearon a banda sonora da ópera. Para idear as primeiras melodías, traballaron cos textos dos personaxes, pouquiño a pouco foron engadindo acompañamentos rítmicos, pequenas harmonizacións e improvisacións. A música resultante foi por un lado instrumental, na obertura inicial e nos interludios, e vocal para a aria e o coro.

- Os intérpretes, nun primeiro momento, realizaron a súa actividade de forma dramatizada, sen descoidar a caracterización psicolóxica dos personaxes, aprenderon o texto, foron tomando contacto de modo progresivo cos movementos escénicos, abordaron aspectos relacionados coa voz como a proxección, a impostación, a dicción, a entoación, a perda do medo escénico e da vergoña...

- Dirección de produción e escena estivo ocupada co resto das profesións, tendo en conta as necesidades materiais e humanas de cada unha, mediando en situación de conflitos entre os profesionais, poñendo ao día un taboleiro coas reunións da compañía ou de cada profesión en particular, elaborando o discurso de benvida para o día da estrea, servindo de ligazón entre a compañía e as mestras…

 

O día 8 de xuño, foi a estrea da ópera infantil Formigas mentais, ideada e producida integramente por un colectivo de vinte nenos e nenas que conseguiron un gran reto e para o que sumaron esforzos durante nove meses. A experiencia foi moi significativa e gratificante, non só para os rapaces, senón para toda a comunidade educativa e mais para todo o concello da Mezquita. Durante meses non se deixou de falar de que no centro escolar os rapaces estaban a facer algo parecido a unha ópera, falábase de escenógrafos, de música, de blog, de estrea, de camisetas, chamaba a radio para entrevistar os personaxes e os relacións públicas, viña a televisión ao centro, saían na prensa... Cando todos puidemos contemplar cos nosos ollos todo aquilo, decatámonos de que a representación final da ópera fora unha muxica dentro de todo o que brillaron eses nenos durante todo un ano.

O curso rematou con outro dos soños da compañía de ópera infantil: visitar o Teatro Real en Madrid. Para iso, a compañía, axudada polos pais de dúas nenas, puxo en marcha toda unha liña de merchandaxe: gorras, camisetas e adhesivos.

 

Merchandaxe

 

Grazas aos fondos recadados coa venda do material e ao apoio do proxecto LOVA, gozamos dunha gratificante e moi significativa excursión de fin de curso en Madrid, visitando, por suposto, o Teatro Real.

O curso lectivo rematou e, despois da nosa apaixonante excursión, procedemos a recoller todo o material creado pola compañía. Sentimentos, personaxes, nomes, poesías... e na sala onde se realizaban as xuntanzas un muro moi especial que se foi enchendo de contidos semana a semana durante o curso que xa tocaba ao seu fin e que foi simbolizando os pequenos grandes pasos que estaban a realizar rapaces de 6 a 12 anos no marco da ópera e, por suposto, no camiño da vida: o muro das aprendizaxes.

 

 

 

Sección: