A semente do pensamento matemático
Lidia Rodríguez Ruiz
lidiarodriguezruiz@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Vila de Rutis (Culleredo - A Coruña)

A educación infantil é o escenario máis fértil para que medre a semente do pensamento matemático. A miúdo, o ensino das matemáticas asóciase só coa memorización e as operacións abstractas; porén, nesta etapa, o traballo do sentido numérico resulta ser algo máis, pode chegar a ser unha das experiencias máis gratificantes tanto para o docente coma para o alumnado.
Tras uns cursos de formación con PFPP de matemáticas no centro e outros cursos no CFR e no CAFI e da posta en marcha de moitas dinámicas e actividades, temos claro que hai tres eixes claves sobre os que xira todo o traballo matemático.
Un sería manter unha metodoloxía na que o alumnado poida ter experiencias lúdicas e manipulativas nas que desenvolver todos os contidos matemáticos e que asenten as bases para a resolución de problemas e a comprensión do mundo, transformando a aprendizaxe nun descubrimento constante e significativo.
Outro eixe sería preparar o espazo e o material para que poidan experimentar esas situacións enriquecedoras, relaxadas e compartidas cos iguais, e que lles axude a crear unha andamiaxe clave para adquirir todas as aprendizaxes matemáticas para a etapa.
O último eixe sería ter claros os contidos que temos que impartir. Debemos trazar o mapa polo que imos viaxar con eles e, para iso, debemos apoiarnos tanto no marco lexislativo coma nunha boa programación adaptada á diversidade que atopamos na aula para favorecer unha completa inclusión de todo o alumnado.
O xogo como base metodolóxica

Para que o pensamento matemático floreza, o proceso de ensino-aprendizaxe debe ser fundamentalmente manipulativo, experiencial e multisensorial.
O alumnado non aprende os conceptos de forma pasiva, senón interactuando coa realidade, e é aí onde o xogo desestruturado e os materiais cotiáns cobran un valor incalculable. Desde o xogo de construción ata a exploración da natureza, a aula convértese nun laboratorio onde se abordan contidos esenciais de lóxica, clasificación, conteo, estimación, medidas e padróns.
O xogo, ademais, é unha estratexia moi poderosa para coñecer a personalidade do alumnado que temos na aula e ofrece a oportunidade para que desenvolvan ferramentas que están por aprender.
Cando teñen tempo de participar en actividades de circulación libre ou experimentan en ambientes de estimulación sensorial (Rodríguez Cao, 2023; Abad e Ruiz, 2011), desenvolven as estratexias para a aprendizaxe do pensamento matemático, por exemplo, aprenden a anticipar, a xerar hipóteses, a respectar as opinións dos demais, a autorregularse ou a descubrir a regularidade no seu mundo, unha habilidade central para a resolución de problemas futuros.
Pero... como nos organizamos na clase?
O groso do traballo é en circulación libre pola clase. Na aula temos o mobiliario con bandexas con propostas de material matemático, entre outras. O alumnado escolle con que proposta vai traballar e con quen a vai compartir. Previamente, na asemblea, xa utilizamos ese material, así que xa coñecen unha maneira de empregalo e como recollelo.
Como actividade dirixida polo adulto, cada día facemos unha asemblea con xogo matemático, onde participamos todos.
Para organizar os contidos matemáticos que traballaremos cada día, programamos a asemblea mensualmente e asignamos un contido matemático para cada día. Por exemplo, cando comezamos en tres anos, organizariamos da seguinte maneira: luns e xoves dedicados a conteo; martes, á recta numérica; mércores, a padróns e os venres, a subitización.
Que actividades fariamos con estes contidos?
Por exemplo, os días de conteo aproveitamos calquera material para contar. Aproveitando o outono, contamos landras, castañas, piñas etc. Outro día de conteo podemos xogar ao xogo de Cluck cluck!, The fox! de Londji, no que contamos o camiño que fai o raposo e as galiñas e os ovos que salvamos.
O día da recta numérica saltamos os números na alfombra.
O día de padróns colocamos uns pratiños con policubos e buscamos os pratos que teñan a mesma cantidade.
E o día de subitización facemos estimación con agrupacións de poucos elementos.
A asemblea revísase constantemente para adaptala ao grupo segundo vai evolucionando e adquirindo coñecementos matemáticos. Algo moi importante que cómpre destacar é que todos os días cambiamos o xogo matemático, ningunha semana repetimos as actividades.
A importancia do espazo e dos materiais

O espazo da aula e o seu contorno non son meros escenarios, senón elementos didácticos esenciais para a construción do pensamento lóxico-matemático en educación infantil. Nesta etapa, a aprendizaxe é eminentemente sensorial e vivencial, e o ambiente físico debe reflectir e potenciar esta realidade.
O espazo que preparas como docente reflicte a túa mirada cara á nena e o neno que tes na aula.
Un espazo agradable e cómodo, nun ambiente acolledor onde predomine a luz natural e con puntos de luz cálida, que non estea chea de estímulos e que todo teña o seu lugar, dálle ao alumnado a sensación de pertencer a ese «fogar educativo». Cando o alumnado entra, sente que ten un lugar aí e que está invitado á acción desde o respecto.
En referencia ao material e ás propostas, unha aula ben planificada e organizada, cunha orde clara do material, con espazos abertos e zonas de traballo concretas, facilita a experimentación, a manipulación e o xogo libre, fundamental para a adquisición das primeiras nocións matemáticas.
Que materiais me parecen esenciais?
Para traballar na libre circulación priorizamos o material non estruturado (bloques de madeira, material de construción, troncos, bloques de cortiza, imáns de diferentes formas, legos…).
Como material matemático recomendamos a alfombra da recta numérica ata o 20, o cadrante do 100 en diferentes soportes, rectas numéricas pequenas en diferentes soportes, xogos de mesa que conteñan conceptos numéricos, barallas de cartas, dominós, as casas das familias dos números, instrumentos de medida, bloques lóxicos, Numicon e Sumblox.
Ademais, o espazo debe transcender os límites físicos da aula. O patio, os corredores, os espazos comúns do centro ou a contorna próxima convértense en valiosos laboratorios matemáticos que enriquecen o desenvolvemento dos procesos cognitivos. A interacción coa natureza e o contexto real permítelles aos pequenos descubrir as matemáticas na súa cotiandade e poder contextualizalas, facéndoas máis significativas e funcionais.
En definitiva, un espazo flexible, estimulante e pensado pedagoxicamente non só favorece o desenvolvemento cognitivo, senón tamén o desenvolvemento social e emocional ao fomentar a resolución de problemas, a cooperación e a comunicación das ideas matemáticas. O ambiente convértese, deste xeito, nun terceiro mestre (Magaluzzi, 1996) que invita a investigar e a gozar aprendendo matemáticas.
O papel do adulto

Podemos dicir que o noso labor como mestres ten dous obxectivos principais. Un sería estruturar e programar todos os contidos matemáticos ao longo de toda a etapa de educación infantil e outro obxectivo sería adaptarnos de xeito individualizado ao alumando.
Por un lado, debemos apoiarnos no marco lexislativo que recolle o currículo de educación infantil e, por outro, adoptar unha mirada personalizada cara ao alumnado, para que cada concepto matemático se constrúa de forma natural e significativa.
A diversidade conforta o maior reto que temos como docentes. Temos aulas cheas de alumnado con diferentes ritmos, características e situacións persoais. Por esta razón, a nosa resposta pedagóxica debe ser flexible e chegar a cada unha das realidades da aula.
Ir seleccionando contidos segundo o nivel de cada alumna e alumno, deseñar actividades e buscar materiais apropiados para conseguir os nosos obxectivos matemáticos debería ser unha constante na nosa programación pedagóxica e a clave do avance de todo o alumnado.
Unha boa práctica sería facer un rexistro individual ou anecdotario, onde recollemos o nivel individual de todo o noso alumnado. Eu emprego un caderno e un bolígrafo, un medio non moi tecnolóxico pero funcional. Dedícolle cada folla a un alumno e vou anotando con data cada avance ou feito relevante para despois empregalo na programación e na avaliación.
Esta estratexia permitirá coñecer ben os avances do alumnado e saber que lle temos que pedir para superar o nivel no que está de xeito motivador. Saber en que momento se atopa o alumnado apoia a idea de non poñer «nin chan nin teito» e de que cada aprendizaxe sexa un reto que desexen alcanzar para avanzar.
Ese seguimento por parte do docente axudará de xeito importante na programación, tanto en actividade grupal coma en actividade individual, e nas propostas para traballar libremente na aula.

En resumo, a semente do pensamento matemático que plantamos na educación infantil medra forte e saudable cando lle ofrecemos o terreo axeitado: un espazo que convida á exploración, un material que estimula os sentidos e unha metodoloxía que ten o xogo como alicerce central.
Porén, a clave de todo este proceso é o papel do docente como observador e guía activo. A nosa responsabilidade non se limita á simple programación de contidos, senón que ten que entender a diversidade da aula e adaptar a viaxe curricular á realidade de cada nena e neno. Unha boa formación e o traballo en equipo farán o camiño máis doado.
Ao personalizar os contidos, convertemos cada nova noción matemática nun reto desexado, motivador e alcanzable.
Así, garantimos que as Matemáticas non sexan unha materia ríxida e abstracta, senón un conxunto de estratexias lúdicas para a comprensión e a resolución de problemas da súa propia vida.
É moi gratificante tamén participar co CFR e co CAFI en formar mestres con esta mirada individualizada cara á infancia e investir na construción dunha base lóxica sólida para o futuro, onde cada persoa poida gozar da beleza e utilidade do pensamento matemático.





















